"Cabral está vivindo unha primavera"

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Que vai pasar cos montes de Cabral? Esta fin de semana os comuneiros rexeitaron nunha votación a proposta de Eurofund Investments, apoiada pola Xunta Reitora da comunidade de montes, para facerse cos terreos e construír un macrocentro comercial. Dende a propia empresa non sé dá por pechada a aventura e manteñen, aínda que coa boca máis pequena que antes do referendo, que o Concello pode expropiar, con ou sen acordo, os terreos. Porén, dende os colectivos opositores ao proxecto, esta posibilidade nin sequera se contempla legalmente. "Foi un órdago do Concello, un argumento que utilizaron a última hora para presionarnos”, di Santiago Barciela, comuneiro, que engade: “En principio, é difícil que o Concello poida explicalo, porque terían que declaralo de utilidade pública de interese social. E está claro que non o é”.

Dende O Monte é noso reiteran que "calquera acordo de venda do Monte Veciñal debería ser desestimado diante dun tribunal (como xa se ten feito noutras ocasións) por ir en contra da Lei de Montes Veciñais en Man Común, por mor da imposibilidade de declarar o complexo de Porto Cabral como unha actuación de Utilidade Pública”. Na Lei de Montes Veciñais en Man Común, sinálse que estes montes son “indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables”, e aínda que se inclúen algunhas excepcións, por exemplo a "utilidade pública" ou "o interese social prevalente". "Parece evidente que un parque comercial e de ocio non o ten e que ningún xuíz aceptaría tal definición", conclúen dende este colectivo.

O Concello non vai sacar adiante este proxecto se existe un sector de comuneiros en contra, como xa quedou demostrado, e se e existen moitos que estarían dispostos a entrar nun contencioso. Sería difícil que aprobase a expropiación se existise a mínima sospeita de que habería xente disposta a apelar. E haina.

 

Irregularidades e campañas mediáticas

A decisión dos veciños sorprendeu á multinacional británica, como recoñecían este mesmo luns en Faro de Vigo: "A decisión foi unha sorpresa. Non o agardabamos, sobre todo polo que nos transmitía o noso equipo desde Vigo"

A decisión dos veciños sorprendeu á multinacional británica, como recoñecían este mesmo luns en Faro de Vigo: "A decisión foi unha sorpresa. Non o agardabamos, sobre todo polo que nos transmitía o noso equipo desde Vigo". A campaña dos promotores, cun forte apoio do Concello e da Xunta, ademais dos grandes medios de comunicación fora intensísima durante meses. Tamén foron intensas as maniobras da xunta reitora da comunidade de montes, presidida por Lois Rodríguez, a quen acusan de múltiples irregularidades tanto na súa xestión á fronte da comunidade coma na xestión dos censos.

Fronte ás fortes campañas mediáticas dos impulsores de Porto Cabral, os opositores ergueron o boca a boca, a información de expertos e "a contrainformación para defenderse da propaganda", por exemplo a través do documental SOS Comuneiros de Cabral, realizado por Xisela Franco, que sinala que "o cidadán ten que empregar estes cauces, as ferramentas ao seu alcance, como unha cámara e internet para difundilo a custe cero".

A este respecto, Santiago Barciela salienta que “esta xente ten os seus mecanismos de poder e os seus medios de comunicación que nos ningunearon. Moito máis que a metade da parroquia estaba en contra”. E explica: "Había xente afectada e xente menos afectada, moitos meneámonos non porque nos afectase directamente, senón por solidariedade e por defender o monte. E tamén polo conto aquel de 'primeiro viñeron polos xudeus, pero como eu non era xudeu non me importou'. Se cadra mañá veñen por nós e quereremos que nos defendan".

Por estas e outras irregularidades os opositores ao proxecto forzaron antes do verán o adiamento dunha votación que -tamén en Faro de Vigo este luns- Rodríguez afirma que tería gañado. De feito, mesmo na votación desta fin de semana decenas de veciños opositores denunciaron ante notario que lles fora retirado irregularmente o seu dereito a voto, e outros, os máis novos, denunciaban que hai máis dunha década que non se revisa o censo, polo que tamén se ven privados da súa participación. Tamén se denunciou en varias ocasións que a Xunta Reitora lle concedera o dereito de voto a persoas que non son veciñas de Cabral.

“O futuro lóxico sería quitar esta xunta reitora en beneficio da parroquia”, di Santiago Barciela, que engade que “non é un problema puntual, é a terceira tentativa de vender o monte con esta xunta reitora, no 2000, no 2002 e 2003 e agora. É a mesma historia, pero con outros nomes”. Barciela salienta que "este proxecto era, ou seguirá sendo mentres non se paralice por completo, a punta de lanza dunha urbanización de 1700 vivendas, ía máis aló do centro comercial e do consumismo".

