Sancionan a Jorquera, dous edís e un bombeiro por deter o desaloxo de Aurelia Rey

A Policía intenta evitar o paso dos manifestantes CC-BY-SA M. Pereira

A Subdelegación do Goberno vén de expedientar oito persoas polos altercados acontecidos na Coruña na paralización do desafiuzamento de Aurelia Rey o pasado 18 de febreiro. Entre os denunciados están Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, e dous edís do Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril (BNG) e César Santiso (EU), ademais de Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, e o bombeiro que se negou a levar a cabo o desaloxo e cuxo xesto apoiando a detención do lanzamento da anciá deu a volta ao mundo.

Todos os implicados foron denunciados pola Policía Nacional que axudaba a comisión xudicial que se dispoñía a levar a cabo o desaloxo de Aurelia Rey e a proposta de sanción é de 600 euros para cada un dos expedientados, segundo adiantou La Voz de Galicia. O BNG xa reaccionou e anunciou que pedirá explicacións ao Ministerio do Interior a través do Congreso dos Deputados de confirmárense as sancións.

BNG e EU aseguran que se enteraron pola prensa do expediente e anuncian que pedirán explicacións a Interior

O Bloque anuncia que solicitará explicacións "tanto pola actuación da Subdelegación do Goberno en Galiza como pola actuación represiva contra persoas que participaron nunha protesta lexítima que evitou un desafiuzamento na Coruña". No entanto, o BNG aclara que só ten constancia da apertura dun expediente a través da prensa, xa que asegura que  ningunha das persoas mencionadas recibiu notificación formal ningunha. O mesmo confirma César Santiso, concelleiro de Esquerda Unida, que recoñece "non ter ningunha comunicación oficial" e que prefire "non perder nin un minuto con este tema". Aínda así, denuncia "estes poderes públicos que temos". "Expediéntannos por unha defensa lexítima e enterámonos pola prensa", reflexiona.

O bombeiro que se negou a colaborar no desaloxo da anciá tamén foi denunciado pola Policía

De confirmarse as sancións, a formación nacionalista xa anuncia que pedirá explicacións ao propio ministro do Interior e, "de ser o caso, a súa dimisión pola propia actuación represiva contra persoas que participaron nunha protesta lexítima". Santiso tamén anuncia que solicitará información sobre a presunta sanción, así como polos argumentos empregados para levala a cabo.

O BNG cuestiona "o uso da represión e do amedrentamento que está a facer a Policía e o Ministerio para atallar as protestas no caso de conflitos sociais", aclara, tras definir a actuación das forzas de seguridade como "o uso da forza de coerción do Estado contra persoas que protestan contra medidas sociais moi inxustas, como os desafiuzamentos, que teñen a súa raíz no apoio sen fisuras que os gobernos lle dan ao capitalismo financeiro e aos oligopolios".

"Volveríao facer as veces que fixese falta", advirte o concelleiro César Santiso

"Volveríao facer as veces que fixese falta; paramos un desafiuzamento, defendemos unha causa xusta e removemos as conciencias para cambiar unha lexislación que é totalmente inxusta", lembra Santiso.

Aquel 18 de febreiro, logo de horas de protesta e concentración ante a casa de Aurelia Rey e tras o anuncio por parte de fontes xudiciais da comisión de que non se levaría a cabo o desaloxo, a Policía aproveitou a marcha de boa parte dos manifestantes e da maioría dos xornalistas para tentar botala da casa. Arredor das dúas da tarde, seis furgóns policiais apareceron na rúa para levar a cabo un desafiuzamento que tan só uns minutos antes parecía suspendido e despois tamén de que os axentes antidisturbios abandonasen a zona.

Foi daquela, e nos primeiros momentos de tensión, os voceiros de BNG e Esquerda Unida no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril e César Santiso, foron zarandeados e golpeados pola Policía, tras denunciar unha situación que cualificaron de "engano" e "trampa" por parte da comisión xudicial e da Delegación do Goberno. Máis tarde, e logo da presión cidadá, a Policía detivo as persoas que intentaban deter o desaloxo e o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, sufriu cando menos un empurrón por parte dos axentes.

Jorquera, Santiso e Carril foran zarandeados pola Policía no seu intento por deter o desaloxo de Aurelia Rey

O portal estaba pechado cunha cadea, pero o primeiro grupo de bombeiros que foran chamados ao lugar negáronse a rompela para facilitar o desafiuzamento da anciá. De feito, un deles foi despedido entre aplausos mentres sostía un cartel de Stop Desafiuzamentos. É o mesmo que agora foi denunciado pola Policía, que entende que a súa actitude alterou aínda máis o ambiente.

O Bloque emprendará "unha campaña social" para sufragar as multas se se confirman

O BNG di estar "orgulloso de quen participan destas mobilizacións" e destaca "o traballo das persoas comprometidas con esta causa dos desafiuzamentos que procuran restabelecer a xustiza social, tanto a título individual como en colectivos organizados". Así, valora "o extraordinario labor do bombeiro que se negou a participar no desafiuzamento e de cantas persoas están acosadas por esta razón".

O Bloque anuncia tamén que, "de se confirmaren as sancións, emprenderá unha campaña social para sufragalas, ademais difundir e de estender información sobre as razóns que motivaron estas protestas contra os desafiuzamentos".

Os convocados celebran a paralización do desaloxo CC-BY-SA M. Pereira
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.