O Plan Reitor da Xunta para o Parque Natural de Corrubedo, "unha maneira como outra de destruír un país"

Dunas de Corrubedo CC-BY charlotteinaustralia

A SGHN sinala varias ilegalidades no PRUX e solicita que se desbote o documento por "subordinar a protección e conservación aos intereses especulativos duns poucos cidadáns"

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar que se retire o borrador de Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) proposto pola Xunta para o Parque Natural de Corrubedo, sinalando a existencia de varios aspectos ilegais e numerosas deficiencias na súa redacción e obxectivos. Nas súas alegacións, a entidade critica que o texto, sometido ao trámite de exposición pública, subordina o documento ás directrices do PXOM de Ribeira, non adaptado á normativa urbanística galega nin sometido á necesaria avaliación ambiental. E denuncia que "pretende rebaixar o grao de protección do Parque Natural establecido nos PORN, alterando a zonificación e as directrices de urbanismo, ordenación territorial, infraestruturas e obras".

Conclúe que non resolve ningún dos problemas que na actualidade presenta o Parque. "Máis ben os enquista ou os incrementa", di

Para a SGHN, "o borrador do PRUX carece do mínimo rigor que se espera a un documento de planificación dun espazo natural protexido". E conclúe que non resolve ningún dos problemas que na actualidade presenta o Parque. "Máis ben os enquista ou os incrementa, resultando lesivo para a conservación do espazo natural, especialmente en relación co incumprimento das obrigacións emanadas da normativa ambiental europea, nacional e autonómica, subordinando a protección e conservación aos intereses especulativos duns poucos cidadáns". As alegacións alertan de que o Plan proposto "contempla unha clasificación de solo urbano, solo de núcleo rural ou ampliación do núcleo rural que afecta de forma grave á integridade do espazo natural" e que "suporía un desenvolvemento urbanístico caótico no Parque Natural".

Destaca ademais que o PRUX "esquece ou obvia o status de protección dos humidais protexidos" expondo un conxunto de medidas, como a recuperación dos sangrados, "que teñen un efecto moi prexudicial para o estado ecolóxico do humidal". "Determinacións que vulneran en consecuencia a normativa vixente", engade.

De igual xeito, tamén Verdegaia se amosa moi crítica nas súas alegacións, nas que denuncia que "na zona de uso xeral permítense moitas actividades de dubidosa inclusión nun espazo protexido, mesmo actividades mineiras". Verdegaia pediu nas súas alegacións a eliminación das instalacións dunha canteira que se atopan dentro da superficie do parque e que son incompatibles co mesmo.

"Os Parques Naturais desígnanse co obxectivo principal de protexer determinados espazos. Non son, como parece pensar a Administración, parques temáticos para atraer o turismo", di Verdegaia

A entidade tamén cualifica como "moi grave" que o PRUX diminúa a protección da praia, que acolle hábitats de gran importancia (especialmente para as aves) "designándoa tamén ilegalmente como zona de uso compatible". "O PRUX debería establecer medidas para limitar o número de persoas que acceden á praia estipulando unha a carga máxima de visitantes de acordo a criterios científicos, e tendo en conta que o número de persoas que acceden á praia aumenta cada ano", sinala a asociación, que conclúe que "os Parques naturais desígnanse co obxectivo principal de protexer determinados espazos, respectando as actividades tradicionais que se desenvolveron na contorna e que posibilitaron a conservación dese valores naturais. Non son, como parece pensar a Administración, parques temáticos para atraer o turismo".

O complexo dunar de Corrubedo | CC BY-SA | Dorfun

 

Un Parque Natural degradado

O Parque Natural foi declarado pola Xunta en 1992, hai 25 anos. Porén, ata agora careceu de Plan de Usos e Xestión

A SGHN lembra que o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán "inclúe un dos espazos marítimo-terrestre de maior valor ambiental do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto pola singularidade dos seus compoñentes xeolóxicos, xeomorfolóxicos e sedimentolóxicos, como pola biodiversidade a nivel dos seus ecosistemas". O Parque Natural foi declarado pola Xunta en 1992, hai 25 anos. Porén, ata agora careceu de PRUX. Así mesmo, a entidade sinala que os primeiros anos do Parque Natural viñeron marcados "por unha errática xestión", á que "contribuíu decididamente o seu primeiro Director, causante da introdución no Parque Natural de distintas especies exóticas". "Fomentouse tamén o paseo sobre a duna móbil establecendo unha desastrosa pasarela de madeira", engade.

A SGHN alerta de "plantacións de eucaliptos ou de piñeiro de Monterrey invadindo áreas que orixinalmente estaban ocupadas por sistemas dunares ou formaban parte do humidal"

A entidade alerta de que na actualidade o Parque Natural sofre unha serie de "afeccións negativas", como "a construción de vivendas sobre áreas ocupadas por ecosistemas dunares, humidais, ou agrosistemas de gran valor ambiental, xunto cos peches que rodean estas construcións e outros predios nos que se pretende construír, establecidos por materiais de fábrica, que resultan impermeables ao tránsito de moitas especies e provocan unha grave deterioración paisaxística". Subliña, así mesmo, a problemática causada pola existencia dentro do Parque Natural dunha planta de formigonado. E critica que a actividade agrícola-forestal no Parque Natural "afástase substancialmente dos conceptos de uso racional e de uso sustentable", atopándose "plantacións de eucaliptos ou de piñeiro de Monterrey invadindo áreas que orixinalmente estaban ocupadas por sistemas dunares ou formaban parte do humidal".

"Os efectos máis negativos maniféstanse sobre a Duna Móbil, que día tras día recibe o pisoteo ilegal de distintos visitantes, actuación tolerada polos responsables da Dirección Xeral do Patrimonio Natural"

Lembra, finalmente, que o Parque "é o máis visitado de Galicia, especialmente no período estival, onde se supera amplamente a súa capacidade de carga". E que "os efectos máis negativos maniféstanse sobre a Duna Móbil, que día tras día recibe o pisoteo ilegal de distintos visitantes, actuación tolerada polos responsables da Dirección Xeral do Patrimonio Natural".

Nas súas alegacións, a SGHN alerta especificamente sobre "o incumprimento da normativa ambiental ao tolerar o pisoteo no sistema dunar, e especialmente sobre a duna móbil, eliminando todas as medidas efectivas de control que noutro tempo foron impulsadas para garantir a conservación da única representación de Duna Móbil existente no territorio Atlántico de España". "Unha maneira como outra de destruír un país", conclúe.

Unha imaxe de Corrubedo | CC BY-SA | CPGXK

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.