A sanidade privatizada que nos vén enriba

Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

A sanidade madrileña está en pé de guerra. Os recortes e a progresiva privatización que, ao abeiro da crise, se está a implantar no sistema público provocan desde hai días a activa mobilización de toda a comunidade sanitaria. Sen excepción. A situación en Madrid semella tan só o banco de probas dunha estratexia na que o PP leva tempo matinando e que pretende espallar a outras autonomías como Galicia. Romay Beccaría e Núñez Feijóo non dubidan en deixalo claro nalgunha reunión. A grave situación económica tan só é a escusa perfecta para levala a cabo.

A estratexia privatizadora da sanidade baséase nas Iniciativas de Financiamento Privado, a mesma empregada na construción de autoestradas ou depuradoras

A estratexia privatizadora dos gobernos do PP está baseada nas Iniciativas de Financiamento Privado (Private Financing Initiatives, PFI) ou colaboración público-privada, unha maneira relevante de “dar entrada aos fondos de capital risco e ás grandes corporacións multinacionais nos orzamentos públicos”, tal e como explica Ramón Veras, médico de familia, responsable da Comisión de Sanidade e membro do Consello Nacional do BNG e activo representante da plataforma SOS Sanidade Pública. 

“Son concesións que se lles dá ás empresas para traballos determinados; o mesmo que se emprega para a construción de autoestradas, por exemplo, pero que agora tamén se implanta no ensino e, por suposto, na sanidade; o sistema elixido para a construción da hospital de Vigo é un exemplo semellante”, explica Veras, que advirte que a voracidade destas compañías “non ten límite”. “Cando teñan o mercado sanitario copado, esixirán que lles dean outras áreas de negocio como a educación”, lembra.

A construción de infraestruturas sanitarias mediante este sistema non computa como déficit público

A estratexia desta forma mixta de xestión, aceptada ás veces incluso entre opcións de goberno progresistas, rexorde agora con forza co PP copando o poder na maioría de administracións do Estado. As condicións europeas axudan a reforzala. A Comisión Europea  impide o endebedamento público directo, pero non ten problema ningún en admitir o endebedamento público se este se fai cos contratistas privados. Nos orzamentos, a construción de infraestruturas e a adquisición de tecnoloxías mediante estas PFI non computa na estatística do déficit público, “pero hai que pagalo e segue sendo débeda real”. “Váiselle pagando e con intereses, pero de xeito virtual e ficticio, como se non se incrementase o déficit”, lembra Veras, que recorda tamén que o pagamento destes servizos priorízase aos salarios, novos investimentos ou medicamentos, polo que “limita o gasto noutros aspectos importantes”.

O sistema é exactamente igual ao que na Unión Europea se leva utilizando tempo para pagar infraestruturas dun mantemento prolongado, como as depuradoras. Agora, sistemas deste tipo ou moi semellantes implántase nos hospitais públicos. O exemplo claro é Madrid, onde seis hospitais -construídos mediante iniciativa de financiamento privado, con xestións pública da parte asistencial e privada da non asistencial, ao igual que o de Vigo- van pasar a xestión privada completa. Ademais, o 10% dos centros de saúde pasarán tamén a xestión privada, mentres se pecha o Instituto de Cardioloxía e se transforman o Hospital da Princesa e o Carlos III en centros de longa e media estancia.

Nestes centros, contratouse xente ata hai poucos meses. De súpeto, a xestión vólvese privada e as empresas pasan a levar tamén a parate médica. “Ao persoal ofréceselles aceptar as condicións de traballo desta compañía, marchar ao paro ou, se cadra, ser trasladados a calquera outro punto de Madrid”, explica Veras.

A privatización do sistema sanitario segue a estratexia aplicada no Reino Unido; o seguinte paso: a guerra comercial entre hospitais por conseguir pacientes

O seguinte paso, tal e como relata Ramón Veras, semella claro. Séguese a folla de ruta que antes se marcara en Inglaterra. Alí os centros sanitarios eran autómomos e cada paciente podía escoller entre unha listaxe a onde ir. En Madrid pasouse á área única, onde a poboación tamén pode elixir entre calquera hospital da localidade. No Reino Unido, o seguinte chanzo foi que os centros hospitalarios accedesen ao orzamento en función do seu número de pacientes, polo que os hospitais entraron nunha guerra comercial por doentes que acabou por empeorar ou eliminar aquelas áreas non rendibles, aquelas de enfermidades menos habituais e que non permitían á empresa facer o negocio suficiente. “As administracións do PP están nesa vía”, explica Veras, que advirte que xa hai hospitais en Madrid onde toda a parte non médica está privatizada e recibe presuposto en función da poboación que atende.

Ademais, Veras advirte de que as privatizacións de hospitais públicos adoitan chamar moito a atención entre pacientes e sociedade en xeral, pero lembra que opoñerse á nova construción dun centro privado é máis complicado. Tanto para os políticos como para os propios movementos sociais. “Se unha localidade precisa un hospital, é moi complicado opoñerse ao sistema de construción e xestión, por moi criticable que sexa”, di, logo de recordar a “difícil pero encomiable loita” que o goberno municipal de Pontevedra levou contra o sistema de contratación do novo hospital.

Romay e Feijóo xa intentaron implantar o sistema público-privado desde o Goberno central; agora propoñen ese sistema desde a Xunta de Galicia

Porque o que está a acontecer en Madrid vai camiño de espallarse rapidamente por outras comunidades. “Por un lado é unha liña ideolóxica claramente marcada, pero tamén inflúe a presión das empresas que xestionan a sanidade e que queren ese cacho do negocio e que presionan”, asegura Veras, que recorda que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como José Manuel Romay Beccaría, xa intentaron implantar a colaboración público-privada na sanidade española sendo o primeiro presidente do Insalud e o segundo, ministro de Sanidade. Non hai moito, xa en Galicia, propuxeron retomar aquela estratexia desde a Xunta.

Foi nunha reunión do Plan Estratéxico do Sergas, na que Romay recordou aquel fracaso e animou os presentes a rescatar aquela iniciativa. “Eu estaba presente e dixérono claramente: querían explorar unha liña de desregulación e autonomía empresarial aplicada aos centros sanitarios e seguindo outros modelos europeos”, lembra. “Se o PP madrileño impón as súas teses xa non hai centro sanitario en todo España libre de que non lle pase o mesmo”, advirte.

A 'troika' impón condicións e entre elas tamén estará a de abrir a oferta de negocio nos servizos públicos como a sanidade

Ademais, tal e como sinalan outros expertos en xestión da sanidade pública, as condicións que impón a UE e a troika implican tamén o sistema sanitario. “Igual que cando poñen condicións nas pensións, nos recortes ou nas privatizacións á hora de darche un préstamo, tamén pedirán o incremento da oferta de negocio nas áreas públicas, desde o ensino até os servizos sociais pasando pola sanidade”. “Pode tardar máis ou menos, pero aparecerán compañías dispostas a facerse cargo dos servizos públicos; é a liña do neoliberalismo que intentarán aplicar en todas as esquinas”, din as mesmas fontes.

Para Ramón Veras, só hai unha forma de evitalo. “Farano agás que se levante unha revolución cívica de moita xente que se opoña a esta estratexia privatizadora”, asegura, tras engadir que ningunha destas propostas para a sanidade estaba incluída no programa do PP. “Aplícano como e cando queren porque este sistema é moi pouco democrático”, finaliza.

Faixa a prol da sanidade pública CC-BY Susete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.