"Algunhas compañeiras foron ameazadas con ser violadas se se mantiñan na resistencia"

Coloquio no que participaron este martes na Coruña Dominio Público Coordinadora de loitas da comarca da Coruña
Publicidade
Publicidade

A guatemalteca Paula del Cid, da asociación feminista La Cuerda, está en Galicia xunto coa tamén activista Natalia Atz Sunuc, para explicar de primeira man o conflito que os veciños e veciñas de Barillas sofren por mor da central hidroeléctrica que constrúe a transnacional Hidralia Energia, con sede na Coruña. Este martes participaron na Casa Museo Casares Quiroga nun coloquio con Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, baixo o lema Unha mesma situación, unha mesma resistencia. Guatemala e Galiza.

As tres contextualizaron o ataque das transnacionais enerxéticas, tanto na rexión guatemalteca de Barillas como na galega Corcoesto, destacando a consciencia e coordenación da sociedade civil para opoñerse a este tipo de proxectos. En ambos os dous casos, destacaron, "transnacionais de capital estranxeiro, coa connivencia e apoio dos distintos gobernos, decidiron instalarse en zonas de grande valor ecolóxico e produtivo, ofertando a cambio desta destrución a posibilidade duns poucos postos de traballo ou, no caso de Barillas, unha ínfima cuantía económica ca que pretenden soterrar a oposición social ao proxecto".

O xoves manterán encontros cos grupos parlamentarios de AGE e BNG e ofrecerán unha palestra en Compostela sobre Estado de sitio e violencia patriarcal en Barillas. O venres, en Vigo, manterán un encontro cos movementos sociais da cidade, organizado por Amigas da Terra e a Marcha Mundial das Mulleres.

"O caso de Hidralia é un exemplo moi claro das políticas extractivas en Guatemala: non só proxectos coma este de construción de centrais hidroeléctricas, senón que tamén sufrimos a presión para sementar cultivos agrocombustibles e tamén proxecto petroleiros e de minaría a ceo aberto"

A situación que se está vivindo en Santa Cruz afecta a toda a poboación, sobre todo á comunidade indíxena, pero ao igual que noutros conflitos son as mulleres as que a sofren de maneira máis violenta?

O caso de Hidralia é un exemplo moi claro das políticas extractivas en Guatemala: non só proxectos coma este de construción de centrais hidroeléctricas, senón que tamén sufrimos a presión para sementar cultivos agrocombustibles e tamén proxecto petroleiros e de minaría a ceo aberto. Todo isto supón unha presión sobre o territorio que fai que as persoas e as colectividades afirmen o seu rexeitamento. As mulleres son parte da resistencia ás políticas extractivas dende distintos ámbitos. E sofren as consecuencias: en oposición a un proxecto mineiro realizouse unha folga pacifica á entrada da mina e a líder deste movemento sufriu un atentado, foi disparada. Máis frecuente é o uso da violencia sexual como estratexia: algunhas compañeiras foron ameazadas con ser violadas se se mantiñan na resistencia. Outras mulleres son ameazadas para que non saian das casas, e se o fan fanse correr rumores que din que andan con outros homes. En Guatemala a situación semella a dunha guerra moitas veces: hai mortos, desaparecidos e violacións. Tamén se criminaliza as persoas que participan nos movementos sociais: por opoñerse a estes proxectos son perseguidos e acusados de actos terroristas. Tamén entra en xogo a distinta concepción do Benestar que se ten en América e aquí en Europa.

"En Guatemala a situación semella a dunha guerra moitas veces: hai mortos, desaparecidos e violacións. Tamén se criminaliza as persoas que participan nos movementos sociais: por opoñerse a estes proxectos son perseguidos e acusados de actos terroristas"

En que se diferencia?

Nas comunidades indíxenas o benestar non se mide en cuestións materiais ou en cartos, senón no aire limpo, na auga limpa e na capacidade de cultivar a terra. Elas cuestionan ese modelo de desenvolvemento que nos intentan impor.

O papel da muller é moi activo nesas comunidades indíxenas?

Depende de cada comunidade. Hai mulleres que se limitan a un rol de ama de casa e hai outras que son moi activas politicamente. En Santa Cruz, cando se declarou o Estado de Sitio, a situación foi moi semellante ao dunha guerra: os homes marcharon e as mulleres quedaron soas e con medo a ser violadas polos soldados que invadiron a rexión. Despois tamén se deu o caso de 11 activistas que foron detidos ilegalmente e moitos deles permaneceron varios meses en prisión: as mulleres tiveron que organizarse para realizar as súas tarefas e tamén para ir visitalos á cadea, que quedaba na capital,  a uns 400 quilómetros.

"O Goberno xa lle deu a licencia a Hidralia. O que falta agora é a licencia de construción, que depende da municipalidade. E a municipalidade está no medio: entre as presións da empresa e a presión dos veciños"

Cal é o futuro inmediato deste conflito?

O Goberno xa lle deu a licencia a Hidralia. O que falta agora é a licencia de construción, que depende da municipalidade. E a municipalidade está no medio: entre as presións da empresa e a presión dos veciños. Has tensión, hai detencións de activistas... E esta resistencia é a que levou o Goberno a semana pasada a dicir que vai considerar decretar o Estado de Sitio en 30 municipios.

Non sei se che deu tempo a coñecer o conflito que se vive en Galicia coa mina de Corcoesto, semellante ao que se vive en Guatemala, salvando as distancias...

Puiden observar varias cousas. Como este sistema mercantilizado obriga aquí e alí a necesitar cartos para sobrevivir e xoga con esa necesidade da xente para crear o mito de que a mina é unha fonte de emprego. A nós acúsanos de que estar en contra do desenvolvemento cando nós apostamos por outro tipo de desenvolvemento. E tamén vexo que, como sucede alí, os medios de comunicación defenden os intereses das transnacionais. Estamos nun momento no que o capitalismo se amosa moi voraz. E nós o que temos que facer é este traballo de formigas e non perder a oportunidade de convencer á xente de que se pode vivir doutra maneira: que se pode vivir da terra e de que o planeta non pode soportar esta carreira.

"Creo que o feito de que en Galicia se sofra a ameaza desta mina tamén leva a que se entenda mellor a nosa situación"

Como estades vivindo o voso paso por Galicia? Notades comprensión cara á vosa situación?

Pois a verdade é que nesta viaxe por Europa para explicar o noso conflito pasamos xa por Viena, Bruxelas, Barcelona, Alacante, Madrid e Bilbao. E notamos que a reacción pode ser tímida, pero vemos que hai cada vez máis xente que quere vivir noutro sistema. Hai moito que compartir entre uns e outros. E por exemplo creo que o feito de que en Galicia se sofra a ameaza desta mina tamén leva a que se entenda mellor a nosa situación. Temos que crer que somos capaces de mudar o actual rumbo. Non falo de tomar o poder. Falo de mudar a forma de estar no mundo.

Coloquio no que participaron este martes na Coruña Dominio Público Coordinadora de loitas da comarca da Coruña
Natalia Atz Sunuc e Paula Irene del Cid Vargas, na Coruña CC-BY 15M Montealto
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.