En varias ocasións o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, fixeron referencia á existencia dun parque de 500 vivendas propiedade do Goberno galego, e que están reservadas para casos de desafiuzamento. Porén, como vén de recoñecer no Parlamento o Director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tan só 9 desas vivendas foron ocupadas por afectados polos desaloxos.
“Algo está pasando cando hai miles de afectados por desafiuzamentos e só 27 solicitudes, sobre todo cando se levan producido 13.000 desafiuzamentos e hai 5.000 en trámite", di Bugallo
O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Xosé A. Sánchez Bugallo, realizou unha pregunta neste sentido, para coñecer o número exacto e as características dese parque reservado. Bugallo denuncia a "inconcreción" na resposta pois Antonio Boné non foi quen de responder "cal é o número de vivendas dispoñibles para afectados polos desafiuzamentos nas cidades de Lugo, Ourense, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Vigo". A argumentación do representante do Goberno galego para evitar concretar a ubicación destas vivendas, baseada en que non ten importancia o lugar onde estean, non foi admitida por Sánchez Bugallo, que si cre que “é importante, porque as persoas buscan unha vivenda cerca do seu entorno e do seu posto de traballo”.
Si revelou o número de vivendas ocupadas -9- e de peticións tramitadas -18 en total-, o que para o socialista resulta “sorprendente”. “Algo está pasando cando hai miles de afectados por desafiuzamentos e só 27 solicitudes, sobre todo cando se levan producido 13.000 desafiuzamentos e hai 5.000 en trámite", di Bugallo.