"Se alguén quere ter unha reunión segreda comigo, téñoa". Deste xeito Mariano Rajoy negábase a dar información sobre a xuntanza segreda que mantivera co presidente catalán, Artur Mas, aludindo a que "non quería ser exhibicionista". Nada novo: negociacións privadas e opacas sobre asuntos públicos, pero suficientemente rechamante como para que os activistas da Fundación Ciudadana Civio decidise botar a andar unha web, Quien Manda, que busca ser un "mapa do poder en España" que saque á luz as relacións entre os poderes públicos e os poderes privados e reivindicar "transparencia" para a actividade dos lobbies, hoxe moi opaca.
"Queremos amosar con quen se reúnen e a que acordos chegan, amosar os seus currículos (están preparados para o cargo que ostentan?), de onde veñen, como se reparten os postos nas institucións públicas e que camiños os levan a atoparse unha e outra vez"
A web é un "repositorio fiable e documentado dos vínculos entre as persoas máis importantes do país", a partir de información pública e oficial (procedente do BOE ou da CMNV), que xa está dispoñible para todos, pero ás veces é difícil sistematizar. "Queremos amosar con quen se reúnen e a que acordos chegan, amosar os seus currículos (están preparados para o cargo que ostentan?), de onde veñen, como se reparten os postos nas institucións públicas e que camiños os levan a atoparse unha e outra vez", din. E sinalan que "analizamos as relacións entre o público e o privado non para demonizalas, senón para reclamar máis transparencia e trasladarlle á cidadanía unha información rigorosa que lle permita tomar as súas propias decisións". Buscan, en definitiva, que a actividade dos lobbies se regularice e se esixa a completa transparencia, como sucede en boa parte de Europa, que os representantes públicos dean a coñecer a súa axenda completa.
Na web xa se poden ler unha ducia de historias que delatan esa estreita relación entre poder público e poder privado, e cada semana irán publicando un novo tema. As presións dos empresarios cataláns e madrileños sobre os líderes políticos, os nomeamentos canarios do Ministro de Industria José Manuel Soria, as relacións familiares de Ignacio González, os moitos intereses que se mesturaron na cúpula de Bankia, os nomeamentos de afiliados a CiU para cargos públicos, ou as relacións co poder, dende o franquismo, de Juan Miguel Villar Mir.
A Fundación Ciudadana Civio é unha entidade dedicada a poñer en marcha proxectos de análise e xornalismo de datos encamiñados a mellorar a transparencia. David Cabo e Eva Belmonte son os principais responsables deste proxecto, no que tamén colaboran activamente Cristina Moreno, Hugo Garrido e Javier de Vega, con quen falamos.
"Non se trata de demonizar os vínculos de interese entre políticos e empresarios, que sempre van seguir existindo, senón de dalos a coñecer, presentar nunha ferramenta de consulta"
A relación entre poder político e económico, as presións, os lobbies... é unha verdade dada por feita, sabida por todos? Faltaba un espazo para concretala, para sistematizar esa información?
Si. En España non contabamos cun repositorio veraz e documentado sobre estas conexións. Por iso Quien Manda baséase unicamente en documentación oficial (rexistros públicos, boletíns, a CNMV, páxinas web institucionais, etc). Non se trata de demonizar os vínculos de interese entre políticos e empresarios, que sempre van seguir existindo, senón de dalos a coñecer, presentar nunha ferramenta de consulta, con información contextualizada e que saque á luz información que debería ser pública: os rexistros de entrada das institucións públicas e as axendas de traballo e reunións dos nosos representantes.
"Nace dunha necesidade cívica, a de esixir que se regule, dunha vez por todas, o lobby en España"
Como nace o proxecto?
Nace dunha necesidade cívica, a de esixir que se regule, dunha vez por todas, o lobby en España. Tamén da indignación de escoitar a un presidente dicir que non informaba dunha reunión secreta con outro alto mandatario para non ser exhibicionista. O que para eles é exhibicionismo, para nós é transparencia, e todos os proxectos de Civio van encamiñados a mellorala combinando tecnoloxías da información con xornalismo de datos. Por iso propuxémonos facer este proxecto.
É moi distinta a situación noutros países de Europa? Como está regulado o lobbying na nosa contorna?
Varios países da nosa contorna xa contan cunha normativa para o control das actividades de lobbying, o que non significa que sexa todo o boa que debería ser. Tras unha carta de varias organizacións ao primeiro ministro David Cameron para mellorar a lei en Reino Unido, unha das asinantes -Helen Darbishire, de Access Info Europe- comentaba que "un rexistro decente do lobby reflectiría quen está a exercer presión, sobre quen, para que o está facendo, e canto están a gastar niso". Non podemos sintetizalo mellor. A UE xa ten un rexistro de lobbies que sofre abundantes pingueiras: máis de 100 grandes empresas moi activas Bruxelas non aparecen no rexistro, incluíndo Goldman Sachs, Rio Tinto ou Amazon, e os seus despachos de avogados non destacan pola súa cooperación co rexistro comunitario de grupos de interese.
"A UE xa ten un rexistro de lobbies que sofre abundantes pingueiras: máis de 100 grandes empresas moi activas Bruxelas non aparecen no rexistro, incluíndo Goldman Sachs, Rio Tinto ou Amazon"
Os medios e os xornalistas aínda non aproveitamos todo o que poderiamos a información pública que si está dispoñible?
A nosa opinión é que quizais non. Información pública hai moita, e aí está por exemplo o BOE, que para nós é a táboa de salvación fronte ao off the record, á filtración -se alguén filtra información é sempre coa intención de servirse do xornalista para un fin ás veces indeterminado-, á fonte privilexia, á especulación. Ademais, un xornalista con maña para coñecer o funcionamento administrativo e os rexistros dispoñibles xa ten unha gran vantaxe.
A Lei de Transparencia é unha oportunidade perdida?
Aínda non está aprobada, pero si é verdade que pode ser unha oportunidade perdida. Hoxe finalizou o prazo para presentar emendas no Senado, que aínda non puidemos analizar a fondo. O que é indiscutible é que esta Lei sería unha das peores entre as 96 normas que xa existen a nivel internacional. Exclúe do seu alcance moitísima información -notas, borradores, opinións, resumos, comunicacións e informes internos de órganos ou entidades administrativas- e está suxeita ao arbitrio dun organismo dependente e politizado. Non augura unha protección eficaz para o que consideramos un dereito fundamental do cidadán.
"Cada día son máis os cidadáns que esixen un trato xusto e responsable que aqueles representantes e institucións nos que depositaron a súa confianza"
A cultura política existente en España fai que os cidadáns desculpen con demasiada facilidade algúns dos males (acordos opacos, amiguismo, trampas administrativas, falta de rigor...) que denunciades?
Cremos que esa indolencia empeza a ser cousa do pasado. Cada día son máis os cidadáns que esixen un trato xusto e responsable que aqueles representantes e institucións nos que depositaron a súa confianza. Cada día contactan con Civio moitas persoas que han decido dar un paso activo contra aquilo que non lles gusta.