0 Gardados para despois

O coche é o peor medio para moverse por Vigo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Se tes que moverte por Vigo, pénsao dúas veces antes de usar o coche. A finais de setembro, no remate da Semana Europea da Mobilidade, Equo organizou en Vigo unha Carreira de Medios de Transporte, para saber, nun percorrido polo centro da cidade, nun día laborable, cal era o vehículo máis rápido, o máis respectuoso co medio ambiente, e o máis barato. Os participantes estaban convocados ás seis da tarde na Praza de América e tiñan que chegar ao Mercado do Calvario pasando pola Porta do Sol. Podían escoller entre sete medios de transporte: a pé, bicicleta, bicicleta eléctrica, motocicleta, coche particular, taxi e autobús urbano, e tiñan que calcular tanto o tempo empregado (incluído o aparcamento) coma o cálculo do custe total (billetes, combustible e aparcamento...), e por suposto, tiñan que respectar as normas de circulación.

Entre Praza América e Porta do Sol, e falando só de velocidade, domina a bicicleta eléctrica (7,5 minutos), seguida de preto pola bicicleta (11), bus (12), taxi (12) e moto (14). Todos eles superan o coche

A formación ecoloxista vén de amosar os resultados, que deixan en moi mal lugar o coche privado (polas dificultades para aparcar, mais non só), e destaca a velocidade, comodidade e prezo de bicicleta eléctrica, bicicleta, moto e autobús, e tamén do percorrido a pé, apenas o dobre de tempo que os vehículos analizados. Entre Praza América e Porta do Sol, e falando só de velocidade, domina a bicicleta eléctrica (7,5 minutos), seguida de preto pola bicicleta (11), bus (12), taxi (12) e moto (14). Todos eles superan o coche, sobre todo cando ten que buscar aparcamento en superficie (57 minutos, dos que 30 corresponden a esa búsqueda de lugar de apacamento), pero tamén cando estaciona nun parking subterráneo (17,5 minutos en total). O percorrido a pé leva 27 minutos (25 acompañado dun can).

O segundo percorrido tiña algo máis de pendente, e levaba de Porta do Sol ao Mercado do Calvario. De novo a máis rápida foi a bicicleta eléctrica (9 minutos), por diante do taxi (10), moto (12,5), bicicleta (12,5) e moto (13). O coche aparcado no parking necesitou 15,5 minutos, mentres que o que tivo que aparcar na rúa chegou en 42 minutos (dos que 20 foron dedicados a buscar lugar para estacionar). O percorrido a pé levou entre 21 e 25 minutos. En canto aos custes, sumada gasolina, billetes e aparcamento, o taxi resulta o vehículo máis caro, con 9,65 euros para estes dous percorridos. Ségueo o coche que aparcou en zona ORA (1,71 euros) e o que aparcou nun subterráneo (1 euro). O autobús tivo un custe de 0,84 euros.

Este experimento baseouse noutro, moi semellante, realizado en 2006 na Coruña por un grupo da UDC

Este experimento baseouse noutro, moi semellante, realizado en 2006 na Coruña por un grupo da UDC. Naquela experiencia propoñíase aos participantes ir dende a Praza de María Pita até o Ventorrillo, e despois volver a María Pita a través de Ministerios. A bicicleta foi o transporte máis rápido (31 minutos), seguido do taxi (38) e a moto (42), a moita distancia do coche (66) e o bus (72). O percorrido a pé levou 83 minutos.  A diferenza no custe total foi clara: fronte á gratuidade (ou case) de bicicleta e do camiño a pé, o percorrido en moto custou 1,20 euros, o bus 2,79, o coche 4,05 e o taxi 13,09 euros.

Dende Equo sinálase que "estes resultados demostran que as bicicletas (tanto eléctricas como tradicionais) son unha opción moi válida para moverse pola nosa cidade, desbotando a crenza de que Vigo non é apta para este tipo de vehículos. Todo a pesar do nulo apoio recibido das institucións"

Dende Equo sinálase que "estes resultados demostran que as bicicletas (tanto eléctricas como tradicionais) son unha opción moi válida para moverse pola nosa cidade, desbotando a crenza de que Vigo non é apta para este tipo de vehículos. Todo a pesar do nulo apoio recibido das institucións". Tamén destacan que o coche privado é a opción menos eficiente e máis contaminante, pois é ademais a que ten que percorrer unha distancia maior (5,8 quilómetros se estaciona nun parking e 16,6 se o fai en zona ORA, fronte aos 4,5 quilómetros dos restantes vehículos). Salientan que "o gran perdedor é o coche particular" e subliñan que "se tomamos en consideración os tempos reais de desprazamento (incluídos a procura de estacionamento e o desprazamento ata o vehículo), a miúdo compensa incluso moverse a pé pola cidade". Sobre todo tendo en conta que Vigo suma máis de 220.000 entradas diarias de vehículos.

Engaden que "no que respecta á chegada de vehículos desde os concellos veciños, en EQUO apostamos polo uso de aparcamentos disuasorios nas entradas da cidade e polo apoio aos transportes públicos interurbanos, especialmente o barco (desde o Morrazo) e o tren (que podería ser unha boa opción como transporte de proximidade desde Ponteareas, Porriño e Tui)". E apostan por mellorar as liñas do autobús urbano "para conseguir unha maior eficiencia cando falamos de liñas menos céntricas (que non ofrecen normalmente uns resultados tan óptimos como os que observamos nesta ocasión circulando polo centro da cidade)".

 

Carreira de medios de transporte

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.