0 Gardados para despois

A Xustiza cifra en 1.573 millóns a indemnización ao Estado polos danos do Prestige

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Tal e como estaba previsto, a Audiencia Provincial da Coruña aproveitou a semana do 15º aniversario da catástrofe para cuantificar as facturas a pagar polos danos do Prestige. Así, a sala vén de notificar o auto de execución da sentenza do caso ditada en xaneiro de 2016 polo Tribunal Supremo e que modificara parcialmente a da propia Audiencia en 2013. E establece que o Estado debera recibir 1.573 millóns de euros.

A Audiencia establece que Mangouras e a aseguradora, "polo menos" ata o límite de 1.000 millóns da póliza, deberán pagar aos prexudicados

A resolución establece as sumas que definitivamente procede abonar aos prexudicados e que deberán ser pagadas polas partes condenadas, xa que logo o capitán Apsotolos Mangouras e a aseguradora, The London Steamship Owners Mutual Insurance Association, "polo menos ata o límite dun billón de dólares estadounidenses", tal e como aclara o TSXG nun comunicado. Tal e como se destacara, o límite de cobertura na póliza é deses 1.000 millóns de dólares (case 900 millóns de euros), fronte aos 4.328 millóns que reclamaba a Fiscalía froito da peritaxe realizada por unha experta da USC que analizou os danos ecocómicos e sociais, aínda que "á baixa" ao non poder alongarse no tempo máis aló de 2006. O propio fiscal advertiu sempre que a aseguradora era a única entidade "solvente" sobre a que se pode reclamar.

Ademais, subsidiariamente, condénase a facer fronte ao pago destas cantidades á entidade Mare Shipping INC (propietaria do buque), mentres que o Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (FIDAC) está obrigado a indemnizar ata os límites expresamente establecidos no convenio aplicable.

Os maxistrados entenden que ao Estado correspóndenlle 1.573 millóns de euros; á Xunta, 1,8 millóns e a Francia, 61

Deste xeito, a Audiencia Provincial entende que corresponde ao Estado español a cantidade de 1.573 millóns de euros, á Xunta de Galicia 1,8 millóns e a Francia 61 millóns de euros, ademais doutras cantidades que se fixan para outras entidades, concellos e particulares que non subrogaron a reclamación nas administracións. 

Respecto da cantidade fixada para o Estado, a sala entende que o dano patrimonial acreditado é de 931 millóns de euros, cantidade á que suma un 30% por dano ambiental, é dicir, 279 millóns de euros. Os maxistrados entenden que a esta cifra hai que engadirlle outro 30% por "dano moral indemnizable", é dicir, 363 millóns de euros, o que supón ese total de 1.573 millóns.

"Os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración [...] senón tamén pola percepción [...] de que estas catástrofes poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados"

O auto indica que "os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración que afectou a gran parte dos cidadáns españois e franceses, senón tamén pola pegada indeleble da percepción referida a que catástrofes desta ou máis ampla magnitude poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados".

Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo xa se recoñecía como cantidade acreditada indemnizable a de 513 millóns de euros, pero os maxistrados da Audiencia Provincial afirman que "existen demostracións técnicas que avalan a necesidade de aumentar a indemnización por riba do certificado, como se infere dos informes do Consorcio de Seguros, aceptados pola súa orixe oficial e imparcial, sen que sexan os máis favorables ao Estado".

Os 1,8 millóns adxudicados á Xunta refírense ao custo de reciclase dos refugallos acumulados na planta das Somozas

Respecto dos 1,8 millóns que se adxudican á Xunta, refírense exclusivamente ao custo do reciclable de elementos contaminantes depositados na Sociedade Galega de Refugallos Industriais (Sogarisa), nas Somozas, "xa que a Xunta subscribiu un acordo co Estado no que renunciaba a toda indemnización ao considerarse integramente resarcida polos danos ocasiones polo accidente do buque Prestige". En concreto, refírese o auto a un acordo transaccional de xullo de 2005 polo importe anteriormente mencionado de 513 millóns.

Ademais, os maxistrados decidiron, con respecto á suma de 22,7 millóns de euros depositada pola entidade aseguradora The London Steamship Owners (The London P&I Club), que se procederá á súa distribución entre os prexudicados a prorrata das cantidades fixadas na resolución. En canto aos intereses, só se esixirán desde a firmeza do auto notificado este mércores. Fronte a esta resolución cabe interpor recurso ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.

 

Agora, batalla xudicial no Reino Unido

Será a partir de agora cando o Estado terá que comezar outra batalla xudicial no Reino Unido, onde ten a sede a aseguradora.  O proceso non será doado. Unha sentenza de 2013 dun tribunal británico, atendendo á solicitude desta aseguradora, ditaminou que esta só estaría obrigada a pagar directamente ao armador e logo de que este achegase as compensacións requiridas. "É unha discusión xurídica", aclara o fiscal, que pon un exemplo común para entendelo. "En España, se tes un accidente de tráfico, ti non reclamas directamente á persoa que che deu o golpe, senón á compañía de seguros; en Inglaterra non é así e entenden que tampouco o ten que ser neste caso", explica.

A batalla no Reino Unido determinará se prevalece o ditame penal do Supremo ou o civil dos tribunais británicos

Será unha pelexa para determinar se prevalece o ditame penal do Supremo ou o civil dos tribunais británicos. As alternativas son  unha comisión rogatoria que pida á xustiza do Reino Unido a execución da sentenza e/ou unha demanda á aseguradora na súa propia xurisdición.

Así, a demanda executiva que se deberá levar a cabo na xurisdición británica ha de someterse "aos termos da lexislación da UE", pero a vitoria do Brexit hai ano e medio engade máis incerteza ao cobro destes cartos. Por que? Tal e como explica o fiscal, aínda sendo "unha hipótese sobre outra hipótese", a xurisprudencia que marca o Tribunal de Xustiza da UE sempre é moi favorable á aplicación do dereito europeo en todos os Estados por igual, tamén no que se refire á execución de sentenzas. No caso de que se consumase a saída da UE dos británicos, ese paraguas desaparece.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.