Responsabilizan a Hidralia da violencia contra as mulleres en Barillas (Guatemala)

Activistas, ante unha das sedes de Hidralia Energía, en agosto de 2012 CC-BY Praza Pública

"Dende Galiza un grupo de mulleres feministas posicionámonos en solidariedade coa loita das comunidades maias de Barillas, en particular coa loita das mulleres, que asediadas pola deslexitimación, as ameazas, o acoso, a intimidación e a violencia sexual, seguen co firma propósito de poñer fin aos procesos históricos de abuso e expropiación da terra e dos seus corpos". Asi finaliza o manifesto lido este xoves na praza de María Pita por un grupo de activistas feministas, en protesta polos abusos e violencia que -alertan- están sufrindo as mulleres das comunidades indixenas desta rexión de Guatemala.

Responsabilizan á empresa coruñesa Hidralia Energía desta violencia, relacionada co conflito aberto polo proxecto de construción dunha central hidroeléctrica na zona, con graves prexuízos para os seus habitantes. Un conflito que xa provocou a morte dun dos líderes indíxenas e a declaración do estado de sitio, coa conseguinte ocupación da zona polo exército. No manifesto afírmase que "a presenza de uniformes no seu territorio convértese nunha ameaza constante de violación sexual".

A concentración dirixiuse despois cara á sede da empresa coruñesa e, a continuación, á casa de Francisco Vázquez, ao que acusan de beneficiar o empresario Luís Castro Valdivia.

 

Os antecedentes

O pasado 1 de maio foi asasinado en Santa Cruz Barillas, unha pequena e illada vila de Guatemala, Andrés Francisco Miguel. Era un líder da comunidade, un líder indíxena oposto ao proxecto de construción dunha central hidroeléctica na zona por parte de Hidralia Energía, unha empresa coruñesa propiedade de Luis e David Castro Valdivia, cun conflitivo pasado cheo de denuncias e condenas en Galicia pola actividade das súas minicentrais e centrais eólicas, a chamada trama enerxética na que tamén estiveron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia.

Non se puido probar este vencello directo entre a súa morte e a súa oposición ao proxecto, aínda que as autoridades se apresuraron a desementir toda relación e culparon a un enfrontamento entre veciños e mesmo a un asunto relacionado con drogas (Santa Cruz Barillas sitúase preto da fronteira con México e os cárteles mexicanos estenden a súa actividade a estas zonas). Sexa como for, nos días seguintes o autoritario goberno de Guatemala presidido por Otto Pérez, decretou o estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila, botando abaixo as portas das casas, destrozando as colleitas, detendo 21 persoas e traendo á memoria os tempos do xenocidio indíxena no país. Semanas despois foron detidos como sospeitosos do asasinato dous españois, gardas de seguridade das obras da central eléctrica.

A protesta, en María Pita CC-BY Praza Pública
Diante dunha das sedes da empresa CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.