O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite a demanda presentada pola Rede de Medios Comunitarios contra o concurso destinado a outorgar as licenzas dispoñibles en Galicia para a emisión en frecuencia modulada. A causa da impugnación é o veto á participación dos medios comunitarios na repartición de licenzas a pesar de que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, aprobada en 2010, recoñece a este tipo de medios como un dereito da cidadanía. A Xunta pretende outorgar as 85 licenzas das que dispón a servizos de comunicación comercial, esgotando así o espectro planificado dispoñible e imposibilitando pola vía de feito o exercicio do dereito a comunicar a través de medios comunitarios en condicións dignas.
O concurso -que fora anulado pola Xunta en maio por defectos formais na súa convocatoria (fora denunciado no seu día polo Consello Consultivo por estar limitado ás emisoras comerciais)- volveu ser convocado o 26 de xullo e exclúe expresamente no seu primeiro punto a participación de medios sen ánimo de lucro: "quedan fóra do ámbito deste concurso os servizos de comunicación audiovisual radiofónica comunitarios sen ánimo de lucro". Os criterios da convocatoria fan moi difícil ademais que unha emisora non comercial poida competir das propostas das grandes cadeas. Esixe, por exemplo, unha cuantiosa garantía económica só para participar no concurso. Ademais, aínda que a proposta de proposta de programación pode outorgar 40 puntos para o baremo final, a proposta económica pode acadar 30 puntos, a proposta tecnolóxica 20 puntos e a experiencia outros 10.
A Xunta pretende outorgar as 85 licenzas das que dispón a servizos de comunicación comercial, esgotando así o espectro planificado dispoñible e imposibilitando pola vía de feito o exercicio do dereito a comunicar a través de medios comunitarios en condicións dignas
Cando en agosto a emisora coruñesa Cuac FM comezou unha batalla para acadar unha destas 85 licenzas presentándose -ao non quedarlle outra maneira legal- como emisora comercial, comezou en paralelo outra loita, esta estritamente legal -a través da Red de Medios Comunitarios- para impugnar a convocatoria e esixir que a administración cumpra o seu compromiso de reservar un mínimo espazo no dial para as emisoras comunitarias ou sen ánimo de lucro.
As radios comunitarias en Galicia
España está moi lonxe doutros países europeos, nos que as radios comunitarias si contan con lexislación e espazos específicos. Tan só unha emisora comunitaria (Radio Klara, na Comunidade Valenciá) acadou nas últimas décadas unha licenza de emisión. O resto manteñen a súa actividade nunha continua situación de alegalidade, á espera de que o Goberno central aprobe o regulamento que desenvolve a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual de 2010, que recoñece por vez primeira (o que é un grande avance, despois de trinta anos de democracia) a existencia de emisoras comunitarias e posibilita que se poida legalizar a súa situación. A Xunta escúdase nesta inacción do Goberno central para restrinxir o concurso ás emisoras comerciais e tapa os ollos á realidade de que xa existen seis emisoras comunitarias en funcionamento. Radio Piratona, en Vigo (106.0); Rádio Filispim, en Ferrol (93.9); Radio Kalimera, en Compostela (107.9); Radio Roncudo, en Corme (106.1); Radio Clavi, en Lugo (103.0) e Cuac FM, na Coruña (103.4). Están agrupadas na Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, formada en 2006.
En Galicia existen medios libres e comunitarios dende hai tres décadas, sen que até a data as diversas administracións lles outorgaran licenzas para desenvolver a súa actividade, a pesar de contemplalas na normativa reiteradamente
Polo tanto, en Galicia existen medios libres e comunitarios dende hai tres décadas, sen que até a data as diversas administracións lles outorgaran licenzas para desenvolver a súa actividade, a pesar de contemplalas na normativa reiteradamente. Non hai que esquecer que a Resolución do Parlamento Europeo A6-0263/2008, "pidelles aos Estados membros que poñan a disposición destes medios o espectro de frecuencias, analóxica e dixital, de radio e televisión, tendo en conta que o servizo prestado polos medios de comunicación comunitaria non se ha de avaliar en termos de custo de oportunidade ou xustificación do custo de adxudicación do espectro, senón polo valor social que representa", e que a actividade dos medios comunitarios atópase legalmente protexida na maioría dos países europeos.
Os medios de comunicación comunitarios caracterízanse por non ter ánimo de lucro, por estar xestionados por un colectivo cidadán, pola súa xestión participativa e horizontal e por ter un obxectivo de servizo á cidadanía e da sociedade civil da que parte. A propia Cuac FM define o seu obxectivo como "dar voz a aqueles que non a teñen", e máis aló de que esta premisa poida soar simple ou inxenua, o certo é que as emisoras comunitarias cumpren ese papel tan necesario de acceso democrático, que supón entregarlles aos colectivos e persoas individuais espazos e tempos para que expresen o que queiran expresar. Varias delas rexeitan a denominación de piratas e prefiren chamarse radios libres ou comunitarias, pois consideran que os que verdadeiramente piratean, son as emisoras comercias que ocupan frecuencias ou emiten en cadea máis aló do permitido pola lei.
O sistema radiofónico en España e Galicia beneficiou nas últimas décadas as grandes cadeas radiofónicas, que copan case todas as frecuencias de emisión e que deixan un espazo moi escaso para as emisión locais
O sistema radiofónico en España e Galicia beneficiou nas últimas décadas as grandes cadeas radiofónicas, que copan case todas as frecuencias de emisión e que deixan un espazo moi escaso para as emisión locais. Esta nova convocatoria da Xunta, por exemplo, esixe que o 50% das emisións se realicen en galego, pero ao mesmo tempo permite que a meirande parte das horas de emisión se poidan facer en cadea, case sempre con orixe en Madrid, polo que ese 50% só se aplica nas emisións realizadas dende Galicia. A convocatoria tampouco valora especificamente a creación de postos de traballo, o que sería unha grande axuda para o sector do xornalismo, que atravesa unha profunda crise.