Preparan unha homenaxe ao patrón do Xurelo

Ánxel Vila, segundo pola dereita, na expedición do Xurelo © Praza Pública

O 15 de setembro de 1981 un grupo de militantes de Esquerda Galega (Paco García, Gonzalo Vázquez Pozo, Manuel Rivas, Manolo Méndez...) e xornalistas (Isabel Naya, Xosé Castro, Xurxo Lobato...) e ecoloxistas (Roxelio Pérez Moreira, Enrique Álvarez) viaxou nun pequeno pesqueiro en dirección á Fosa Atlántica, unha amplisima extensión de auga a 250 millas ao oeste de Fisterra na que barcos holandeses e alemáns levaban anos deixando os residuos das súas centrais nucleares. O pesqueiro tiña un nome tan inocente e tan sonoro como Xurelo (o que afianzaba a sensación de loita de David contra Goliat) e era guiado polo patrón de Ribeira Ánxel Vila.

O barco non tiña permiso para saír do porto e ademais viaxou case a cegas, pola ausencía a últíma hora do barco de Greenpeace, que ía liderar a operación, buscando os buques que deitaban os residuos. Finalmente tivo éxito: atopou os barcos, fixolles fronte e conseguiu que a opinión pública galega e internacional tomase conciencia do que estaba sucedendo. Foi a primeira batalla dunha guerra que aínda durou un par de anos, até que finalmente as autoridades europeas decidiron a prohibición dos vertidos. Antes foi preciso que o Xurelo saíse nunha nova expedición o ano seguinte e que tamén o fixesen outros barcos. Os militantes ecoloxistas e de Esquerda Galega tamén viaxaron a Bélxica e Holanda, onde participaron en manifestacións e encadeáronse ás vías do tren para evítar que os vertidos fosen embarcados. Foi unha guerra gañada e foi sobre todo un dos actos orixinarios do movemento ecoloxista en Galicia.

Se a loita contra os vertidos se pode personalizar nalgunha persoa é en Ánxel Vila, o patrón do Xurelo, que faleceu o pasado mes de decembro. Dende logo non era doado que un pequeno partido como Esquerda Galega, sen máis apoios que os dalgún grupo ecoloxista, como Natureza ou a SGHN, atopase un barco e un patrón dispostos a arriscarse así. Sobre todo despois de que as autoridades lle denegasen o permiso para navegar até a Fosa Atlántica.

O 15 de setembro Ribeira acollerá unha serie de actos de homenaxe a Vila. A homenaxe comezará coa celebración dun xantar, para o que é preciso confirma asistencia. Ás sete da tarde colocarase unha placa relativa á persoa de Ánxel Vila na lonxa de Ribeira. Os actos pecharanse ás oito da tarde cunha mesa redonda sobre a historia dos vertidos nucleares na Fosa Atlántica, na que participarán Camilo Nogueira, Manuel Rivas, Ánxeles Maira (participante na segunda viaxe do Xurelo e xornalista), Sebastián Losada (Greenpeace), Amada Traba (participante na expedición a Bélxica e Holanda) e Manuel Ruiz Rivas, alcalde de Ribeira, nun acto presentado por Pili Pereiro e Manuel Anxo Méndez, que estiveron nas dúas primeiras viaxes do Xurelo.

 

As palabras do Xurelo

O Xurelo, despois de navegar durante dous dias a cegas en mar aberto, percorrendo as cartas náuticas en zigue-zague, atopou os barcos holandeses, que protexidos por buques militares, guindaban centos de bidóns con sustancias radiactivas. Os integrantes do Xurelo dirixironse aos holandeses cun altofalantes e léronlles un texto no que lles esixían a paralización dos verquidos e o nomeamento dunha comisión internacional para realizar un estudo sobre as condicións en que se atopan os bidóns xa tirados e que investigasen as consecuencias que podía ter a curto, medio e longo prazo. 

As peticións estiveron precedidas por outro texto, que dicía o seguinte:

Camiñamos cara o lugar da agresión a protestar, a por de manifesto o noso máis rotundo non á contaminación e á morte.
Queremos alertar a todos, avisar a berros que están a emporcar o noso mar e a matar o futuro,
Queremos facer medrar a protesta até que lles seña imposible seguir xogando coa vida
Queremos compartir a defensa da saúde e da vida de toda a humanidade
Queremos que, cada vez máis, Galicia se faga ouvir na súa rexeita de todas agresión e na súa aposta polo benestar e a paz
Pola saúde e a vida do pobo galego
Pola saúde e a vida de todos os pobos, sedentos de paz.

Manuel Anxo Méndez e Gonzalo Vázquez Pozo no Xurelo © Praza Pública
Un dos 'xurelos' creados por Esquerda Galega © Esquerda Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.