Este luns presentouse nas sedes da Xunta en Vigo, A Coruña e Compostela a campaña Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito, impulsada por unha ducia de entidades sociais e formacións políticas para reclamar un incremento da actual contía da renda de inclusión social (pouco máis de 403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil", sen "burocratizacións innecesarias". O inicio da campaña coincide coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, este luns, e sobre todo coa inminente aprobación do decreto que regulará a RISGA, que chegará con máis de catro anos de atraso con respecto á data prevista pola lei para a súa entrada en vigor.
Reclaman un incremento da actual contía da renda de inclusión social (403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil"
A campaña, presentada de forma simultánea con tres roldas de prensa, conta dende hai meses co impulsode Foro Galego de Inmigración, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos, Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela e Coordenadora de Crentes Galegos. Ademais, está apoiada por Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea, PSdG-PSOE e polo sindicato CUT.
Estas entidades, que levaron a cabo esta mañá un reparto de folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, realizarán ademais unha campaña de difusión nas Redes Sociais, e tamén manterán contactos cos concellos das principais urbes de Galicia. Así mesmo, en xaneiro organizarán charlas informativas abertas á cidadanía nas meirandes cidades, con participación "dunha profesional cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da campaña". En todo caso, indican que a previsión da aprobación definitiva do Decreto da RISGA por parte da Xunta entre finais do presente ano 2018 e comezos do 2019 "determinará as vindeiras actividades da campaña", que busca "presentar ao conxunto da sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdadeiro dereito para o conxunto da cidadanía".
Denuncian "a clara insuficiencia da última proposta" presentada pola Xunta e reclaman que a renda de inclusión sexa "un dereito cidadán" e non "un subsidio condicionado". "Fronte ás políticas de recortes e privatización dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…) reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de empobrecemento xeneralizados", subliñan. "Defendemos un sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen condicións subxectivas", engaden.
"Non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna coa prestación actual"
En concreto, demandan un incremento da súa actual contía (403 euros mensuais) e unha tramitación máis "eficiente e áxil", sen "burocratizacións innecesarias", co obxecto de que "cumpra o seu cometido na maior brevidade posible" pois "as necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses". "Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna coa prestación actual", conclúen.
O número de persoas perceptoras da RISGA nas cidades galegas aumentou un 66% dende o 2012. No conxunto de Galicia, das 4.178 familias que se beneficiaban desta axuda en 2007 pasouse a 6.718 en 2012 e a 10.761 en 2016, ano no que se acadou un máximo histórico. As sete grandes cidades suman 5.877 familias con RISGA, máis da metade do total