O Sindicato Labrego Galego e Veterinarios sen Fronteiras organizaron esta fin de semana unha xornada sobre compra pública de alimentos. Ese debate serviu para reivindicar que a Xunta merque no agro galego, a pequenos produtores locais, os alimentos dos comedores escolares, que supoñen cada ano ao redor de 29 millóns de euros. Destacaron que "moitos deses cartos van para grandes empresas de cátering ou se gastan, maioritariamente, en mercar os alimentos a almacenistas que sempre optan polos produtos máis baratos sen ter en conta a súa procedencia, impacto medioambiental ou frescura".
"Moitos deses cartos van para grandes empresas de cátering ou se gastan, maioritariamente, en mercar os alimentos a almacenistas que sempre optan polos produtos máis baratos sen ter en conta a súa procedencia, impacto medioambiental ou frescura"
As dúas entidades salientaron a este respecto que estes 29 millóns de euros que cada ano dedica o Goberno galego a esta partida, ou os 3.000 millóns que todas as administracións do Estado gastan en alimentos serían "un revulsivo para o mundo rural" en troques de selo "para a contabilidade dunhas poucas empresas". Nesa cantidade están incluídos tamén os alimentos que se destinan a hospitais ou centros penitenciarios, compras públicas para as que piden criterios coma "a eliminación de intermediarios", a aposta polos "produtos frescos e de tempada" ou a elección das explotacións locais á hora de facer esa compra.
Xavier Gómez, de Veterinarios sen Fronteiras, presentou o estudo Compra pública en sistemas alimentarios globais. Impactos sociais, ambientais e económicos. Gómez revelou que a metade dos tres mil millóns de cartos públicos gastados cada ano en alimentación "acaban nas arcas de nove grandes empresas de cátering", das cales dúas -Serunion e Eurestcompass- levan o 21% do total, despois de pasar por unha cadea comercial na que habitualmente hai seis intermediarios entre quen produce o alimento e quen o consume.
En canto aos beneficios socioeconómicos, sinalaron que os mercados locais xeran máis emprego local e máis diverso e máis economía local
Algúns dos beneficios ambientais dos sistemas alimentarios locais son a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro (o sistema alimentario globalizado representa case a metade das emisións), unha menor demanda enerxética, sobre todo de enerxía fósil (a base do sistema alimentario globalizado é o petróleo necesario para fertilizantes, praguicidas, mecanización, transporte ou envasado), unha menor contaminación (a principal industria contaminante a escala europea é a alimentaria) e o freo á alarmante perda de biodiversidade agrícola e de espazos agroambientais, entre outros. En canto aos beneficios socioeconómicos, sinalaron que os mercados locais xeran máis emprego local e máis diverso e máis economía local (por cada euro que se inviste nestes sistemas chégase a xerar máis do dobre de ingresos locais que no sistema globalizado).
Antón Lois, de Amigos da Terra, foi moi crítico con este sistema de produción de alimentos, de grande impacto ecolóxico e responsable do 35% da emisión de gases de efecto invernadoiro
Antón Lois, de Amigos da Terra, foi moi crítico con este sistema de produción de alimentos, de grande impacto ecolóxico e responsable do 35% da emisión de gases de efecto invernadoiro. Un bo exemplo disto é o consumo de carne de porco e de polo no Estado español, que chega a absurdos como producir a mesma cantidade de polos e porcos para exportar que despois importa para consumir.
Pola súa banda, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, denunciou que o meirande dos recursos públicos en forma de compra de alimentos ou axudas á agricultura "acaban apoiando un sistema de produción do que se lucran grandes distribuidoras e industrias alimentarias, con marxes de beneficios abusivas". Estas marxes só son posibles mantendo os prezos en orixe a niveis que nin sequera cobren os custes de produción, cun impacto que se traduce nunha sangría na que miles de explotacións pechan cada ano e condenan ao noso medio rural á desertización.
Presentaron a súa actividade o Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela ou o grupo Lentura
Tamén se presentaron alternativas. Por exemplo, o caso do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, e a súa aposta por producir alimentos de calidade e vender en circuítos curtos de comercialización e en mercados de proximidade. Tamén, a do grupo Lentura, unha asociación de 18 produtores e produtoras de Rois, Dodro, Ames e Brión que puxeron en práctica hai anos a venda de alimentos á administración. Na actualidade, Lentura está a vender a súa produción a cinco centros escolares de Ames, amais de facelo en mercados como o Lusco e Fusco ou a cooperativas e grupos de consumo responsable. Tamén interveu a vicerresponsable do sector hortofroiteiro do SLG, Belén Fervenza, que expuxo as conclusións dun estudo que fixo sobre a compra pública de alimentos na bisbarra de Vigo e Redondela.