Unha masiva tractorada rexeita a mina de feldespatos en Xinzo

Tractorada contra a mina de feldespatos en Xinzo © Plataforma veciñal Corno do Monte

Uns 200 tractores responderon ao chamamento da Plataforma Veciñal Corno do Monte e participaron nunha manifestación que superou as espectativas e que unha vez máis rexeitou o proxecto da mina de feldespatos que se pretende instalar en Xinzo. Os participantes, varios centos de persoas, denunciaron este sábado pola mañá a actitude da Xunta e do alcalde da vila: "nos periódicos din unha cousa, pero a hora da verdade nos papeis din outra". Xunto a eles, todo o sector servizos da agricultura e a gandería (almacéns de patacas, abonos, fitoagrarias, talleres...) de Xinzo e Trasmiras pecharon este sábado para sumarse á protesta e apoiar os agricultores e gandeiros, cuxa actividade vese ameazada polo proxecto. 

A Manifestación comezou no Toural coa lectura dun manifesto, xa que a Subdelegación do Goberno, a pesares de ser sábado e causar menos molestias na vila,  prohibiu que as xente se detivese na praza maior. A marcha, acompañada dos tractores, percorreu as principais rúas da vila, collendo logo todos dirección a San Pedro de Laroá, unha das parroquias afectadas. Na marcha participaron representante de BNG, CxG, PSdeG, Anova, EU, e de sindicatos agrarios como Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, FRUGA e asociacións como ADEGAL.

Os veciños e veciñas sinalaron que "non se fían" das declaracións feitas polo conselleiro Agustin Hernández e o alcalde de Xinzo nas que tranquilizaban a poboación sobre o futuro do discutido proxecto, "xa que aquí o que vale non é o que digan eles nos xornais, o único que vale é a resolución do consello da Xunta publicada onde corresponde". O momento no que a Xunta adoptará unha decision definitiva sobre a mina achégase e os grupos contrarios ao proxecto intesifican as súas accións, co lema "ou a mina ou nós".

Os manifestantes dirixironse directamente ao Goberno galego: "Eles verán, pero nós confiaremos en non ter que acudir a Santiago con tódolos tractores da Limia, pero se o temos que facer, farémolo. Estes señores non nos van quitar o pan dos nosos fillos nin o seu futuro. Loitaremos ata o final". Na marcha puideron verse tamén cartaces que tiraban de retranca: "Ocasión: Cambio tractor por chollo na mina"

Tractorada contra a mina de feldespatos en Xinzo © Plataforma veciñal Corno do Monte
Tractorada contra a mina de feldespatos en Xinzo © Plataforma veciñal Corno do Monte
Tractorada contra a mina de feldespatos en Xinzo © Plataforma veciñal Corno do Monte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.