Que mal fai unha bandeira?

Diversidade de bandeiras nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

A exposición dunha bandeira galega coa estrela nun acontecemento deportivo "pode provocar unha reacción adversa e violenta por parte doutros sectores do público”. Así o afirma o Ministerio do Interior nunha resposta a unha iniciativa do BNG no Congreso, que protestaba contra a prohibición sufrida por seareiros do Deportivo, aos que se lles retirara unhas bandeiras antes dun partido en Valladolid. A Rosana Pérez aludía na iniciativa que á vista da acta policial, “parece claro que as forzas de seguridade do Estado tratan os adeptos que acoden aos estadios con bandeiras nacionalistas como un problema de seguridade ou de alteración da orde pública”, e referíase a outros casos acontecidos a afeccionados do Depor, do Obradoiro e do Celta, aos que se lles requisaron as bandeiras, ou que sufriron "acoso" e foran ameazados con sancións.

O BNG preguntaba "A que se deben estas prohibicións con bandeiras totalmente democráticas e constitucionais?" e tamén "por que non violenta a bandeira de España que se pode ver despregada en moitos estadios coma o de Zorrilla o pasado sábado?". Na resposta oficial do Ministerio do Interior indícase que "se ben é certo que hai bandeiras e emblemas que non constitúen por si mesmos e de forma separada ningún tipo de infracción", nun espectáculo de masas "onde converxen outras circunstancias como poden ser a rivalidade deportiva ou rexional" a súa exposición "pode provocar unha reacción adversa e violenta"

 

A republicana, tamén sinalada

Tamén o portavoz adxunto do PP no Congreso, Rafael Hernando, afirmou este martes en Cuatro que a exhibición da bandeira republicana "non é constitucional e non respecta a legalidade". Ao ser preguntado polas fotografías de membros de Novas Xeracións portando símbolos franquistas, Hernando defendeu que, do mesmo xeito que el expulsaría do partido a estes mozos, o PSOE debería actuar do mesmo xeito con aqueles afiliados que exhiban bandeiras republicanas, por considerarse este un símbolo tan inconstitucional como a bandeira franquista.

Porén, Hernando esquecía que amosar bandeiras republicanas está amparado polos artigos da Constitución que protexen a liberdade ideolóxica e de expresión. E contémplase así nunha sentenza da Sección Novena da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid en 2003. En xullo de 2002 o Concello de Torrelodones ordenou retirar a insignia tricolor da caseta montada por Esquerda Unida durante as festas patronais aducindo a razóns como a "alteración da orde pública". A coalición denunciou entón a resolución do Concello e levou a cuestión ao TSJM, que lle deu a razón a esta formación na sentenza datada o 15 de decembro de 2003. O tribunal estimou que a prohibición de exhibir a bandeira republicana ditada polo Concello de Torrelodones vulneraba "o dereito de EU a expresar e difundir libremente os seus pensamentos, ideas e opinións" e, por tanto, restrinxía "gravemente o exercicio dos dereitos fundamentais".

Diversidade de bandeiras nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.