- Outro expediente a un traballador crítico coa dirección da CRTVG marca o vixésimo sexto venres negro
O persoal da CRTVG, unhas 900 persoas entre fixas e eventuais, está chamado á folga. Serán paros parciais de dúas horas en seis días de novembro e outros dous de decembro, ademais dun paro xeral de 24 horas convocado para o 19 de decembro. Nun ambiente de mobilización marcado polos venres negros contra a manipulación informativa, que xa acumulan vinte e seis semanas, este 20 de novembro comezará a folga sen acordo entre empresa e persoal a respecto dos servizos mínimos. Tras dúas xornadas de conversas, as negociacións racharon.
As negociacións dos servizos mínimos estiveron marcadas polas recentes sentenzas nas que o TSXG acreditou que a CRTVG vulnerou o dereito a secundar a folga feminista do 8M
"Foi unha mágoa, porque puidemos chegar a acordos", recoñécese dende o comité de folga a respecto dunhas negociacións que viñeron marcadas pola recente sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou os servizos mínimos decretados nos medios públicos para a folga feminista do 8M por consideralos excesivos e "maliciosos". O pasado abril outra sentenza do mesmo tribunal concluíra que a Televisión de Galicia vulnerara o dereito do seu persoal a secundar esa mesma mobilización mediante técnicas de "esquirolaxe interna".
Manifestación de persoal dos medios públicos, o pasado setembro / Defende a Galega
"Quixemos desbrozar o camiño coa xurisprudencia na man", sinalan dende o comité para Praza.gal, xa que estas e outras sentenzas deixan claro o que son servizos "esenciais" da TVG e da Radio Galega durante unha xornada de folga. Pero "eles seguen teimando en convocar un número abusivo de efectivos" para, interpretan, "minimizar o impacto" da mobilización. Aínda que existiron "achegamentos" de posturas, finalmente non houbo acordo no respecto do número de efectivos que deben estar dispoñibles mentres duren os devanditos paros de dúas horas -a empresa partía dunha cifra de 167 persoas, segundo as fontes consultadas, mentres que o persoal partiu de 87 e chegou a roldar os 100-.
A táboa reivindicativa
As centrais sindicais agardan polo decreto de servizos mínimos para impugnalo formalmente mentres agardan poder chegar a acordos sobre a parte da folga aínda non negociada: a do paro xeral do 19 de decembro e o de seis horas do día 22 do mesmo mes. E, ao tempo, lembran a táboa reivindicativa e motiva a propia mobilización laboral, que a dirección da Corporación pública tentou conseguir desconvocar mediante unha negociación previa. Estas reivindicacións son secundadas tamén polo colectivo Defende a Galega, que as apoia como "calquera outra reivindicación que afecte á calidade do servizo público" na CRTVG, "pero entende que son os sindicatos os que deben levar a voz das mobilizacións que convocan".
Persoal da CRTVG a participar nun 'venres negro' / Defende a Galega
Así, por exemplo, o comité pon o acento na necesidade de "recuperar a produción propia interna" con programas informativos e de debate e entretemento producidos internamente, así como o "regreso" dun formato contedor semellante ao Xabarín para o público infantil ou a "recuperación das conexións en directo nos servizos informativos. Negociacións para unha mellor "dimensión" do cadro de persoal ou a fin da "utilización fraudulenta da contratación en prácticas" son outras das demandas laborais nunha folga na que a "erradicación da manipulación informativa" e o cumprimento íntegro da lei de medios do ano 2011 é tamén reivindicación de cabeceira.
Alén de reivindicacións contra a precariedade laboral ou polo incremento da produción interna, o comité reclama a fin da "política represiva" e da "manipulación informativa", cuxa existencia a corporación pública nega
Neste sentido, ás esixencias do persoal incorporáronse dous aspectos intimamente relacionados coas mobilizacións contra a manipulación. O comité pide a "fin da política represiva" mediante o "arquivo" do expediente disciplinario aberto ao locutor Carlos Jiménez e a "reparación pública do dano causado" á xornalista Tati Moyano co expediente que a atinxiu, arquivado o pasado outubro. Solicitan, asemade, a "apertura dunha mesa paritaria" para "aclarar e interpretar as normativas" nas que a área de Recursos Humanos baseou ambos expedientes.
A empresa, pola súa banda, nega a existencia de tal "política represiva". Ademais, agregou que "non está de acordo na diagnose de manipulación informativa", segundo relata o comité e "nega a súa existencia". Ademais, a dirección agrega que non ten competencias para a creación duns dos órganos contemplados na propia lei, o Consello de Informativos, porque depende do Consello de Administración, órgano de seis membros con maioría de representantes designados polo PP.