O Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais (EPDA) configúrase como unha ferramenta de traballo conxunto para protección dos dereitos dos animais. Está formada por seis deputadas, en representación dos tres grupos da oposición: PSdeG-PSOE, AGE e BNG: Patricia Vilán, Carmen Gallego, Antón Sánchez, Eva Solla, Ana Pontón e Carmen Adán. Cando levamos unha poucas semanas de actividade parlamentaria estas deputadas veñen de presentar as súas primeiras iniciativas na cámara e preguntas parlamentarias neste eido.
Polo PSdeG-PSOE, Patricia Vilán e Carmen Gallego dirixiron as súas cuestións á falta de axudas económicas para as sociedades protectoras de animais e aos refuxios sen ánimo de lucro que acollen animais abandonados e preguntan tamén polas previsións de subvencións a estes colectivos durante o ano que comeza. A segunda cuestión de Vilán refírese a unha denuncia formulada pola Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber sobre o cobro de comisións bancarias aos doativos a entidades protectoras de animais. Cuestión que a parlamentar cualifica como “lamentable mercadeo cunha achega solidaria”.
Deputadas de PSdeG-PSOE, AGE e BNG preguntaron polas axudas para as sociedades protectoras e aos refuxios sen ánimo de lucro, polas corridas de touros e o acceso a elas de menores, polas condicións nas que se atopan os zoolóxicos ou pola compra-venda de animais domésticos.
Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda denunciaron o crecente comercio ilegal de animais domésticos, interesándose polo número de persoas inscritas no rexistro de venda autonómico e polos expedientes abertos dende 2008 por transaccións ilegais de cans e outras especies. Antón Sánchez e Eva Solla, na súa segunda iniciativa para a súa resposta escrita, preguntan polo cumprimento da Lei 31/2003 de conservación da fauna salvaxe en parques zoolóxicos.
Finalmente o BNG, a través das deputadas Ana Pontón e Carmen Adán, preguntaron en primeiro lugar pola presenza de menores en festexos taurinos e a necesidade regulamentar o veto aprobado por unanimidade na Comisión 1ª Institucional hai máis dun ano. A segunda pregunta escrita inquire sobre o número de festexos taurinos realizados na comunidade durante o periodo 2008-2012, así como os expedientes abertos polo goberno galego en materia de espectáculos taurinos.