"As mulleres que xa están metidas na espiral da violencia agora saen con maior dificultade, porque moitas aguantan porque non teñen de que vivir". A catedrática de Dereito Procesual e experta no estudo e na abordaxe da violencia machista Raquel Castillejo reflexionaba o pasado outubro nestes termos, nunha entrevista con Praza, sobre a influencia da crise nas vítimas das agresións de xénero. "El arranxou a súa vida, pero ségueme a maltratar economicamente", resumía con crueza unha muller vítima das agresións machistas en novembro de 2012. "Todas as crises económicas atacan máis ás mulleres", expresaba hai poucos días neste diario Ánxela Lagoa, da Marcha Mundial das Mulleres. Son só tres exemplos de análises sobre o impacto das restricións económicas en quen sofre o maltrato aos que agora se vén de engadir un máis no mesmo sentido, o realizado pola presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Inmaculada Montalbán.
Cunha morea de datos baixo o brazo, aproveitando a presentación do anuario estatístico do seu departamento correspondente ao ano 2012 Montalbán reflexionaba sobre a caída das denuncias por violencia machista experimentada no conxunto do Estado dende o ano 2008, considerado o do inicio da crise económica. Esta diminución, dun 9,6%, está moi por riba da media anual de descenso, do 2,4% e pode, a xuízo da alto cargo, "ser debida ao impacto da crise económica, tanto na vítima como na súa familia e na propia sociedade", un impacto "que non favorece que as mulleres saian do círculo da violencia".
As denuncias por violencia machista caeron case un 20% en territorio galego dende o inicio da crise
Galicia non é allea a esta diminución das denuncias. Ben ao contrario, a caída é moito máis abrupta e sitúase no 19,65%, pasando de 5.959 denuncias por maltrato en 2008 a 4.788 o pasado ano, segundo datos do propio Observatorio, tirados do Consello Xeral do Poder Xudicial. Igualmente ilustrativo é outro indicador, a taxa de denuncias por cada 10.000 mulleres maiores de 15 anos: no inicio da crise estaba no 41,5 e non deixou de caer, ata chegar a un 33,29 ao remate do ano 2012.
Case catro de cada dez ordes de protección, denegadas
Aínda que con menor intensidade, as estatísticas oficiais tamén reflicten unha caída nas solicitudes e concesións de ordes de protección ante os maltratadores. No ano 2008 tramitáronse en Galicia 1.439 destas solicitudes de protección, das cales foron aceptadas o 70%. En 2012 as peticións de protección foron 1.443 e fixéronse efectivas o 63%. Neste contexto, aínda que con variacións segundo o ano, tampouco deixou de caer a porcentaxe de ordes de protección aceptadas. Así, mentres que no ano 2007 este indicador chegou ao 74,85%, en 2008 pasou ao devandito 70% e nos anos seguintes moveuse entre o 62% e o 64%. Así, cabe concluír que case catro de cada dez ordes de protección son denegadas en territorio galego.
En Galicia foron asasinadas 19 mulleres entre 2008 e 2012
Nun contexto no que, segundo datos da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, entre 2008 e 2012 a violencia machista provocou o asasinato de 19 mulleres en Galicia, dende o Observatorio a súa presidenta destaca o "esforzo social e institucional realizado nos últimos anos" na loita contra o maltrato, polo que agarda que "os recortes económicos non afecten á loita contra este tipo de delincuencia". Cómpre, di Inmaculada Montalbán, "manter todos os recursos necesarios e imprescindibles para asistir de maneira integral e recuperar ás vítimas".
Neste sentido, Montalbán subliña que, mentres que "no século XX os recursos estiveron enfocados á protección da muller", na actualidade "os esforzos" deben estenderse aos fillos e fillas. "Os menores son utilizados como instrumentos para causar danos ás nais, un fenómeno que leva a pensar que este tipo de violencia machista ten unha especial intencionalidade", salienta.