Este martes é o quinto cabodano do pasamento do que foi o primeiro Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. O propio Comité celebrará un acto de homenaxe este sábado ao mediodía, consistente nunha ofrenda floral no Parque Carmelo Teixeiro de Caranza.
Carmelo Teixeiro dedicou os últimos anos da súa vida a traballar no movemento de oposición á instalación da contestada planta de gas de Reganosa no interior da Ría de Ferrol, cuxa legalidade ainda é cuestionada por movementos sociais e sentenzas xudiciais. Previamente desenvolvera unha intensa actividade sindical no estaleiro de Bazan. Foi fundador da USO, posteriormente dirixente de UGT e formou parte da dirección local do PSdeG dende 1978.