Attac celebra este venres en Compostela un encontro cos seus asociados en Galicia pero que está aberto a simpatizantes e a todas as persoas que queiran colaborar con este colectivo, fundamental nos últimos anos como espazo de converxencia e construtor dun alternativo aos grandes poderes. Na actualidade Attac conta con ao redor de oitenta asociados en Galicia, "pero moi desconectados entre si", e busca crear estruturas máis estables comezando polas principais cidades do país: "traballamos moito virtualmente. Pero o encontro presencial é moi importante, como o foi sempre", din.
Nos últimos dez anos Attac gañou unha merecida consideración de colectivo rigoroso e aberto, xerador dun argumentario para pensar e actuar na esquerda do século XXI. O ambiente de contestación xerado polo 15M situounos no centro de moitas olladas, nomeadamente a algúns dos seus activistas máis coñecidos coma Vicenç Navarro, Juan Torres ou Alberto Garzón. Falamos con Ricardo García Zaldívar, presidente de Attac-España, que participará no encontro que terá lugar a partir das 19.30 horas na Biblioteca Ánxel Casal. García Zaldívar é doutor en Economía e en Urbanismo e profesor da Universidade Carlos III de Madrid. É presidente de Attac España dende o 2010, nunha segunda etapa, despois de ter centrado os seus esforzos en potenciar o comité científico da organización, do que foi coordinador.
"Hai moita xente que segue a Attac e que nos le, pero que non acaba de dar o paso de traballar con nós. Este tipo de encontros vai dirixido a xente que está sensibilizada coa situación de inxustiza social e que xa se atopa traballando en distintos espazos"
A que persoas vai dirixida esta convocatoria? Que perfís pensas que estarían interesados en colaborar con Attac?
Hai moita xente que segue a Attac e que nos le, pero que non acaba de dar o paso de traballar con nós. Este tipo de encontros vai dirixido a xente que está sensibilizada coa situación de inxustiza social e que xa se atopa traballando en distintos espazos: o 15M, movementos sociais, sindicatos e mesmo partidos, pero que non milita en partidos políticos e busca espazos nos que converxer. Penso en simpatizantes de Esquerda Unida, de Anova ou do BNG. Neste momento estase facendo un grande esforzo para converxer: por exemplo, entre os movementos sociais e os sindicatos mesmo a nivel europeo, por exemplo traballamos no marco do Alter Summit con CCOO, ELA ou CIG. Xente que queira traballar por desenvolver un discurso contra as elites financeiras e a troica e cunha visión internacionalista. Se o FMI traballa a nivel global nós temos que traballar tamén a nivel global.
"Non temos un programa definido. A persoa que se achega a Attac non atopa uns posicionamentos inamovibles cos que se non está de acordo debe optar por marchar. Nós o que ofrecemos é a posibilidade de traballar xuntos nos espazos que xa existen"
Pero de forma moi aberta...
Si, nós non temos un programa definido. A persoa que se achega a Attac non atopa uns posicionamentos inamovibles cos que se non está de acordo debe optar por marchar. Nós o que ofrecemos é a posibilidade de traballar xuntos nos espazos que xa existen. Por exemplo, no 15M ou nas mareas cidadás e outras plataformas. Estamos traballando moito na convocatoria conxunta contra a troika en todos os países do sur de Europa para o 1 de xuño.
En que cuestións está máis centrado o traballo de Attac nestes momentos?
Tentamos traballar e converxer con outros colectivos en certos temas. Por exemplo, a banca pública é un tema que nos motiva moito, e tamén o tema da defensa dunha fiscalidade xusta e a loita contra os paraísos fiscais. Outra idea na que traballamos moito é a da renda básica. Con seis millóns de parados este pais non pode ofrecer traballo e polo tanto non pode ofrecer medios de subsistencia. Nos próximos 5 ou 10 anos imos asistir a unha sociedade completamente desestruturada. Custounos bastante introducir este asunto no mundo sindical porque se entendía que este era un pagamento por non facer nada.
