Anticoncepción e aborto en Galicia: do Centro Quérote á Red Madre

Autobús co que a Red Madre pediu apoios para a súa ILP © Red Madre

"Quita o aborto, quita o aborto!". Foi un dos berros máis repetidos na madrileña rúa de Génova cando, a noite electoral, Mariano Rajoy saíu ao balcón para celebrar cos seus seguidores a vitoria nas eleccións xerais. Xa co PP no Goberno, o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, anunciaba hai poucas semanas a súa intención de impulsar unha "contrarreforma" da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo, a comezar por derrogar a lei de prazos aprobada polo Executivo do PSOE e mesmo tocando detalles da lei de supostos de 1985. Antes de que todo isto se producise, o pasado mes de outubro, a agora voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, dirixiu unha pregunta á Consellería de Sanidade. A nacionalista reclamaba coñecer "a valoración" da Xunta sobre a "proposta de derrogación da Lei de de saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo". O pasado 13 de febreiro Sanidade daba en contestar a pregunta de Pontón e facíao de xeito escueto. Limitouse a asegurar que a Xunta "cumpre rigorosamente a normativa e garante a accesibilidade aos servizos". "Os datos dispoñibles atópanse na páxina web www.sergas.es", remata a resposta.

Se a parlamentaria atende á indicación do departamento que dirixe Rocío Mosquera non achará grandes volumes de información. Ben ao contrario, apenas atopará un artigo científico de tipo estatístico editado en 1998 e nocións xerais sobre as metodoloxías clínicas existentes para practicar abortos. O que non atopará será un percorrido máis exhaustivo polas reformas impulsadas pola Xunta nesta área dende o ano 2009. Estes cambios normativos foron executados esencialmente desde as consellerías de Sanidade e Benestar e aséntanse en dúas normas, a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, así como en cambios organizativos e mesmo nominais, caso por exemplo dos Centros Quérote creados pola antiga Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, agora transformados nos centros Quérote+.

A orixe desa creación dunha "rede de apoio á muller embarazada" está nunha Iniciativa Lexislativa Popular auspiciada por Red Madre, unha plataforma apoiada no ultraconservador Foro Español de la Familia. Esta ILP, a primeira norma tramitada no Parlamento polo PPdeG desde o seu retorno á Xunta aprobouse entre fortes protestas da oposición de PSdeG e BNG porque, sinalaban socialistas e nacionalistas, atentaba contra os "dereitos das mulleres" e abría a porta da Administración pública galega a esta entidade, dirixida por Benigno Blanco, secretario de Estado no Goberno de Aznar. Entre os seus preceptos figura, por exemplo, que a Xunta "poderá concertar o desenvolvemento dos labores de información, apoio e asistencia previstos nesta lei con entidades privadas sen ánimo de lucro" que "teñan as fins de asistir, apoiar e informar as mulleres xestantes -isto é, a propia Red Madre". Como consecuencia deste precepto, traballadoras de centros de asesoramento afectivo-sexual confirman que integrantes da Red Madre xa suplen nalgúns casos o traballo de profesionais na materia.

Propaganda antiabortista con fondos públicos

O outro piar desta reforma é a Lei de Familia, cuxo proceso de elaboración recibiu fortes críticas non só da oposición, senón tamén do Consello Económico e Social que, nun contundente informe, alertaba da intención da Xunta de devolver as mulleres a "roles tradicionais" procurando, por exemplo, que se encarguen do coidado de nenos, maiores e doentes co obxectivo de "aforrar" en servizos públicos.

Ademais deste aspecto censurado polo CES, a lectura do texto legal -cuxo rexeitamento foi unhas das poucas accións conxuntas de PSdeG e BNG na lexislatura- permite coñecer que a que para Alberto Núñez Feijóo é "unha normativa adaptada á segunda década do século XXI" que "promove a igualdade" permite, por exemplo, financiar con fondos públicos campañas antiabortistas. Nomeadamente, no artigo 32 do texto entre "as políticas de protección á maternidade" que impulsará o Goberno galego figuran as "campañas de sensibilización destinadas á concienciación social da importancia da maternidade, ao fomento da natalidade e á protección do dereito á vida en formación", isto é, contrarias á interrupción voluntaria do embarazo.

Mentres que no momento da súa aprobación a conselleira de Benestar, Beatriz Mato, aseguraba que "non hai nin un só dereito que quede minusvalorado ou eliminado”, o CES retrucaba que a lei no seu conxunto é “regresiva”, por levar "implícitos graves recortes dos dereitos das mulleres, facendo retroceder moito tempo atrás os avances sociais, así como pola profunda carga ideolóxica que conleva”.

Autobús co que a Red Madre pediu apoios para a súa ILP © Red Madre
Logotipo dos antigos centros Quérote © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.