Barciela salienta que "este proxecto era, ou seguirá sendo mentres non se paralice por completo, a punta de lanza dunha urbanización de 1700 vivendas, ía máis aló do centro comercial e do consumismo"

A desconfianza cara á directiva da Comunidade de Montes é máxima, tanto pola opacidade amosada durante este proceso, coma por outros acordos anteriores. Por exemplo, en 2006, despois de case seis anos de xestións, aprobou un intercambio de terreos en Puxeiros na que a entidade perdeu máis de 200 mil euros. Xisela Franco salienta que "a xustiza vai lenta, pero por un lado ou outro esta xunta directiva vai ter que responder ante a xustiza, e terá que amosar as súas contas".

 

O PXOM

Xisela Franco tamén pon o foco na necesaria revisión do PXOM: "non é palabra sagada e foi feito baixo unhas coordenadas obsolotas que nos levaron precisamente a esta crise"

Outra das dúbidas que se abren agora, botado abaixo o proxecto de Porto Cabral, é o futuro das disposicións previstas no PXOM, que abriu a veda para este tipo de actuacións, e a posibilidade de que o Concello bote man del para mantelo vivo. De feito, xa este luns o alcalde Abel Caballero, remitiuse ao Plan para afirmar que o plan de urbanización do monte de Liñeiriños seguía en péO Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vigo asigna ao sector de Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, un desenvolvemento de tipo público polo sistema de expropiación.

Dende O Monte é noso sinálase que "como é de desenvolvemento público, ten que ser o propio Concello de Vigo quen inicie a expropiación do sector Liñeiriños. No caso da área do sector coincidente co Monte Veciñal en Man Común de Cabral deberá argumentar o principio de utilidade pública ou interese social prevalente". O seguinte paso que debería realizar o Concello de Vigo sería un Plan Parcial para o desenvolvemento da área. E, finalmente, "debería convocar un concurso público para a adxudicación dos terreos (non os pode adxudicar directamente a Eurofund Investments, o impulsor do proxecto) e, se non se presentase ningún outro operador, adxudicarllo".

O Monte é Noso subliña que o feito de que o PXOM asigne, nunha área dun Monte Veciñal en Man Común, un sector de desenvolvemento público no que non hai un interese público demostrado, podería levar a anular ese sector do PXOM e implicaría a súa reformulación de ser levado aos tribunais. Xisela Franco tamén pon o foco na "necesaria" revisión do PXOM: "non é palabra sagada e foi feito baixo unhas coordenadas obsolotas que nos levaron precisamente a esta crise". Sinala que o proxecto de Porto Cabral é "como se hai 40 anos montamos o Corte Inglés sobre o Parque de Castrelos, pois igual, este monte é un Central Park Vigués, un diamante en potencia que debemos valorar todos os cidadáns como pulmón da nosa cidade".

 

"Cabral vive unha primavera"

"O máis fermoso foi ver a implicación da rapazada, da xente nova, co monte"

“Cabral viviu unha especie de primavera, coma as primaveras árabes, espoleada por esta historia. Os que xa temos algo máis de idade xa nos coñeciamos todos, de moitas loitas e de, por exemplo, formar candidaturas opositoras a esta xunta reitora. Pero o máis fermoso foi ver a implicación da rapazada, da xente nova, co monte", así resume Santiago Barciela o vivido nos últimos meses.

O mesmo pensa Xisela Franco: "Isto vai servir para que a mocidade se implique na xestión das comunidades de montes, que son as institucións que todos temos máis próximas, que deben ser postas en valor en Galicia". E sinala que agora o importante é pensar entre todos que facer co monte: "estar en contra dese proxecto é fácil, agora temos que debater como xestionamos o espazo. O bonito agora é iso: a responsabilidade dos veciños, para agora facer propostas e facer de Cabral un modelo de monte comunal, aproveitando que é un dos montes comunais con máis recursos". E engade que "hai moitas cousas que se poden facer, moitos proxectos que levan tempo poñendo en práctica comunidades de montes máis pequenas e menos importantes, coma a que leva en Sabarís o propio Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes".

"Non creo que isto separara á parroquia, creo que nunca estivo tan unida. A xente nova nunca experimentara este sentimento de comunidade que viviron nos últimos meses"

Ao remate das votacións, José Manuel Estévez, voceiro dos opositores a Porto Cabral, laiábase de que "hai una parroquia dividida por culpa da xunta reitora, hai familias enfrontadas". Porén, Xisela Franco destaca que "fronte á desidia habitual, en Cabral agora fálase moito de todos os temas, debátese. Non creo que isto separara á parroquia, creo que nunca estivo tan unida. A xente nova nunca experimentara este sentimento de comunidade que viviron nos últimos meses", di.

Xisela Franco conclúe: "Isto é o principio dun compromiso donde a xente nova está comezando a implicarse co seu monte. Espero que Cabral e o sentimento de defensa da comunidade quede reforzado, que se aprenda que coa desidia e a falta de participación nas nosas institucións estas vanse viciando, e nós imos perdendo o poder sobre as conquistas legais pasadas, coma o Monte Comunal que tras o Franquismo logrouse recuperar para os veciños despois de moita loita".

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende
Parte de monte que sería destruído polo centro comercial Dominio Público O monte non se vende
Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.