A Universidade de Vigo nega que apoie a mina de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

A Universidade de Vigo non dá o seu apoio ao proxecto da polémica mina de Corcoesto. Así llo vén de asegurar a institución académica á Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, segundo asegura este colectivo nun comunicado, e logo de que a empresa Edgewater fixera pública a sinatura dun convenio de colaboración "como se se tratase dun apoio institucional explícito da UVigo a un proxecto que conta cunha forte oposición social, non só na contorna, senón tamén en toda Galicia e especialmente dentro da comunidade investigadora e universitaria".

A Universidade de Vigo aclara que persoal investigador apoiou posicións contrarias ás mantidas pola empresa mineira

Segundo a plataforma, a Universidade de Vigo aclaroulle que a empresa mineira canadense contratouna a través dun convenio marco de colaboración para a "elaboración dun informe para avanzar nas medidas protectoras e correctoras establecidas na Declaración de Impacto Ambiental, recentemente aprobada pola Xunta de Galicia". Ademais, a institución académica asegura que o devandito convenio "foi impulsado por un grupo de investigación do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente a petición da empresa mineira, e que foi subscrito dentro da liberdade de investigación recollida pola lei orgánica de universidades".  "Pero en ningún caso ese contrato de I+D implica un apoio institucional da Universidade de Vigo ao proxecto", manifestou, tras lembrar que persoal investigador da universidade incluso  "deu soporte a posicionamentos que se afastan dos mantidos pola empresa mineira".

"Se a empresa mineira utiliza a sinatura do convenio para xustificar a expotación procederase á denuncia do mesmo", advirte

"Se nalgún momento a empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U. utiliza a sinatura do convenio para xustificar a explotación mineira procederase á denuncia do mesmo", aseguroulle textualmente a Universidade de Vigo á plataforma de Corcoesto.

"Este comunicado da Universidade de Vigo pon de manifesto a estratexia de manipulación informativa que vén desenvolvendo a empresa mineira desde o inicio da tramitación do proxecto", denuncia o colectivo, que cre que os contratos que está a subscribir a compañía coas universidades galegas -o último coa Universidade da Coruña- "denota ás claras a intención da empresa de vender á sociedade galega que o proxecto mineiro conta co apoio das universidades, cando o que ocorre é todo o contrario".

Galerías da antiga mina subterránea de Corcoesto Dominio Público Praza Pública
Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.