Denuncian un pacto entre o Concello de Vigo e Bispado para manter a Cruz do Castro

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O pasado luns o pleno municipal do Concello de Vigo botou abaixo, co voto en contra do PP e a abstención do PSdeG-PSOE, a iniciativa do BNG para derrubar a Cruz do Castro, polémico monumento franquista, cuxa desaparición levan demandando ducias de colectivos sociais da cidade, especialmente a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que esixe que se cumpra a lei que obriga a retirar toda a simboloxía franquista. A pesar da presión social, de teren entregado máis de catro mil sinaturas no Concello, e de que outros símbolos da ditadura si foron eliminados, a Cruz permanece no seu espazo, nun lugar clave na cidade

Socialistas e populares apelaron no pleno do luns á súa condición de monumento relixioso e á declaración por unanimidade do pleno de 1981, na que se aprobou que fose "unha cruz a todos os caídos". O portavoz socialista Carlos López Font subliñou a este respecto que “a fixación pode converter en símbolo o que non o é“. Porén, Iolanda Veloso (BNG) sinalou no pleno que "non é un monumento relixioso, nin unha homenaxe a todos os caídos, senón un emblema fascista, inaugurado polo ditador Franco". Veloso engadiu que “tirar a cruz do Castro é unha cuestión de xustiza”, e lamentou a existencia de “vestixios da ditadura na cidade, cinco anos despois de que se aprobase a Lei de Memoria Histórica”.

A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 amosa a súa "satisfacción" polo feito de que tal cuestión se tratase no pleno, pero maniféstase "preocupada" porque López Font, "fixera publico a existencia dun pacto, digamos secreto, entre o Concello de Vigo e o Bispado de Tui-Vigo para non proceder ao derrubamento da citada cruz". A asociación pregúntase que ten que negociar o alcalde co bispado "sobre un monumento que está nun espazo publico e que ademais é propiedade do Concello" e reclama que se goberne a cidade con ”luz e taquígrafos”, e non "por medio de pactos secretos propios de formas de gobernos autocráticos".

A entidade tamén salienta o paradoxo de que os concelleiros socialistas Carmela Silva e Hector Santos teñan apoiado coas súas asinaturas o derrubamento da Cruz do Castro e ao mesmo tempo se abstivesen na votación no pleno municipal para facelo. E lembra que lle remitiron ao Bispo unha carta, aínda sen resposta, preguntandolle "se pensaba que a Cruz do Castro era unha cruz cristiá, tal como afirma o Concello".

Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo ao pé da Cruz do Castro CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.