Infartar en Lugo é máis perigoso

Imaxe dunha das campañas veciñais CC-BY-SA AgrupaLugo

Unha persoa que padeza un infarto na provincia de Lugo tarda uns 178 minutos en ser atendida. Se esa mesma persoa residise na Coruña recibiría o tratamento máis axeitado en case a metade de tempo, 98 minutos. Son os datos que manexa o hospital da Coruña, centro sanitario ao que son trasladados os pacientes lugueses que sofren esta doenza coronaria. A causa dese traslado non é outra que a ausencia dunha unidade de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti (HULA), inaugurado o 26 de febreiro de 2011, data na que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu o inicio dos trámites para adquirir un equipamento necesario para tratar os infartos que non dá chegado.

Esa promesa estanlla a lembrar a Xunta dende hai meses dende a cidade da Muralla non só as formacións políticas diferentes do PP, senón tamén multitude de colectivos cidadáns, veciñais e mesmo empresariais que desenvolven mobilizacións apoiados nun amplo argumentario médico. Estes argumentos recolléronos, por exemplo, nunha xornada clínica celebrada no propio hospital o pasado decembro. Alí profesionais da medicina como o xefe do servizo de Cardioloxía do Hospital de Santiago, José Ramón González-Juanatey, explicaron que a tardanza en aplicar o tratamento se ve reflectida nas cifras de mortalidade por infarto, que en Lugo duplican as de áreas sanitarias como A Coruña, Santiago ou Vigo, onde si existe sala de hemodinámica. Isto sucede, en boa medida, porque se o paciente tarda máis de dúas horas en ser atendido o tratamento máis efefctivo, a anxioplastia -apertura da arteria- deixa de ser a mellor opción.

As cifras de mortalidade por infarto en Lugo duplican as da Coruña, Santiago ou Vigo pola ausencia da unidade de hemodinámica no hospital da cidade

Neste escenario a grupos políticos e veciñanza lembran ademais que os argumentos económicos tampouco serven neste caso. O servizo de Cardioloxía do HULA sinala que a provincia de Lugo envía cada ano a outros hospitais, sobre todo ao da Coruña, máis de mil pacientes infartados. Segundo un estudo económico deste mesmo servizo, estes traslados urxentes cústanlle ao Sergas máis de medio millón de euros anuais. Mentres, a posta en marcha dunha unidade de hemodinámica en Lugo suporía un investimento de arredor dun millón de euros, aos que habería que sumar os 150.000 euros que custarían as gardas presenciais de médicos expertos na materia durante todo un ano. Así as cousas, a unidade estaría amortizada en menos de dous anos.

Todas estas reivindicacións seguen a espallarse por Lugo e tamén polas redes sociais grazas a diversas campañas de reivindicación, a última lanzada pola agrupación de asociacións veciñais AgrupaLugo baixo o lema #InfartarenLugo, que xa circula polas redes sociais e coa que se reclama non só a unidade de hemodinámica, senón tamén os servizos de radioterapia e medicina nuclear, tamén prometidos pola Xunta e polos que o HULA aínda está a agardar. A petición, á que se vén de sumar tamén a Confederación de Empresarios de Lugo, sairá ás rúas da cidade o próximo día 20 cunha manifestación que cadrará co congreso autonómico do PP, que se celebra na cidade. Nesa mobilización participará tamén a Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública.

Feijóo na inauguración do HULA, na que prometeu a hemodinámica © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.