CCOO denuncia “o total desmantelamento do tren convencional de viaxeiros en Galicia”

Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

94 trens menos á semana e peche definitivo de 30 estacións. É o que os recortes anunciados polo Ministerio de Fomento nos servizos de Media Distancia van supoñen en Galicia. CCOO estima que estas medidas poderían afectar entre 150.000 e 200.000 viaxeiros ao ano, precisamente nas zonas con mais dificultades para a comunicación. As medidas de Fomento exclúen as Cercanías, xa que non se cuestiona a súa inclusión como obrigas de servizo público (OSP). Porén, en Galicia a práctica totalidade dos viaxeiros móvense en Media Distancia xa que as Cercanías non existen (coa excepción de Ferrol-Ortigueira de ancho métrico). O sindicato considera que se lles debería dar o tratamento de Cercanías aos servizos de Media Distancia de Galicia á hora de consideralos como OSP.

Está previsto o peche definitivo de 30 estacións, o que se suma ás estacións xa pechadas en Galicia, outras 26

Desaparece completamente a liña Ourense-Puebla de Sanabria, e suprímense 20 trens semanais entre Ferrol e A Coruña, 14 na liña A Coruña-Lugo-Monforte, 14 na Vigo-Ourense, 26 na Santiago-Ourense e 6 na Ourense-Monforte. Ademais, está previsto o peche definitivo de 30 estacións, o que se suma ás estacións xa pechadas en Galicia, outras 26. Haberá outras 21 estacións nas que se reducirán os servizos a un ao día por sentido. Ademais, unificaranse algúns servizos de Media Distancia con outros de Larga Distancia e onde había dous servizos vai quedar un só.

O sindicato considera que se lles debería dar o tratamento de Cercanías aos servizos de Media Distancia de Galicia á hora de consideralos como obrigas de servizo público

A propia proposta do Ministerio abre a posibilidade suprimir máis servizos nos próximos 6 meses, pois está pendente a definición das obrigas de servizo público sobre a rede de ancho métrico. CC.OO. considera que isto vai supoñer un novo recorte de servizos, "xa que no pasado mes de xullo se pretendeu reducir 19 servizos na liña de Ferrol a Ortigueira e outros dous na liña de Ferrol a Ribadeo e que finalmente se mantiveron, probablemente ante a proximidade das Eleccións Autonómicas galegas".

Para CC.OO. "este Goberno fai unha análise errónea da situación do ferrocarril en Galicia" e lembra que "en comunidades autónomas con densidades de poboación iguais ou inferiores a Galicia circulan un número de trens moi superior con liñas máis modernas e electrificadas e con multitude de paradas". Pon o exemplo de Asturias, cunha poboación de 1.077.000 habitantes e cunha densidade de poboación de 102 hab/Km2, ten nove liñas de cercanías entre ancho métrico e rede convencional, polas que circulan diariamente 494 trens ao día. Catro veces máis que en Galicia, cunha poboación 2.5 veces superior e unha densidade semellante.

En Asturias hai catro veces máis que en Galicia, cunha poboación 2.5 veces superior e unha densidade semellante.

Acusa ao Goberno de carecer dunha proposta de mellora da xestión: "limítase a poñer en marcha políticas de desmantelamento deste servizo público de transporte de viaxeiros por ferrocarril. A mala xestión do ferrocarril serve como escusa para este desmantelamento". E afirma que "o ferrocarril convencional en Galicia non pode competir con outros medios se non se inviste na modernización da infraestrutura, a electrificación e mellora de tempos de viaxe". CC.OO. demándalle ao Goberno galego "unha aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte intra-comunitario respectuoso co medio, seguro, como medio de cohesión social e territorial e como un elemento decisivo no desenvolvemento económico das distintas bisbarras".

Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.