O final feliz (ou menos malo) para Aurelia Rey

Contexto urbanístico do desafiuzamento de Aurelia Rey CC-BY-NC-SA Ergosfera

Aurelia Rey xa está na súa nova casa. É un final feliz (ou o menos malo) para un conflito que saltou ás portadas logo de que o pasado mes de febreiro a presión cidadá impedise en dúas ocasións o seu desafiuzamento. Despois de que a plataforma Stop Desahucios e a oposición na Coruña -nomeadamente BNG e EU- denunciasen o mobbing inmobiliario sufrido pola muller, a mobilización cidadá axudou a atopar unha solución para unha muller de 85 anos, que levaba máis de tres décadas na súa vivenda do centro da Coruña e que intentou ser desaloxada polo atraso no pago de dous meses do seu aluguer -un deles hai máis de catorce anos- de renda antiga.

Aurelia Rey xa está na súa nova casa de aluguer social tras asinar o contrato na sede da Xunta

Agora, Aurelia Rey xa está na súa nova vivenda do barrio de Eirís logo de asinar o contrato deste inmoble de promoción autonómica e despois de que os mesmos activistas que lideraran a oposición ao seu desafiuzamento a axudasen a facer a mudanza desde a rúa Padre Feijóo, onde vivía desde os anos setenta. Foi a culminación dun proceso que incluíu a negativa do corpo de bombeiros a colaborar no lanzamento previsto, unha polémica intervención policial e incluso empurróns sufridos por varios cargos públicos, como o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera.

A presión cidadá paralizou o desafiuzamento e permitiu unha prórroga para atopar unha solución antes do desaloxo

Foi a presión cidadá a que fixo posible que, finalmente, a familia propietaria do céntrico inmoble paralizase a orde de desaloxo, permitise unha prórroga de dous meses para atopar unha solución ao problema da anciá e incluso accedese a unha compensación económica a unha muller que carece dos ingresos ou da axuda suficiente para acceder a unha vivenda en alugueiro sen axuda da Administración.

Pero este xoves, e logo de que aceptase o piso ofrecido pola Xunta en Eirís, Aurelia Rey asinou na compaña do seu avogado e nas dependencias da Administración autonómica na Coruña o contrato da vivenda en aluguer social. Ao tempo, activistas de Stop Desafiuzamentos colaboraban no traslado das pertenzas da anciá, unha vez confirmado que a nova vivenda conta xa co subministro de auga e electricidade, aínda que está pendente aínda activar o gas. O aluguer deste inmoble costará uns 125 euros, unha cifra aproximada á que a muller pagaba por renda antiga na súa casa de Padre Feijóo.

"Non hai comparación, este é un luxo comparado co trasteiro que tiña antes... E mirade o que me fixeron e as liortas que provocou aquilo", asegurou Aurelia Rey a Radio Coruña ao pouco de coñecer a súa nova vivenda. "Foron uns meses duros", recoñeceu tras este final feliz.

Aurelia Rey, coas chaves da súa nova casa Dominio Público @elelopezf - Radio Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.