A finais de xaneiro de 2010 ou, o que é o mesmo, apenas tres semanas despois de que o presidente da Xunta e o conselleiro de Educación presentasen as "bases" do que sería o futuro decreto do plurilingüismo, un grupo de máis de sesenta xuristas lanzaba unha alerta sobre a posible ilegalidade da futura norma. Eran profesionais da xudicatura e da avogacía e profesorado de Dereito, todos alertados polo "preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario" que a Xunta amosaba, explicaban, ao tentar sacar adiante unha norma que ía "transgredir o cadro legal" vixente, dende a Lei de Normalización Lingüística a outras normas educativas estatais e europeas. O tempo pasou e a Xunta aprobou o seu decreto con certas variacións -a maioría, tras as advertencias de ilegalidade lanzadas tamén polo Consello Consultivo-. Case tres anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulles, en boa medida, a razón aos xuristas autores do informe de 2010.
Aínda que aquel estudo se centrou no documento de bases e non no decreto que finalmente aprobaría a Xunta, os seus argumentos coinciden cos do TSXG no cuestionamento dalgúns dos grandes piares da norma, isto é, do condicionamento da lingua do ensino a través de enquisas ás familias e da posibilidade de que o alumnado empregue a lingua que considere oportuna en cada materia, con independencia do idioma na que sexa impartida. Así, por exemplo a análise dos xuristas explicaba que "os dereitos fundamentais non se poden someter a votación" e, dentro destes, está a educación, avalado por normas como a Constitución. "Son os poderes públicos (...) os que teñen encomendada a programación xeral do ensino como garantía de que o conxunto da cidadanía en igualdade poida desenvolver con plenitude a súa personalidade", subliñaban. "Nunha sociedade caracterizada pola existencia de dúas linguas oficiais, a integración lingüística debe ser un dos parámetros que o proceso educativo deberá procurar".
"Os dereitos fundamentais non poden someterse a votación", sinalaba o informe de 2010, nunha liña ratificada agora polo TSXG
Neste sentido, consideraban que "o sometemento da configuración dun dereito fundamental ao criterio particular e non técnico das familias, con deixación das funcións" por parte do Goberno, supuña unha "vulneración clara do artigo 27 da Constitución", criterio que, lembraba, xa fora o aplicado en sentenzas do Tribunal Constitucional e do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Nesta mesma liña, a pasada semana o TSXG sinalaba na súa sentenza que, efectivamente, o decreto "vulnera a configuración do dereito fundamental á educación" recollido no devandito artigo da Constitución, "posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración (...) non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua". A "elección dos pais", subliña a sentenza, só está avalada legalmente "no caso da formación relixiosa e moral".
"A liberdade de opción"
Outro dos puntos nos que se produce unha notabilísima coincidencia entre os argumentos dos sesenta xuristas e os razonamentos do TSXG é o vinculado á "liberdade de opción lingüística" da que toda a cidadanía dispón pero que, advertía o documento de 2010, "non se aplica aos educadores nin aos estudantes", tal e como pretendía a Xunta. "A indefinición en canto á lingua da Administración educativa", sinalaban, "contradí o Estatuto e a Lei de Normalización", abrindo as portas "á inseguridade xurídica" e chegando "mesmo aos esperpento xurídico" de que documentos oficiais como programas de materias poidan ser redactados en linguas estranxeiras. Estudantado e profesorado, abondaban, están "nunha relación de suxeición especial coa Administración que lles impón uns deberes propios da súa misión de servizo público", no caso dos profesores e profesoras, e a obriga de "acreditar competencias lingüísticas para superar a escolarización obrigatoria, no caso dos estudantes".
O Tribunal lembra, como facían os xuristas, que "deixar liberdade ao alumnado" para empregar a lingua que considere oportuna en cada materia é "ilegal"
Do mesmo xeito que estes xuristas advertían da ausencia de encaixe legal da posibilidade de que alumnado e profesorado empregase a lingua que considerase oportuna en cada materia, con independencia de que tivese que ser impartida en galego ou castelán, o TSXG pronunciouse en sentido semellante. "Dende o momento en que, segundo a Lei de Normalización e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario", o artigo do decreto que deixa "liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia" é, simplemente, "ilegal", di o Tribunal.