0 Gardados para despois

O pobo "gaña a guerra" contra as minas na Terra Chá

Redacción | @prazapublica

A Xustiza paraliza os polémicos proxectos de explotación mineira na Terra Chá e o pobo "gaña unha guerra" contra unha desas macroiniciativas mineiras que ameazan o país. Os tribunais veñen de rexeitar o último dos cinco recursos contencioso-administrativos que a empresa norueguesa Erimsa presentou contra os concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito por entender que lle foran concedidas por silencio administrativo as licenzas administrativas para a explotación do seixo da zona. Este ditame, unido ao veto da Xunta aos permisos, permite gañar unha primeira batalla. Pode que non sexa a últiima.

A empresa mineira recorreu cinco licenzas ao considerar que o silencio administrativo lle permitía explotar os terreos

As licenzas recorridas pola empresa desde o ano 2009 foron as de Karles e Alicia (Castro de Rei), Karles (Cospeito), Alicia (Cospeito), Alicia (A Pastoriza) e Pastoriza (A Pastoriza) e en todos os recursos personáronse a Comisión contra as Minas na Terra Chá, comunidades de regantes, organizacións como o Sindicato Labrego Galego ou Adega, así como numerosos particulares. Todos os contenciosos fóronse resolvendo de maneira negativa para a compañía Erimsa durante os anos 2011 e 2012, ao igual que a última sentenza, de xaneiro deste mesmo ano, que volveu denegar a licenza e que foi coñecida esta mesma semana.

A presión social sobre as administracións e os informes desfavorables de varios organismos tiveron "un peso decisivo" na negativa da Xunta ás minas

No entanto, e paralelamente a todos estes procesos xudiciais, si seguiron o seu curso as tramitacións doutras solicitudes de explotación mineiroa presentadas en decembro de 2008. Logo da exposición pública dos proxectos e das alegacións, os concellos afectados solicitaron senllos informes ás consellerías de Medio Rural, Economía e Medio Ambiente, así como á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Deputación de Lugo. A maioría destes documentos resultaron desfavorables para a empresa mineira e, tal e como aclara a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá nun comunicado, "tiveron un peso decisivo" para que o pasado 28 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente denegase as licenzas a Erimsa.

Así, a Comisión fala xa de "guerra gañada", pero advirte de que "aínda fica o perigo de que novos cambios lexislativos fagan posible que Erimsa poida explotar o seixo na Terra Chá, aínda a costa de destruír o contorno e o medio de vida dunha das bisbarras ganderias máis importantes de Galicia". Por iso, o colectivo pedirá que se declare a "caducidade das concesións por inactividade".

"É unha guerra gañada, pero queda o perigo de novos cambios lexislativos que permitan a Erimsa explotar o seixo"

A Comisión contra as Minas na Terra Chá convocará nos vindeiros días a toda a veciñanza afectada polos proxectos de Erimsa para "informala dos ditames xudiciais e resolucións administrativas" e "consensuar as accións a emprender para que a ameaza mineira non se volva repetir". "Agradecemos o seu firme apoio e coherencia ao manterse contraria a uns proxectos empresariais que hipotecaban o futuro dunha comarca enteira", insisten.

O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, ao aprobárense tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba.

Dende aquela, a empresa presentou licenza urbanística para iniciar a actividade no ano 2008 nos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e
Cospeito. Desde o intre da presentación, houbo dous períodos de exposición pública dos proxectos onde a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, xunto con centos de veciños e veciñas, presentaron alegacións opoñéndose a estes proxectos. Ao mesmo tempo, a Comisión contra as Minas realizou un intenso labor informativo e reivindicativo, participando en varias manifestacións, e organizando dous festivais e ducias de charlas informativas, como a que correu a cargo do investigador responsable do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.