'Salvemos Cabana' acudirá a instancias europeas se a mina de Corcoesto é autorizada

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

A Plataforma Salvemos Cabana contra a minaría tóxica na Costa da Morte e Galicia anuncia que acudirá a instancias europeas ante a eventual autorización da mina de Corcoesto. A entidade pídelle á Xunta que aplique o "principio de cautela" ante o dano que podería provocar a explotación.

Asegura que co fin "de salvagardar a saúde e seguridade das poboacións afectadas e a protección ambiental da zona", esgotará todas as vías posibles de actuación ante o que considera "un flagrante intento de impoñer por parte da administración galega un proxecto que pode carrexar graves consecuencias a medio e longo prazo para a Bisbarra de Bergantiños e a Costa da Morte".

Asegura que co fin "de salvagardar a saúde e seguridade das poboacións afectadas e a protección ambiental da zona", esgotará todas as vías posibles de actuación

Consideramos que a Xunta debería de asumir os conceptos expostos na Declaración de Berlín no 2000, que sinala que o emprego do emprego do cianuro de sodio en labores mineiras "non pode aceptarse polos seus danos irreversibles ao ecosistema" e que "non pode garantirse unha minaría do ouro segura". Este mesmo texto, indica, ademais, que non hai efectos positivos na extracción do ouro utilizando procesos de cianuración, pois o aumento temporal da taxa de emprego a curto prazo, é seguido "dunha permanente caída de calidade de vida comparada cos estándares previos".

Tamén lembra a resolución do 5 de maio de 2010 aprobada polo Parlamento Europeo, que afirma que "nos últimos 25 anos rexistráronse máis de 30 accidentes importantes relacionados coa vertedura do cianuro" a nivel internacional, que os proxectos mineiros de carácter aurífero a ceo aberto con tecnoloxías a base de cianuro e en zonas densamente poboadas xeran "ameazas potenciais para a saúde humana e o medio", e que este tipo de minaría "crea pouco emprego e só por un período de entre oito e dezaseis anos" podendo provocar "enormes danos ecolóxicos" que non adoitan ser asumidos polas empresas explotadoras responsables, senón polos contribuíntes dos países afectados.

A plataforma cualifica de "profunda irresponsabilidade" que, "coñecendo todos estes datos", o propio goberno galego estea "a dar ás á instalación de iniciativas de minaría de ouro a ceo aberto"

A plataforma cualifica de "profunda irresponsabilidade" que, "coñecendo todos estes datos", o propio goberno galego estea "a dar ás á instalación de iniciativas de minaría de ouro a ceo aberto non só en Corcoesto, senón tamén concesionando grandes áreas para este tipo de proxectos nos concellos veciños de Zas e Santa Comba a empresas transnacionais que, tal como se demostrou no caso de Corcoesto, non achegan garantías financeiras suficientes que asuman de xeito integral o peor tipo de accidente que poida producirse".

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.