ADEGA denuncia que a Xunta "teima en apoiar o sistema Pescanova" para a acuicultura galega

Concentración dos veciños de Merexo CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta vén de presentar o documento definitivo do Plano Director de Acuicultura (PDA)ADEGA denuncia que con este plan a Xunta "persiste en apoiar o sistema Pescanova, un modelo fracasado baseado na especulación, o produtivismo e a desregulación ambiental, cunha ínfima creación de postos de traballo" e engade que "semella que nin Feijóo nin Fernández de Sousa aprenderon nada da nefasta experiencia de Pescanova en Mira".

A asociación critica que "a planificación acuícola deste PDA" está "escandalosamente sesgada cara a acuicultura industrial en terra, esquecendo que o groso do sector e dos postos de traballo corresponden á acuicultura a flote, o marisqueo e aos cultivos mariños". E atende "únicamente ás necesidades da industria, principalmente da patronal do peixe plano, nucleada arredor de dúas grandes transnacionais (Stolt Sea Farm e Pescanova), e non ás características e valores do medio receptor".

ADEGA advirte da indeterminación presente na norma e denuncia que "as piscifatorías irán onde lle interese á patronal e decida a discreción o conselleiro de turno" acusando o Goberno galego de actuar unicamente para "eliminar molestos atrancos ambientais e sociais".

Tamén critica que o Informe de Sustentabilidade Ambiental do plan "non inclúa as medidas para reducir os efectos negativos sobre o territorio e as variables da sustentabilidade ou  o informe de viabilidade económica e orzamentos previstos". Para ADEGA, "sen unha análise nin de impactos nin de custos, a Xunta propón unha desregulamentación de facto da acuicultura galega, consagrando a discrecionalidade e cedendo o protagonismo de desenvolver o sector e xestionar o litoral ás empresas".

ADEGA engade que esta norma non terá efectos "mentres os fondos europeos de pesca sigan excluindo a macroacuicultura industrial"

ADEGA conclúe que "Feijóo aposta por unha acuicultura modelo Chile, Guatemala ou Indonesia: Desfeita ambiental, contaminación e man de obra escasa e precaria, sometendo o litoral aos intereses das empresas". Pero engade que esta norma non terá efectos "mentres os fondos europeos de pesca sigan excluindo a macroacuicultura industrial: Nin Stolt, nin moito menos Pescanova tal e como está nestes intres, darán un paso sen ter garantido o 50% de subvencións públicas".

Concentración dos veciños de Merexo CC-BY-SA Praza Pública
Mougas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.