A conflitividade escolar e algúns casos de acoso nos colexios saltaron nas últimas semanas aos temarios dos medios de comunicación, nomeadamente a través do caso dun menor de Vigo supostamente agredido no colexio privado-concertado Santa Cristina. Este xoves o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presentou un "protocolo contra acoso escolar e ciberacoso" que varios colectivos xa criticaron por non resolver problema ningún e por non ter sido debatido coa comunidade educatica.
É a denuncia principal que tamén realiza o Seminario Galego de Educación para a Paz, que sinala que "a prevención e mellora da convivencia escolar, as medidas e protocolos para atallar o acoso e o ciberacoso, non poden facerse de maneira unilateral, á marxe da comunidade educativa e das súas organizacións representativas, e sen reunir o Observatorio Galego da Convivencia Escolar, creado en 2007 e reiteradamente ninguneado pola Consellería nesta lexislatura e na anterior". O SGEP tamén critica "a impresentable actuación da consellería e da inspección educativa no suposto episodio de acoso escolar nun centro concertado de Vigo, modelo paradigmático de como non se debe actuar diante da conflitividade escolar" e denuncia que o referido protocolo non é máis ca un "mero exercicio de propaganda".
Lembra igualmente que a Lei de Convivencia e Participación de 2011 foi "fortemente rexeitada pola comunidade educativa e polos órganos de participación da mesma, particularmente polo Consello Escolar de Galicia" e conclúe que a Consellería de Educación, desde a chegada de Jesús Vázquez, caracterizouse en materia de convivencia escolar, "por pasar olimpicamente de dialogar, escoitar ou negociar coa comunidade educativa e as súas organizacións".