Máis dun milleiro de estudantes, uns 2.000 segundo os sindicatos convocantes, manifestáronse este xoves polas rúas de Compostela en contra da reforma educativa que formula o Goberno central e para rexeitar os recortes en educación e reivindicar un ensino "público e de calidade" e "de e para os pobos". Convocados polas organizacións Liga Estudantil Galega, Comités e Agir, os mozos acudiron á cita que se inclúe dentro do Día Internacional da Loita Estudantil que se leva a cabo en diversos puntos do estado da man de varios sindicatos.
En total, en toda Galicia, e segundo os colectivos, preto de 3.000 estudantes saíron á rúa. Os alumnos censuran todas as medidas de axuste que se está a dar na educación, tal e como resumiu a Liga Estudantil Galega, que criticou "a suba das taxas ou a normativa de permanencia, que impide que moitos alumnos continúen cos seus estudos". Ademais, tamén denunciaron a intención do Goberno de "centralizar o ensino", algo que se pode ver "no anteproxecto da lei orgánica para a mellora da calidade ou nas últimas declaracións do ministro Wert", ou un camiño que vai cara á "mercantilización e elitización do ensino, creando de novo unha fractura entre os ricos e as maiorías sociais que cada día teñen máis dicífil o acceso a un ensino digno".
A protesta, convocada por organizacións nacionalistas, céntrase tamén en censurar as palabras de Wert
Precisamente, a xornada de protesta chega logo de que titular de Educación amosase a intención do Executivo de "españolizar os alumnos cataláns" e está principalmente protagonizada por organizacións e sindicatos estudantís nacionalistas de territorios como Euskadi, Catalunya, Aragón, Cantabria ou Asturias. Lonxe de recuar, o ministro manifestou este xoves que "se o de españolizar escandaliza, é que ese alguén ten problemas mentais".
Nas diversas marchas, os mozos solicitaron a dimisión do ministro tras unhas declaració que cualifican de "inaceptábeis" e que foron "contundentemente respostadas na rúa". Ademais, as protestas denunciaron a constante suba das taxas, o escaso financiamento universitario, o despedimento do profesorado, o aumento do ratio de alumnos por aulas, as partidas de subvencións a centros privados e "todas as medidas lesivas contra un servizo público tan esencial como o ensino".
O seguimento da folga xeral foi moito maior no campus de Santiago que no resto das universidades galegas
As protestas estendéronse por todos os campus galegos, aínda que a principal celebrouse en Santiago, onde unha marcha partiu da praza do Toural para rematar en San Caetano, sede da Xunta. "Feijóo escoita, o ensino está en loita" ou "Aquí está, aquí se ve, o estudantado galego en pé" foron as consignas máis berradas nunha xornada na que tamén había convocada unha folga xeral.
O paro foi bastante seguido no campus compostelán da Universidade de Santiago, tal e como manifestan as organizacións convocantes, e algo menos no resto de universidades galegas.
Os sindicatos convocantes advirten xa de novas mobilizacións, a primeira delas o vindeiro mércores 17, e denuncian o forcexeo entre estudantes e policías en Ourense que rematou con diversos contusionados. De feito, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia que Jon Sáez, número catro da súa candidatura na provincia, "foi agredido" por un axente.