Galicia é afeccionada aos touros? É unha pregunta difícil de responder. O que, se cadra, non é tan complexo é concluír que a afección no país aos espectáculos que teñen como obxectivo amosar a morte dun destes animais é máis ben escasa. É o que cabe deducir dos datos oficiais da Xunta sobre o número de "espectáculos taurinos" celebrados en territorio galego no período comprendido entre 2008 e 2012, facilitados en datas recentes a través dunha resposta parlamentaria ás deputadas do BNG Carme Adán e Ana Pontón, integrantes da fronte antitaurina da Cámara galega. Segundo ese cómputo oficial, en cinco anos organizáronse en Galicia 64 touradas.
Ademais dunha evidente escaseza de eventos deste tipo, cunha media de 12,8 ao ano, resulta tamén elocuente a súa distribución pola xeografía galega. Aínda que o Goberno galego non detalla cantas touradas se celebraron en cada lugar, si especifica os concellos que acolleron espectáculos taurinos en cada un dos anos analizados. Así, é posible coñecer que nese lustro houbo touradas en trece concellos galegos ou, o que é o mesmo, un 4,1% do total de municipios do país. Nesa relación de concellos só se atopan dúas das sete cidades, A Coruña e Pontevedra, mentres que o resto de touradas se celebraron en localidades de menor dimensión e poboación.
Nun lustro só houbo touradas no 4,1% dos concellos do país, cunha media de 12 espectáculos ao ano
Nomeadamente, xunto coa Coruña e Pontevedra só Padrón e Valga foron escenario de corridas de touros en 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012. A continuación sitúanse o concello ourensán de Muíños, que as acolleu ininterrompidamente entre 2008 e 2011, e Sarria, con eventos deste tipo en 2009 e 2012. O resto de municipios recollidos na estatística oficial tiveron touradas nunha soa ocasión neste período. É o caso de Negreira, A Lama, Portas, Ponte Caldelas, Padrenda, Lousame e Brión.
En resposta ás preguntas de Adán e Pontón a Xunta sinala tamén que entra dentro das competencias autonómicas avaliar "as condicións de seguridade da praza, a idoneidade do equipo material e persoal médico e as certificacións veterinarias sobre a adecuación das condicións hixiénico-sanitarias". Ademais, realiza "inspeccións e vixilancia sobre o correcto cumprimento da normativa vixente en materia de sanidade e benestar animal" e sobre o desenvolvemento dos espectáculos segundo permite a lei. Ao analizar todos estes aspectos entre 2008 e 2012 a Xunta abriu sete expedientes sancionadores, "dos cales catro remataron en sanción administrativa nas localidades da Coruña, Lousame e Pontevedra", sinala o Goberno.
Sen fondos da Xunta pero con achegas municipais
Os espectáculos taurinos adoitan non ser rendibles malia ás subvencións
Na mesma resposta oficial o Executivo subliña que a Xunta "non realizou colaboración económica ningunha coa organización destes festexos taurinos", o que non quere dicir, nin moito menos, que as touradas se autofinancien. Así, malia á escasa afección e aínda que en todo o país só hai unha praza de touros permanente, a de Pontevedra, existen casos significativos de financiamento público como o achegado polo Concello da Coruña, de máis de 100.000 euros anuais. Tamén foi especialmente rechamante o caso de Muíños, onde o Concello, como xa relatou Praza Pública, destinou fondos procedentes da Unión Europea para promocionar unha tourada con El Cordobés. Do mesmo xeito, o colectivo Galicia, mellor sen touradas censurou tamén en diversas ocasións os cartos que os espectáculos e peñas taurinas reciben da Deputación de Pontevedra, xa sexa directamente ou a través da compra de espazos publicitarios
Malia estes apoios institucionais as touradas seguen sen ser un espectáculo economicamente rendible en terras galegas. Así o recoñecen algúns dos seus promotores e así o din as cifras. Así, por exemplo, na última feira taurina da Coruña apenas acudiron unhas 3.000 persoas ao día, entradas de balde incluídas, o que provoca perdas económicas malia ás achegas oficiais. Mentres, os colectivos abolicionistas continúan co seu traballo en diferentes ámbitos e cunha convicción: "sen subvencións públicas en Galicia non hai touradas, porque non hai hábito nin afección", di Galicia, mellor sen touradas.