A Lei de Transparencia veta o acceso á información e a participación cidadá

Pleno do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Na mañá do 31 xullo tivo lugar o último debate parlamentario da Comisión Constitucional sobre a Lei de Transparencia. As organizacións cidadás a favor da transparencia xa denunciaron a morneza da lei resultante, que se publicou a mesma mañá do mércores coa maioría das modificacións das emendas incorporadas.

O mércores os grupos parlamentarios comentaron, sobre todo, as emendas non incorporadas -só se admitiron modificacións de CiU, PNV e PSOE- e insistiron nas súas reclamacións básicas, moitas das cales non estarán no documento final que irá ao pleno para a súa aprobación. A Comisión Constitucional del Congreso aprobou o proxecto cos votos de PP, CiU e PNV e a abstención do PSOE.


As emendas do PP restrinxen o alcance da Lei de Transparencia

Ningún organismo á marxe da administración terá que publicar información económica, orzamentaria e estatística, orzamentos, contas anuais ou as retribucións percibidas anualmente polos altos cargos

Tu derecho a saber xa alertou de que se se incluían as emendas 512 e 521 do Partido Popular a lei ía ser moito máis feble. Finalmente así foi, o novo texto inclúe esas emendas, polo que ningún organismo á marxe da administración terá que publicar información económica, orzamentaria e estatística, por exemplo, contratos, convenios, subvencións, orzamentos, contas anuais ou as retribucións percibidas anualmente polos altos cargos.

Os partidos políticos, os sindicatos, a patronal e outras entidades dependentes do diñeiro público non terán que publicar información económica, orzamentaria nin estatística

Non estarán obrigadas a publicar este tipo de información institucións como a Casa Real, o Congreso dos Deputados, o Senado, o Tribunal Constitucional, o Consello Xeral do Poder Xudicial ou o Banco de España. Os partidos políticos, os sindicatos, a patronal e outras entidades dependentes do diñeiro público non terán que publicar información económica, orzamentaria nin estatística e unicamente estarían obrigadas por esta lei a dar a coñecer contratos e convenios celebrados cunha Administración Pública e as subvencións recibidas dunha Administración Pública.


Un órgano de revisión dependente: o Consello da Transparencia

Sen incluír os cambios reclamados polas organizacións cidadás, como o recoñecemento do acceso á información como un dereito fundamental ou que as institucións rendan contas non só no que respecta a dereito administrativo, senón información económica, orzamentaria ou estatística, unha das novidades máis substanciais foi o artigo do Consello da Transparencia e Bo Goberno (artigo 29 bis, novo artigo 33).

O Consello da Transparencia e Bo Goberno estará adscrito ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e presidido por unha persoa proposta polo Ministerio de Facenda

Del, no punto 2 dise que “actúa con autonomía e plena independencia no cumprimento dos seus fins”, pero estará adscrito ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e presidido por unha persoa proposta polo Ministerio de Facenda e que terá que referendar posteriormente unha maioría absoluta no Congreso. Así mesmo, estará formado por outros membros tan independentes como un deputado, un senador, un representante do Tribunal de Contas, un representante do Defensor del Pueblo, un representante da Axencia Española de Protección de Datos, un representante da Secretaría de Estado e Administracións Públicas e un representante da Autoridade de Responsabilidade Fiscal.

O novo texto establece as funcións do Consello de Transparencia e do seu presidente (artigo 29 septies, novo artigo 38), que son tarefas de asesoría, de promoción da transparencia, colaboración con outros organismos ou de velar polo cumprimento da lei, pero non terá ningunha capacidade sancionadora para os infractores da lei, segundo o texto actual. O segundo punto do artigo 29 octies (novo artigo 39) recolle que o “Consello de Ministros aprobará mediante Real Decreto o Estatuto do Consello de Transparencia e Bo Goberno, no que se establecerá a súa organización, estrutura, funcionamento, así como todos os aspectos que sexan necesarios para o cumprimento das súas funcións”, así que teremos que esperar a que se aprobe o Real Decreto para coñecer o verdadeiro alcance e natureza deste organismo.

Un dos aspectos máis preocupantes deste órgano de revisión é que tras un silencio negativo dunha petición de información dunha institución -tres meses despois de facer a solicitude-  e reclamado ao Consello da Transparencia, pódense chegar a esperar outro catro meses para recibir outro silencio negativo. Un mes -no que se interpón a reclamación- e tres meses para recibir a resolución, pasados os cales se entenderá como desestimada e haberá que recorrer á vía contencioso administrativa.


Só se atenderán as peticións de información máis frecuentes

Mostrarase a información cuxo acceso se solicite con maior frecuencia, o que seguramente deixará as peticións minoritarias sen atender

Xa se coñecía que o Estado ía desenvolver un Portal da Transparencia, dependente do Ministerio da Presidencia, que centralizará a información da Administración Xeral do Estado. Incluíuse, no punto 2 do artigo 8 (novo artigo 10) que, ademais, se mostrará a información cuxo acceso se solicite con maior frecuencia, o que seguramente deixará as peticións minoritarias sen atender.

Este artigo, durante o debate do mércores, atraeu críticas por parte do PNV e de CiU, principalmente, xa que consideraron que se fomenta o centralismo e se deixa ás Comunidades Autónomas como mero complemento.


Críticas dos grupos parlamentarios á Lei de Transparencia

Queden fóra entes privados que manexan diñeiro público, e non se poderán controlar, por exemplo, os rescates bancarios

As máis duras críticas a esta lei na Comisión foron de UPyD e a Esquerda Plural. O deputado de UPyD, Carlos Martínez Gorriarán, dixo que é “dificilmente aceptable” que as institucións só teñan que dar conta de actos administrativos e lamentou que queden fóra entes privados que manexan diñeiro público, xa que non se poderán controlar, por exemplo, os rescates bancarios.

Gorriarán tamén defendeu que o acceso á información sexa un dereito fundamental e sobre o silencio administrativo negativo e que o cidadán teña que ir á vía contencioso administrativa cando non lle contesten unha petición, opinou que con esta lei parece que queren defenderse das “ansias de información e participación dos cidadáns”. Do Consello da Transparencia dixo que “é unha delegación do Goberno” e recomendou que se cre un órgano verdadeiramente independente.

O deputado de Esquerda Plural, Joan Josep Nuet, quen lamentou que ningunha das súas 55 emendas  fose recollida, criticou que non se inclúa o acceso á información como un dereito fundamental baixo a protección de datos e a intimidade. Nuet tamén reclamou que todas as institucións e entidades privadas que manexen fondos públicos sexan iguais ante transparencia e criticou o segundo silencio negativo que terá o Consello da Transparencia, un órgano “dependente” do Goberno, afirmou.

En canto ao PSOE, a comisión aceptou finalmente 15 emendas do grupo socialista. A máis relevante foi a 508, de supresión da Disposición adicional sexta, pola que a Secretaría Xeral da Presidencia do Goberno xa non será o órgano competente para tramitar as peticións de información da Casa Real.

Sáenz de Santamaría explica a Lei de Transparencia © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.