O Consello de Ministros aprobou, a proposta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o Proxecto de Lei de Protección e Uso Sustentable do Litoral e de modificación da Lei de Costas de 1988, que a partir de agora inicia o seu trámite parlamentario no Congreso dos Deputados. En toda España hai preto de 10.000 vivendas en dominio público marítimo terrestre (DPMT), a maioría cun dereito anterior a 1988.
O máis preocupante da nova norma é que Medio Ambiente autoriza agora a reducir nas rías a servidume de protección de 100 a 20 metros equiparando as rías a ríos, o que como é evidente afecta de forma moi importante a Galicia
Neste punto, Medio Ambiente precisa que só en 2018 expirarán ao redor de 1.100 concesións de vivendas, o que obrigaría á súa demolición. Tamén se ampliarán os prazos máximos das concesións até 75 anos. Ante a perspectiva do vencemiento das concesións vixentes a partir de 2018, establécese a posibilidade dunha prórroga extraordinaria das outorgadas antes da entrada en vigor da lei de reforma, por un prazo máximo de 75 anos.
Estes cambios tamén afectan ás industrias, polo que ENCE podería aproveitar a lei para permanecer na ria de Pontevedra "70 anos máis", segundo ADEGA
Porén, o máis preocupante da nova norma é que Medio Ambiente autoriza agora a reducir nas rías a servidume de protección de 100 a 20 metros equiparando as rías a ríos, o que como é evidente afecta de forma moi importante a Galicia. Moitas vivendas e urbanizacións que até agora estaban nun limbo legal pasan a estar dentro da norma e a consecuencia é que todas as rías galegas pasan a estar desprotexidas, a expensas de que calquera poida construír nelas en primeira liña de mar. Estes cambios tamén afectan ás industrias, polo que ENCE podería aproveitar a lei para permanecer na ria de Pontevedra "70 anos máis", segundo ADEGA.
As críticas dende as organizacións ecoloxistas foron inmediatas. ADEGA denuncia que con estas modificacións o PP "dinamita a Lei de Costas para beneficiar a especuladores e contaminadores". ADEGA lembra que a lei de 1988 "foi a última liña de defensa da cidadanía para salvagardar este patrimonio público fronte ás desfeitas, malia a que non poucas veces foron as propias administracións as principais promotoras do seu incumprimento" e salienta que "defender as nosas rías, praias, dunas, cantís, coídos e xunqueiras, é protexer un ben común e garantir un futuro sustentábel para as comunidades que viven do litoral".
ADEGA cre que a norma supón "traspasar terreos públicos a mans privadas, tanto por reducir a definición do DPMT como pola ampliación das concesións a 75 anos" e denuncia que permitirá declarar solo urbano na fronte litoral os dous anos posteriores á aplicación da reforma, reducindo tamén a servidume de protección a 20 metros nestes treitos.
Espazo Ecosocialista entende que a aprobación polo Consello de Ministros da modificación da lei de costas é "un ataque ao noso ben común natural"
Pola súa banda, Espazo Ecosocialista entende que a aprobación polo Consello de Ministros da modificación da lei de costas é "un ataque ao noso ben común natural". Alertan sobre todo da ampliación das concesións de instalacións en dominio público marítimo terrestre noutros 75 anos, "o que pode afectar directamente a ENCE". E tamén sobre a "redución da servidume de protección de 100 a 20 metros en aqueles núcleos que non foron declarados como solo urbano coa anterior lei, dando un prazo de dous anos para que así sexan declarados e abrindo a espita a comezar a declarar solo urbano no litoral". EE considera necesario "frear no tramite parlamentario este atropelo lexislativo" e afirma que "fai falla que exista unha concienciación cidadá ao respecto".
Tamén Ecoloxistas en Acción rexeitan a modificación da Lei de Costas pois "reduce perigosamente a protección do litoral existente até agora, favorece a privatización e a especulación urbanística incontrolada en boa parte da costa e estabelece infinidade de excepcións sen xustificación". E engade que se trata "dunha lei aprobada sen a necesaria participación social, feita á medida de intereses particulares, que esquece a mudanza climática e o seu efecto sobre a costa".