Varias persoas veñen de ser imputadas por deter o desafiuzamento de Aurelia Rey, a anciá coruñesa cuxo desaloxo foi paralizado pola presión social hai dúas semanas. Segundo asegura Stop Desahucios, son tres os activistas que terán que ir a declarar ao xulgado, logo de ser denunciados polos altercados que tiveron lugar o pasado día 18 de febreiro. Naquela xornada, a mobilización cidadá logrou deter o lanzamento previsto para a muller de 85 anos, logo dunha xornada de tensión na que houbo varias cargas policiais e na que cargos públicos acabaron polo chan.
Ábrenlles dilixencias por desobediencia leve ao impedir o paso dos vehículos policiais e de bombeiros
É o Xulgado de Instrución número 3 o que vén de abrir dilixencias procesais contra varios activistas por impedir o desaloxo de Aurelia, aínda que ningún deles é bombeiro -un deles negouse a cortar a cadea que impedía a entrada no edificio- nin político. Aos activistas impútaselles desobediencia leve por impedir o paso dos coches policiais e de bombeiros durante unha protesta na que os concelleiros de EU e BNG no Concello da Coruña, César Santiso e Xosé Manuel Carril, e o deputado no Parlamento galego, Francisco Jorquera, foran zarandeados por varios axentes.
HABERÁ AMPLIACIÓN