Doafund comezará en xaneiro a "apadriñar" familias en risco de desafiuzamento

Acción contra un desafiuzamento CC-BY-NC-ND Antonio Marín

A mediados do ano pasado, o coruñés Fernando Sierra vía na televisión unha reportaxe sobre desafiuzamentos. El, "afortunado por ter un bo traballo", quedou "impactado" polo sufrimento de milleiros de persoas que quedan sen teito. Decidiu facer algo para axudar, pero sabía que non podía facelo só, así que pensou na maneira de implicar xente que colaborase. Deulle voltas á cabeza ata que no pasado marzo naceu o proxecto de Doafund.com, unha web co obxectivo de axudar a pagar as cotas hipotecarias de persoas con dificultades económicas para así evitar que as entidades bancarias poñan en marcha os procesos de desafiuzamento dos seus inmobles. Logo de moito traballo, no próximo mes de xaneiro as primeiras familias poderían ser "apadriñadas" xa polas persoas, entidades ou empresas que decidan implicarse e evitar así que sexan expulsadas do seu fogar.

Porque a través da páxina web, aqueles interesados en colaborar escollen unha persoa ou familia, da súa cidade ou de calquera punto do Estado, e accede a "patrocinar" as súas cotas mensuais evitando que sexa desaloxada da súa casa. "Imos avanzando; os cambios lexislativos en canto aos desafiuzamentos atrasaránnos un pouco, pero estamos xa coa identificación das persoas ás que confiamos en poder axudar neste mes de xaneiro", explica Ricardo Sierra.

Varias familias puxéronse en contacto con Doafund, que busca algunha máis para poñer a andar o proxecto

Varias familias puxéronse xa en contacto con Doafund nas últimas semanas, pero os encargados do proxecto -agora mesmo catro persoas, tres da Coruña e unha de Madrid- buscan alcanzar unha cifra de entre seis e dez para poñerse en marcha. Por iso, piden colaboración que lles axude a completar o cupo, ben sexa "de forma directa ou indirecta". "Se son amigos ou familiares dos afectados polo desafiuzamento os que se poñen en contacto con nós, terán que convencelos para que sexan eles mesmos os que nos chamen", aclara Sierra.

En canto se concrete a lista, a plataforma Doafund poñerase en marcha, polo que particulares e empresas poderán elixir xa a que familia axudar a pagar as súas cotas hipotecarias. En canto se obteña a cantidade adebedada ao banco, a plataforma efectúa o pago íntegro, ingresando o 100% das axudas conseguidas na entidade correspondente, que cede unha porcentaxe do recibido ao proxecto, permitindo así que este sexa sustentable.

As achegas pagan a débeda co banco, que cede unhah porcentaxe do recibido ao proxecto para manter a súa sustentabilidade

Aí radica unha das novidades deste proxecto: banco e plataforma colaboran e os dous saen gañando. "En definitiva, a entidade sae beneficiada porque recibe os cartos que se lle adebedan", indica Sierra, que aclara que "todos os cartos recadados" por Doafund "van destinados á familia correspondente". "Para seguir funcionando precisamos recursos, pero esta necesidade cargarémoslla aos bancos", explica.

Aínda que o acordo coas entidades financeiras non está pechado, as negociacións mantidas van por bo camiño. "Están abertos a facelo", insiste o fundador de Doafund, que asume que o proxecto podería comezar "sen o apoio de ningún banco detrás", pero que sabe que o proxecto irá adiante en canto comecen os "patrocinios" das familias. O feito de que os custos iniciais sexan asumidos polos encargados da plataforma é o que explica que o número de familias, cando menos ao inicio, sexa limitado. Sexa como for, Sierra insiste en que todos os recursos obtidos "serán reinvestidos nas familias". 

Para poder ser "apadriñados", as familias deberán cumprir dous requisitos: que corran o risco e perder a súa primeira e única vivenda ao non poder facer fronte ás cotas hipotecarias derivadas da súa compra e que os ingresos dos seus familiares sexan insuficientes para facer fronte á cota e a outros gastos básicos de calquera fogar medio.

Doafund promete "transparencia" para que os doadores saiban en todo momento cara a onde van os seus cartos

No momento no que se inicie o proceso, Doafund xa aclara que será "altamente transparente", polo que permitirá ao patrocinador coñecer todos os datos, xa sexa o momento no que se realizan os pagamentos das cotas ou ben os obxectivos que se van acadando grazas ás súas achegas.

Doafund xorde tamén como alternativa a un “modelo tradicional de ONG que está atopando problemas de financiamento debido á súa dependencia de fondos públicos". E aí onde este proxecto intentará poñer o seu gran de area. Por necesidade non será. En Galicia, segundo os últimos datos, prodúcense uns 17 desafiuzamentos ao día e o país suma xa 9.000 familias desaloxadas desde o inicio da crise. Algunhas delas poderían ser salvadas grazas a iniciativas solidarias como esta.

Logo de Doafund © Doafund
Protesta de Stop Desafiuzamentos en Compostela CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.