O tortuoso camiño para reclamar os 1.000 millóns de indemnizacións do Prestige dezaseis anos despois

Un voluntario apaña chapapote do Prestige © Greenpeace

O 13 de novembro de 2002, un día cun temporal intenso, o petroleiro Prestige comunicou que tiña unha vía de auga e estaba a perder fuel fronte á costa galega. Tras seis días de desastrosas decisións por parte do Goberno de José María Aznar, o barco partiu en dous e afundiu. Asolagou a costa con 77.000  toneladas de cru nun dos maiores desastres ecolóxicos da historia recente. Dezaseis anos despois, o Estado español e os prexudicados non cobraron un euro da indemnización.

A Audiencia da Coruña fixou hai máis dun ano a indemnización en 1.573 millóns de euros para España, 61 millóns para Francia e 1,8 para a Xunta

A Audiencia da Coruña fixou hai máis dun ano esa indemnización en 1.573 millóns de euros para España, 61 millóns para Francia e 1,8 para a Xunta. Ese pago téñeno que afrontar o capitán do buque, Apostolos Mangouras, e a compañía aseguradora The London Steamship Owners Mutual Insurance Association até un límite de 1.000 millóns.

A principal dificultade para cobrar esa cantidade é que a aseguradora ten sede no Reino Unido e o Dereito dese país non contempla -como si fai o español- a denominada 'acción directa'. É dicir, segundo a lexislación española -en concreto, a Lei do Contrato da Seguro Responsabilidade Civil- un prexudicado pode dirixirse directamente á aseguradora para esixirlle a indemnización.

Chapapote nunha praia tras o afundimento do Prestige / Stephane M. Grueso

En Reino Unido é distinto. Os particulares prexudicados terían que dirixirse aos tribunais británicos con avogados pagos do seu propio peto e sen garantías de éxito. A aseguradora realizou nos últimos anos varios movementos para tratar de impedir que lle reclamen esa indemnización millonaria.

O tribunal británico fixou que a aseguradora tería que pagar se así o establecía a Xustiza española, pero o trámite non pode ser a acción directa: os afectados debían iniciar un proceso no Reino Unido sen o paraugas da Avogacía do Estado

A aseguradora acudiu aos tribunais ingleses

A compañía xa iniciou esta estratexia durante o proceso xudicial. A aseguradora non se presentou ás sesións do xuízo pensando que así evitaría unha sentenza en contra, pero ao ser responsable civil a súa presenza non era necesaria. Non se librou da condena.

En lugar de acudir ao xuízo celebrado na Coruña, a aseguradora dirixiuse a un tribunal inglés. Alí informou en 2013 de que en España se iniciou un proceso para reclamar a cantidade de 1.000 millóns de euros e pediu unha aclaración sobre que facer no caso de que a Xustiza española os obrigase a pagar.

A marea negra do Prestige / Greenpeace

Ese tribunal inglés estableceu que si, que terían que pagar se así o establecía a Xustiza española. Pero aclarou que o trámite non podía ser a acción directa que contemplaba a lexislación española, senón que os afectados debían iniciar un proceso xudicial no Reino Unido.

Esa circunstancia complica enormemente reclamar a indemnización. Os prexudicados teñen que pagar os seus propios avogados -non poden acudir baixo o paraugas da Avogacía do Estado- e nada lles garante que a Xustiza inglesa lles dea a razón.

Fontes do caso apuntan ao Brexit como dificultade engadida para o cobro das indemnizacións

Ademais, fontes do caso apuntan a unha dificultade engadida. O Brexit, o proceso iniciado polo Reino Unido para desvincularse da Unión Europea, podería complicar o cobro da indemnización se xorden problemas cos tribunais ingleses.

Segundo esas fontes, traballar fóra do espazo de xustiza europeo porá trabas ao proceso porque non se disporá dos mesmos mecanismos para reclamar. Co Brexit pérdense instrumentos de cooperación xurídica que fan máis sinxelo recorrer unha decisión adversa dos tribunais británicos. Ao saír do espazo común de xustiza da Unión Europea, perderase unha vía impugnatoria. "Se ese alicerce comunitario non existe, complícase todo", insisten fontes do caso.

Unha tutela xudicial do Estado

Acción do colectivo Burla Negra na Coruña tras o afundimento do Prestige / Unha gran burla negra

Despois da sentenza da Audiencia Provincial, a Fiscalía presentou un recurso contra esa decisión para que o tribunal estableza que é o Estado español quen debe, da forma que sexa, amparar ao resto de prexudicados e exercer as accións en Reino Unido no seu nome. Que garanta que ningún dos reclamantes particulares teña que pór o seu diñeiro para avogados coa incerteza de non saber se terá éxito.

A Fiscalía pediu que o Estado ampare o resto de prexudicados e exerza as accións no Reino Unido no seu nome

A Audiencia da Coruña ten que garantir "unha tutela xudicial efectiva até o final", apuntan fontes da Fiscalía. Lembran que a Avogacía do Estado tentou que o tribunal decrete unha execución provisional da sentenza, para que polo menos páguese unha parte da indemnización, pero non o conseguiron por agora.

Jaime Fernández-Posse é o avogado da conserveira Isidoro de la Cal, unha das principais prexudicadas: "O tema alí é moi complicado, moi custoso, inasumible para os os particulares". Así que este avogado apunta a unha solución que tería que partir do propio Goberno.

"Coa cantidade que hai na Audiencia da Coruña, 20 millóns de euros e o que ten que resarcir o Fondo Internacional de Danos por Hidrocarburos, outros 20, pódese comprar a reclamación de todos os afectados particulares e subrogarse o Estado español"

"Coa cantidade que hai na Audiencia da Coruña, 20 millóns de euros -a cantidade consignada polo seguro-, e a cantidade que ten que resarcir o Fondo Internacional de Danos por Hidrocarburos (Fidac), outros 20, pódese comprar a reclamación de todos os afectados particulares e subrogarse o Estado español", explica. Isto é, que o Goberno pague aos afectados a súa indemnización e despois vaia el a reclamala como Estado ao Reino Unido.

Con 11 millóns de euros emendaría as indemnizacións dos particulares e co resto podería financiar "a aventura británica", apunta Fernández-Posse. O Estado xa fixo esa oferta hai anos -aínda que con cantidades limitadas porque aínda non se fixaron as definitivas- pero non todos os prexudicados se acolleron. O avogado pide que se volva ofertar esa posibilidade, porque para os particulares é "impensable" iniciar pola súa conta unha reclamación en Reino Unido.

"Agora a Audiencia puxo cifras, a solución honrosa que o Estado español ofrecese esas cantidades aos afectados"

"Agora a Audiencia puxo cifras, a solución honrosa que o Estado español ofrecese esas cantidades aos afectados, se subrogase e España fose a Londres", resume. O Goberno tería que acudir xunto co francés e coa Xunta de Galicia porque "se o tema de Londres é complicado xa de seu", o Brexit só engade "máis complicacións".

Fernández-Posse lembra que é a mesma solución que se estableceu tras o desastre do mar Exeo, e a única viable. Para que se inicie e os afectados que faltan cobren a indemnización 16 anos despois teñen que pecharse os últimos flocos en España e que haxa "un Goberno definido" e estable, apunta este avogado, ao que dirixirse para negociar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.