CIG-Saúde convoca este xoves ás 11 horas no edificio do Sergas, en Compostela, unha concentración de persoal desempregado do Servizo Galego de Saúde. A concentración desenvolverase, de forma simbólica, como unha “cola do INEM”. A central quere denunciar deste xeito a situación de desemprego e inactividade total ou case total na que se atopan milleiros de profesionais en Galicia, que sofren "un ERE encuberto en marcha".
No ano 2012-13 xubiláronse no Sergas 2.330 persoas en todas as súas áreas de actividade, pero por mor da limitación establecida polo Goberno central só se poden cubrir con novas contratacións un 10% destas prazas
As razóns son varias, segundo denuncia a responsable do sindicato, María Xosé Abuín, comeando pola non reposición das xubilacións, o peche de camas, a eliminacións de substitucións e a fin do Plan de Mellora da Atención Primaria. No ano 2012-13 xubiláronse no Sergas 2.330 persoas en todas as súas áreas de actividade, pero por mor da limitación establecida polo Goberno central só se poden cubrir con novas contratacións un 10% destas prazas.
Tamén tivo un impacto moi importante a fin do Plan de Mellora da Atención Primaria, que entre 2009 e 2011 permitiu que se incorporasen ao sistema 1.049 profesionais cada ano, e que non foi renovado polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. Ou o Plan Galego de Saúde Mental, que tamén chegaba até o 2012, e que tamén foi suprimido, eliminando 154 prazas profesionais. "En total deixaron de cubrirse máis de tres mil. Só se cubriu unha parte residual", denuncia María Xosé Abuín.
"Traballadores que no 2012 traballaban regularmente case todo o ano, neste ano aínda non o fixeron, e a dia de hoxe nin sequera lles ofertaron o bloque de vacacións"
Tamén vai ter un grande impacto o peche de centos de camas nos tres meses do verán, ou o feito xa denunciado polos sindicatos de que as baixas por mor das vacacións non se estean cubrindo con substitucións, senón que estean sendo asumidas polo resto do cadro de persoal. Neste senso CIG-Saúde denuncia que o SERGAS puxo en marcha un sistema de selección temporal a través do Expediente-e (sistema informatizado) do que presume do alto número de aspirantes nas listaxes e "que para o único que está a servir é para crear falsas expectativas de contratación". "Está xerando falsas expectativas", denuncia Abuín, "esas listas cada vez móvense menos e a contratación é residual. Traballadores que no 2012 traballaban regularmente case todo o ano, neste ano aínda non o fixeron, e a dia de hoxe nin sequera lles ofertaron o bloque de vacacións". "Hai unha destrución de emprego elevadisima no Sergas", conclúe.
Toda esta situación, unida á redución salarial e á degradación das condicións de traballo dos traballadores con praza (os profesionais con máis de 20 anos de antigüidade no Sergas perderon ao redor de 10 dias libres, entre a eliminación de seis dias de libre disposición e de xornadas de vacacións ligadas á antigüidade), está provocando un empobrecemento do servizo.