Continúan as críticas á politica forestal da Xunta, referidas á ineficacia e falta de coordinación do dispositivo de extinción, pero sobre todo á escasa preocupación amosada polo Goberno galego por afondar nas causas últimas do lume, para centrarse unicamente na obvia condena aos incendiarios. "Por que se producen en Galicia o 45% dos lumes do Estado cando temos o 7,7% da superficie forestal?", preguntábase este luns Antón Sánchez, deputado de AGE e responsable de medio ambiente de Anova, "o factor diferencial de Galicia non é que aquí haxa máis pirómano", concluía, ao tempo que cualificaba de "vergoñentas" e "imprudentes" as declaracións triunfalistas de Feijoo da pasada semana "no medio da campaña de lumes, cando aínda había incendios dentro das casas".
"Os lumes son unha parte máis do problema do abandono do rural en Galicia, causado por decisións políticas"
Para Sánchez, a apelación constante aos incendiarios: “é un recurso manipulador, infantil e simplista, que toma por parva á poboación”, que esquece “a súa responsabilidade” como xestores da política forestal. E centrou a súa análise en que "os lumes son unha parte máis do problema do abandono do rural en Galicia, causado por decisións políticas". O deputado de Alternativa destacou que "nos últimos 30 anos 150 mil explotacións abandonaron a actividade agraria. Todas esas persoas que sostiñan esas explotacións eran axentes que loitaban contra o lume indirectamente coa súa actividade de vixilancia, de estar sobre o terreo e de mantemento da superficie agraria".
"Son decisións que fixeron que o monte e a agricultura, que tradicionalmente foran aliados, sexan inimigos"
Antón Sanchez tamén denunciou as políticas de reforestación das superficies agrarias: "nos últimos anos miles de hectáreas pasaron de ser superficie agraria para a produción de alimentos a ser superficie forestal, ilegalmente na súa maior parte e coa complicidade da Xunta" e concluíu que "para empezar a loitar contra o lume o que se precisa é recuperar a superficie agraria útil que había nos anos 80, porque ademais este país necesita terra para producir alimento". "Son decisións que fixeron que o monte e a agricultura, que tradicionalmente foran aliados, sexan inimigos. Hai que facer unha explotación do monte integrada, multifuncional e de acordo coas necesidades da xente que vive da actividade agraria no rural", engadiu.
Sánchez lembrou tamén que "o plan contra incendios de 1992 prevía a redución paulatina do gasto en extinción, para centrar os esforzos na prevención. E seguen gastándose 90-100 millóns en extinción" e salientou que "este debate hai que dalo todo o ano, non durante tres meses". "Que empecen por recoñecer que é un problema estrutural e que comecen a debater un cambio de modelo no rural", reclamou.
"Xestión integral do monte"
Equo denuncia que a nova lei de montes "abre as portas á venda dos nosos montes coa escusa da rendibilidade dos seus recursos"
Mentres, EQUO Galicia reclama "unha xestión integral do monte" e incide "na necesidade de poñer en valor o potencial real dos montes galegos". A formación ecoloxista denuncia que a nova lei de montes "abre as portas á venda dos nosos montes coa escusa da rendibilidade dos seus recursos, expropiando os montes de man común e facilitando o camiño ás empresas madeireiras e ás explotacións extensivas de biomasa" e sinala que "o fin destas empresas sempre será exclusivamente o económico e nunca a posta en valor dos recursos propios pensando nun futuro sustentable, apostando sempre por especies arbóreas cun rendemento económico inmediato".
EQUO considera que a mellor defensa contra o lume é "o impulso dunha xestión do monte global e eficiente comezando pola formación da cidadanía a nivel local sobre o potencial dos posibles usos do monte" porque "os incendios non desaparecerán namentres non o fagan as principais causas que os xeran". Demanda "impulsar a creación e estabilización de emprego no medio rural, protexendo á vez os nosos ecosistemas e recursos naturais dos nosos bosques e montes" e lembra que "as tarefas de mantemento e conservación son nulas por parte da maioría das comunidades de man común e dos particulares ou simplemente se limitan a desbrozar". Todo no marco dunha "xestión integral" na que se combine "a explotación madeireira responsable con outras explotacións: micolóxicas, froiteiras, de froitos forestais, pastoreo e en último caso biomasa cos restos que non valen para outra cousa".
"Tan só o 25% dos traballadores nas áreas forestais realizan labores de mantemento ou extracción namentres que o restante 75% do persoal que traballa nas zonas forestais o fai en período de incendios"
A formación tamén critica que "tan só o 25% dos traballadores nas áreas forestais realizan labores de mantemento ou extracción namentres que o restante 75% do persoal que traballa nas zonas forestais o fai en período de incendios".
Finalmente, EQUO reclama que as superficies afectadas polo lume "non poidan perder a súa cualificación de terreo forestal por 30 anos, como se viña facendo ata agora, evitando que un misto separe a especuladores urbanísticos ou empresas de minería dos nosos bosques".