Á terceira perderon a veciñanza e o monte e gañaron os incendiarios. As veciñas e veciños de Maceiras, en Carnota, levaban dende o sábado abafados polo "acoso" dos incendiarios. Mentres os equipos de extinción daban por controlado o incendio que arrasou o monte Pindo, no mesmo concello, deron evitado por dúas veces na mesma noite que a súa aldea correse a mesma sorte que a xoia natural perdida. Na noite do domingo ao luns a veciñanza retomou as "patrullas" pola zona e observou a situación tranquila. Houbo quen, vencido polo cansanzo e a tensión dos días previos, deu en durmir ata que, pasadas as dúas e media, "o ruído do lume" espertou o barrio enteiro.
"O mesmo terreo" que conseguiran apagar vinte e catro horas antes ardía agora, "pero contra este non podíamos facer nada". Un técnico da Xunta observaba unha fronte "duns cincuenta metros, descontrolada por completo", segundo os veciños que, dada a imposibilidade de realizaren a extinción eles sós, "pasamos baldes de auga para refrescar a beira da estrada", porque "se cruza xa están as casas e non habería maneira de paralo". O pouco vento e a proximidade dun río axudaron a que as lapas non avanzasen e ficasen pechadas "nun rectángulo de terreo" entre o cauce fluvial, a estrada e "un cortalumes dos cables de alta tensión".
Aínda faltaba "case unha hora" para que chegasen os bombeiros. "Acompañados dunha parella da Garda Civil" e procedentes de Muros, "de apagar outro incendio", chegaron cando "o lume estaba a morrer por el" e apenas "lles fixo falta nin botar auga". Así, realizaron unha queima controlada "do anaco que quedaba sen arder" e a veciñanza foi, paseniño, retirando cara ás casas no medio dun clima de gran "tensión", din. Xa pola mañá "un retén veu limpar as marxes do río e a outra beira da estrada", explica un veciño en conversa con Praza. "Máis vale tarde que nunca, pero chegan tarde" e tamén o fixeron, ao seu xuízo, "os técnicos do Seprona" que acudiron no mediodía deste luns para "facer peguntas".
"Estábamos sós, seguimos sós e perdemos"
Neste escenario, en Maceiras seguen cos ollos postos no monte. "Non cremos que isto vaia rematar aquí, temos medo de que o intenten de novo, na outra marxe da estrada". En todo caso, a conclusión que tiran dos dous últimos días téñena clara: "estábamos sós, seguimos sós e perdemos" a partida contra quen lle quere prender lume ao monte.