“Participamos moita xente nesa mobilización, moitísima, hai vídeos, que están colgados en Internet, e non sei quen nos apuntou e somos oito agora, non sei por que. Nos vídeos vese perfectamente a xente que participou; hai actrices, hai políticos, xente da rúa, mariscadores..., moitos deles autoinculpáronse, así que non sei por que me apuntan a min”. Fala Julio Pico, empregado da Confraría de Pescadores de Ferrol, unha das persoas acusadas de "desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves" por deter en maio de 2007 os gaseiros que se dirixían a Reganosa.
Nun primeiro momento eran 63 as persoas imputadas, e agora son oito. Dende o Comité Cidadán, o seu coordinador, Manuel Rodríguez Carballeira, interpreta que isto se debe a que "canta menos repercusión social teña o xuízo, mellor". O segundo aspecto que salienta é que se quere "desligar o xuízo da fonte do conflito: a entrada dos gaseiros e a existencia de Reganosa". A Fiscalía mesmo desestimou a autoinculpación de moitas persoas que participaron na protesta. 16 membros do Comité participarán no xuízo como testemuñas da defensa.
"Quérese desligar o xuízo da fonte do conflito: a entrada dos gaseiros e a existencia de Reganosa"
Bernardo Bastida era patrón maior da Confraría de Pescadores de Ferrol hai cinco anos. Como tal, participaba no Comité Cidadán de Emerxencia e estivo, canda a outras moitas persoas, nas protestas que tiveron lugar en maio de 2007 organizadas polo Comité: “se o Comité chama a unha acción, a xente do mar vai ao medio no que traballa, que é o mar. Se traballasen en Bazán actuarían en Bazán”.
"Non vin ningún comunicado de ningún sindicato en contra do xuízo”
Denuncia o poder que exerce a empresa nos medios de comunicación e nos poderes públicos “mesmo impedimos nunha ocasión o paso a dous barcos da Armada, que ían facer manobras, e non se nos xulgou. Pero si que nos xulgan cando nos enfrontamos a Reganosa”. Maniféstase preocupado polo escaso apoio que están recibindo de partidos políticos: "hai unha cousa na que PP, PSOE e BNG están de acordo: Reganosa”, e sindicatos: "non vin ningún comunicado de ningún sindicato en contra do xuízo”. Conclúe que “o que máis me preocupa é que iso vai atemorizar o sector, xusto neste momento no que se achegan tempos nos que hai que saír á rúa", cando -di- "esta era a única confraría de Galicia que cando había folga xeral facía folga e se mobilizaba".
"Se non fas presión, non che fan caso"
"A planta de gas era ilegal e mobilizámonos co Comité Cidadá de Emerxencia, que foi o que nos puxo alerta a través de asembleas”, di Pico, a quen lle piden 18 meses de cadea (noutros casos as penas solicitades superan os tres anos) "por defender o que pensabamos que tiñamos que defender". “Estamos preocupados porque nos sentimos uns cabezas de turco”, denuncia, e engade que “isto é unha persecución contra nós, para que sexamos submisos. Porque aquí se non te moves ninguén te escoita. Estase vendo estes días, que se piden reunións coa conselleira e pasa de todo. Se non fas presión, non che fan caso. E coa planta de gas pasaba o mesmo”.
"O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, actuou coma a Brigada Político-Social"
Pola súa banda, Bastida salienta que os mariscadores e mariñeiros iniciaron as mobilizacións contra a planta de gas moito antes: “antes de que o Comité Cidadán comezase estas mobilizacións, a de Ferrol foi a única Confraría que lle ocupou a obra a Reganosa, cando estaba facendo o peirao, en protesta polos verquidos que facían ao mar”. Critica especialmente a acción do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, "que actuou coma a Brigada Político-Social do franquismo, que eu sufrín. El fixo acto de presenza no Porto de Ferrol e viu quen falaba publicamente, que dirixía a mobilización: Pillado, Carmelo, Lalán, Alexandre..., e eu era o que menos falaba”.