"Somos o 88% contra as touradas na Coruña"

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

"Somos 88%". Ese é o lema da nova campaña antitaurina que a plataforma Galicia Mellor sen Touradas (GMST), a través do seu colectivo xuvenil, Moz@s pola Abolición, vén de lanzar na Coruña. Apenas un mes despois dunha nova edición -e outra escasa afluencia de público- da feira taurina da cidade- o colectivo pretende chamar a atención sobre o feito de que o 88% da poboación entre os 18 e 30 anos da urbe rexeite as corridas e as subvencións públicas a elas, segundo a enquisa realizada polo Obradoiro de Socioloxía en 2010.

Repartiranse 5.000 folletos e colocaranse carteis contra as touradas por toda a cidade

Rubén Pérez, voceiro de GMST, presentou así a campaña acompañado de mozos dirixentes de diferentes asociacións sociais e estudantís da cidade, como Comités ou Rede Equo Xove, e explicou que se repartirán 5.000 folletos durante os vindeiros dous meses e coincidindo co comezo do curso universitario, ademais de colocar centos de carteis co lema "O 88% da mocidade coruñesa rexeita a feira taurina" ou "Por unha cidade sen touradas".

Os colectivos antitaurinos volven denunciar o uso de fondos públicos nunha "actividade violenta cos animais" e comparan esta política coas diferentes posibilidades que terían "dedicar os 90.000 euros de axuda ás corridas de touros". "Un uso responsábel destes fondos permitiría, por exemplo, outorgar arredor de 640 cheques-axuda para a compra de material escolar de Primaria ou facilitiar ou adiantar o pago de matrículas universitarias a estudantes de familias con renda baixa":

A campaña, que se une ás xa realizadas durante os últimos meses por GMST e outros colectivos, conta co apoio financeiro da Asociación Animalista Libera.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.