"Cando tes a humildade e a forza de caer e volver levantarte, todo é posible"

Pallasos en Rebeldía actuando no campamento de refuxiados de Shatila, Beirut CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga

"Todo é posible". Esa é a idea coa que regresa Iván Prado, acabado de chegar dunha viaxe que nas últimas dúas semanas levou unha delegación de Pallasos en Rebeldía aos campos de refuxiados do Sahara, participando no festival de cinema FiSahara, e aos campos de refuxiados palestinos do sur do Líbano. "Todo é posible. Como din as Avoas da Praza de Maio, a única loita que se perde é a que se abandona, cando tes a humildade e a fortaleza de caer e volver levantarte, todo é posible".

Era a segunda vez que Pallasos en Rebeldía participaba no Festival Internacional de Cine do Sáhara (FiSahara), e desta volta facíano colaborando na súa organización. Nesta ocasión, canda a Prado, viaxaban os artistas David Cebrián, Abraham Pavón, Rossina Castelli, Ernest Vila e Pinanxara. "Segue sendo un terrible lugar onde construír un futuro, un lugar illado do resto do mundo. Pero tamén un lugar marabilloso onde facer un festival, que constitúe unha experiencia única", destaca Prado. Pallasos en Rebeldía realizaron numerosas funcións, pasa-areas e presentaron o Concerto das Dunas dedicado ás mulleres saharauis.

Sinala que, con respecto ao ano pasado, atopou no Sahara "máis cansancio pola súa situación, unha certa desidia", e destaca que "é incrible como levan a cabo este festival, que cada ano é máis difícil facelo, cada ano hai menos medios. E mesmo así eles conseguen facer algo máxico, que é plantar unha pantalla xigante do deserto, proxectar filmes actuais, traer representantes dos movementos sociais do mundo árabe".

"Non temos medo, porque amamos. Non temos rabia porque sabemos da debilidade do xigante. Non temos máis armas que os nosos narices vermellos"

Iván Prado foi escribindo crónicas dende o Sáhara e o Líbano. Pequenos textos que relataban a súa actividade e as súas experiencias, as súas descubertas, descritivos, fotográficos algúns, e cheos de carraxe e de denuncia outros. Nestas crónicas concluía , por exemplo, que "non temos medo, porque amamos. Non temos rabia porque sabemos da debilidade do xigante. Non temos máis armas que os nosos narices vermellos".

 

Os campos palestinos

Dende o Sahara, Prado dirixiuse a catro campos de refuxiados do sur do Líbano, entre eles Shatila e Nahr al-Bared, onde dende hai anos viven decenas de milleiros de palestinos que foron expulsados do seu territorio, hoxe ocupado por Israel. Prado estivo acompañado por Abraham Pavón, da compañía Kanbahiota, o malabarista Guillermo Hunter e a cámara María Eugenia Arteaga. Alí realizaron actuacións para todos os públicos e transmitiron mensaxes de apoio e o compromiso que a Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía ten desde o seu nacemento coa causa palestina.

En 2011, Prado dirixiu o Festiclown Palestina, un dos maiores logros ata a data de Pallasos en Rebeldía. Durante a primeira quincena de setembro, as cidades de Jerusalén, Ramala e Nablús acolleron o primeiro Festival Internacional do mundo árabe, un evento no que se deron cita unha veintena de compañías internacionais e locais, sumando case que quince mil espectadores. Porén, esta era a primeira vez que Pallasos en Rebeldía actuaban nun campo de refuxiados no Líbano. 

"A situación de pobreza e acumulación de persoas si que me golpeou moito", recoñece Prado. "Cando estiven en Gaza en 2004 non vin campamentos de refuxiados tan superpoboados. Ademais, a guerra en Siria está xerando aínda máis refuxiados: un campamento coma o de Shatila, que tiña 25 mil refuxiados, agora ten 35 mil. Cando ves esas casas, nas que viven oito persoas no mesmo espazo, e chega a súa familia de Siria, outros seis, e os acollen, iso impacta. Os campos de refuxiados son ghettos, a luz vaise cada pouco, a auga é auga de mar. Impactáronme as condicións materiais".

Nas súas crónicas detallou varios dos momentos vividos nos campamentos de refuxiados que o impactraron. Dicía, por exemplo, que "nesta viaxe vivimos momentos únicos e irrepetibles, como cando entrei na terceira función da caravana montado nunha mula ante o estupor de todo o público", pero que "tamén houbo momentos dramáticos, como cando o director do centro nos avisou que milicianos da Al-Fatah acababan de disparar a un membro dunha facción islamita con que están enfrontados xusto en diante do noso edificio".

"Tamén houbo momentos dramáticos, como cando o director do centro nos avisou que milicianos da Al-Fatah acababan de disparar a un membro dunha facción islamita con que están enfrontados xusto en diante do noso edificio"

En calquera caso, a experiencia foi moi positiva. Prado salienta que "sempre tivemos a sorte de ser escollidos de forma extraordinaria, mesmo pola xente máis pobre ou a que peor o estaba a pasar, por exemplo en Chiapas. Pero a min si que me tocou extraordinariamente nesta ocasión a xenerosidade dos refuxiados palestinos". Ou, como escribiu nunha das súas crónicas, "onde a pobreza material se impón, a grandeza da fraternidade fai maxia. Nesta casiña dos milagres non falta un café nin un pouco de humus para ninguén".

"Onde a pobreza material se impón, a grandeza da fraternidade fai maxia. Nesta casiña dos milagres non falta un café nin un pouco de humus para ninguén"

O impacto que esta última viaxe deixou en Iván Prado ben se pode resumir nunha anécdota que lle sucedeu na derradeira función: "Acabo a función e agóchome para desmaquillarme e recuperar o alento. Uns nenos míranme pola físgoa da porta con ollos de admiración e misterio. Falan entre eles e, de súpeto, unha nena de 5 anos achégaseme cun bombón na man e damo sen dicir unha soa palabra. Dá a volta e sae correndo. Quizais isto sexa ser pallaso".

 

Proxectos inmediatos

De volta do Sahara e o Líbano, Iván Prado participará no Foro Internacional de Circo Social, que se celebrará do 24 ao 27 de outubro en Rivas Vaciamadrid. Durante catro días, Rivas será o lugar de encontro de artistas e escolas de circo social de países como Palestina, Colombia, Bolivia, Brasil ou de enclaves máis próximos como Nou Barris ou Madrid. Haberá mesas redondas, relatorios e talleres con entrada libre e gratuita, así como galas de circo solidario que servirán para soster as caravanas de Pallasos en Rebeldía.

Xa en 2014, a gran cita será o Festiclown Palestina, que nesta ocasión se celebrará nos mesmos campos de refuxiados do sur do Líbano que Pallasos en Rebeldía veñen de visitar. Aínda non están pechados os detalles, pero a pesar dos limitados recursos cos que se contan, o festival durará máis dunha semana.

Iván Prado, segundo pola esquerda, visitando o campamento de refuxiados de Shatila, Beirut CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga
Pallasos en Rebeldía actuando no campamento de refuxiados de Shatila, Beirut CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga
Nenos palestinos do campamento de Nahr al-Bared, en Trípoli CC-BY-NC-ND Eugenia Arteaga
Pallasos en Rebeldía no Sahara CC-BY-SA Luis de la Vega

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.