"A débeda é un negocio e un instrumento potentísimo para conseguir outras cousas. É unha mostra do inmenso poder que teñen a banca e os seus lobbies"
Tamén e fulcral todo o relacionado coa débeda, non si? Hai uns días escribía Carlos Martínez, de Attac Andalucía, que "se queres saber quen é de esquerdas, e quen non, preguntádelle a súa posición ante a chamada débeda"...
A débeda é un tema relativamente novo en Europa. A xente que traballaba este asunto até hai pouco, por exemplo Toussaint, centrábase máis na débeda externa do terceiro mundo. Pero é certo que agora mesmo a débeda é un tema fundamental porque estamos pagando 40 mil millóns anuais de intereses pola débeda. E sobre todo porque a débeda é un negocio e un instrumento potentísimo para conseguir outras cousas. É unha mostra do inmenso poder que teñen a banca e os seus lobbies. Non o abordamos dende os plantexamentos tradicionais de loita de clases, aínda que isto tamén é loita de clases. Nós identificamos a mutación que se produciu no sistema, porque agora a clave xa non é a plusvalía xerada polo traballo, e a explotación non vén pola participación no mundo do traballo senón a través do endebedamento. Traballamos moito coas plataformas pola auditoría da débeda.
Ligado a isto vai crecendo o debate sobre a conveniencia de abandonar o euro e a disciplina do BCE. Como o analizas?
É certo que nos dous últimos anos foi crecendo a idea de que non imos ser capaces de mudar a política europea. E tamén que neste enfrontamento entre a Europa do norte e a Europa do sur a diferenza de forza é insalvable e que é mellor marchar. Dentro de Attac hai uns anos os que defendían a saída do Euro eran unha minoría e agora son moitos máis, e mesmo xente importante como Juan Torres, Vicenç Navarro, Albert Recio ou Nacho Álvarez. Estase debatendo entre unha posición matizada, coma a de Syriza, que non aposta por saír do euro pero si por utilizar isto como medida de presión e outras máis rotundas.
"Nos dous últimos anos foi crecendo a idea de que non imos ser capaces de mudar a política europea. E tamén que neste enfrontamento entre a Europa do norte e a Europa do sur a diferenza de forza é insalvable e que é mellor marchar"
O fundamental segue sendo convencer a xente de que hai alternativa, de que hai outras formas de xestionar a realidade?
Creo que xa estamos na fase seguinte. Hai un par de anos era moi importante difundir esa mensaxe: convencer a xente de que era posible outro tipo de políticas. E por iso o libro de Navarro, Torres e Garzón de Hay Alternativas foi un best seller. Vendeu máis de 30 mil exemplares e descargáronse outros 70 mil da rede. Agora estamos na fase de “vale, convencéchesme, agora que podo facer?”. Debemos axudar a xente a saber o que pasa, que son os CDS e por que non queren controlalos. Por iso para nós a formación é o primeiro, e imos incrementar os nosos cursos online. Pero informamos e formamos para a acción: para traballar nos espazos de converxencia. Se es traballadores da sanidade, tes que traballar na túa plataforma en defensa da sanidade.
"Para nós a formación é o primeiro. Pero informamos e formamos para a acción: para traballar nos espazos de converxencia"
Participaches hai uns meses no Foro Social Mundial de Túnez. Que valoración fas desta edición?
Había dez anos que non ía a un FSM, dende Porto Alegre en 2003. E o que notei foi que lles quitaron unha lousa de enriba. En 2003 as ilusións altermundialistas, as ilusións de cambiar as cousas, estaban centradas nos Foros Sociais. E esa era unha presión moi grande porque de aí non saían solucións. Era un espazo de encontro para poñer en común loitas e experiencias. E Túnez como espazo de encontro e debate funcionou moi ben. Foron moi interesantes os debates e as análises criticas deste chamado capitalismo verde e tamén foi moi importante levar o Foro ao norte de África e respirar a forza das revolucións árabes. E aí estaba a sociedade tunecina participando moi activamente.