0 Gardados para despois

Novo pau á política lingüística de Feijóo ao estimar en parte o TSXG o recurso da RAG

Redacción | @prazapublica

Outro pau á política lingüística da Xunta. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de aceptar tamén parcialmente o recurso interposto pola Real Academia Galega (RAG) contra o decreto do plurilingüismo, anulando dous dos seus artigos, nunha sentenza semellante á que emitiu a pasada semana tras as denuncias da Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino.

O TSXG declara ilegais os mesmos dous artigos que declarou  na sentenza de hai unha semana

O TSXG estimou en parte o recurso e decide anular os artigos 5.2 e 12.3 por ser "contrarios a dereito", ao igual que fixera hai unha semana na sentenza anterior. Xa que logo, declara ilegal o artigo 5.2, que establece que a lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais. Polo tanto, elimina a polémica consulta ás familias.

"Non cabe dúbida de que devandito abandono da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso sobre a lingua materna da súa filla ou filla", sinala a sentenza textualmente.

"A participación da familia non pode dar pé a que a consulta ás familias determine, con carácter vinculante, a lingua que se empregará na aula"

Deste xeito, cita o artigo 118 da O 2/2006 para situar a sede da corresponsabilidade das familias na educación dos seus fillos "nos centros educativos", garantindo a súa intervención nos seus órganos de goberno mediante a participación. "Mais isto non pode dar pé a que a consulta aos familiares dos alumnos determine, con carácter vinculante, a lingua que se empregará na aula". Ademais, lembra que o artigo 27.3 da Constitución só recoñece unha esfera de elección dos pais "en caso da formación relixiosa e moral".

"O decreto impugnado non dispón de apoio legal nin posúe rango suficiente para a atribución do protagonismo vinculante aos familiares á hora de determinar a lingua que se debe empregar na aula na etapa de educación infantil", engade.

Por outra banda, o artigo 12.3 do decreto, outro dos declarados ilegais, establece que "en todas as áreas, materias ou módulos" o alumnado "poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia", aínda que se buscará que "utilice a lingua" na que se imparte a materia.

O TSXG reitera, neste punto, consideracións similares á sentenza emitida sobre os recursos da Mesa e da CIG. "Desde o momento en que, segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo 12.3 é ilegal", sinala, xa que deixa liberdade ao alumno a utilizar unha lingua diferente á que se imparta na materia.

Así mesmo, e aínda que o texto engade que se buscará a coincidencia entre a lingua de uso do alumno e a da materia ou módulo, esta afirmación "nada garante de cara a que finalmente se logre, porque aquela expresión non é imperativa, senón meramente indicativa ou de tendencia". "O que se traduce na incoherencia interna do precepto".

Por outra banda, tanto a doutrina do Tribunal Supremo como ao do TC móstranse "contrarias" a que a lingua do ensino estea condicionada pola liberdade de opción dos interesados, polo que "non resulta lóxico que se outorgue dita liberdade ao alumnado".

"O artigo 12.3 non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia da comunidade autónoma"

Outro argumento que conduce á "ilegalidade" do artigo é que "resulta contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino que, como mandato imperativo, contense no artigo 12.3 da LNL". "Non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta comunidade autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a o propia da área, materia ou módulo".

No entanto, o TSXG rexeita recurso, ademais, sobre o resto de preceptos impugnados. Entre eles, o artigo 15 ou a disposición transitoria primeira do cambio de denominación dos equipos de normalización lingüística por equipos de dinamización lingüística. Neste aspecto, o tribunal considera que a cuestión terminolóxica 'per se' non demostra unha vontade reticente de non acatar as obrigacións da Lei de Normalización Lingüística.

Noutro deles, a RAG entende que a asignación lingüística ao castelán da materia de Matemáticas "prexudica o galego" e quedaría relegado a outras materias menos "relevantes", e asegurando que vulnera tanto a LNL como o Plan Xeral de Normalización. O TSXG opina, no entanto, que, "a pesar de que se comprende que se cite o Plan de 2004, a Sala non pode acoller o valor normativo que se lle pretende outorgar", dado que "non chegou a atopar plasmación concreta nunha norma con rango de lei".

Á súa vez, cita sentnzas do Tribunal Constitucional e do Supremo nas que non se deduce a esixencia do aumento da intensidade na asignación lingüística da lingua propia da comunidade autónoma como medida derivada da súa normalización".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.