O pasado 20 de xuño o Sergas adxudicoulle a Ibérica de Mantenimiento S.A. o servizo de mantemento integral de equipamento electromédico por un período de tres anos e catro meses. Este contrato consta de seis lotes que se corresponden coas Áreas de Xestión Integrada da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e X.A.P. de Vigo. Apenas uns poucos meses despois, CIG-Saúde denuncia que a empresa está incumprindo "todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta", tanto no referido a persoal como a tempos de resposta. Isto está a provocar, segundo o sindicato, que centos de citas sexan anuladas por problemas cos equipos. A CIG acusa a Xunta de "pasividade" e esíxelle o "rescate" do servizo.
Respecto do capítulo de persoal, denuncia que dos 91 postos ofertados, a día de hoxe non teñen cuberto o 60%. Respecto dos tempos de resposta sinalan que non cobren o servizo as 24 horas, carecen de medios materiais, incumpren os prazos para a substitución de equipos e non teñen a disposición do SERGAS os equipos ofertados para substituír en caso de avaría.
O sindicato denuncia que "a falta de control é tal que o SERGAS descoñece a existencia de contratos de mantemento, en vigor, de equipos con terceiras empresas"
Segundo a CIG, na maioría dos hospitais os servizos de radioloxía, endoscopias, diálise e esterilización estanse vendo obrigados a anular centos de citas porque os equipos (mamógrafos, ortopantógrafos, equipos endoscópicos, equipos de raios X) non se están a reparar nin son substituídos nos prazos estabelecidos. O sindicato denuncia que "a falta de control é tal que o SERGAS descoñece a existencia de contratos de mantemento, en vigor, de equipos con terceiras empresas que a adxudicataria do servizo de electromedicina se adxudica como traballos realizados".
Os custes da externalización
Para o sindicato este é un exemplo claro de que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do PP por privatizar a sanidade pública
CIG-Saúde denuncia que o que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel". “Uns profesionais" -di- "que coñecían á perfección o estado dos equipos e das instalacións e que agora se están a deteriorar, porque a empresa adxudicataria non fai as reparacións perceptivas argumentando obsolescencia de xeito que se aforra o custe destas reparacións. Isto implica que o SERGAS se verá abocado a repor equipos cuxa vida útil non rematou", sinalan.
Para o sindicato este é un exemplo claro de que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do Partido Popular por privatizar a sanidade pública entregándoa a empresas privadas para facer negocio coa saúde dos cidadáns”. Por iso exixe que a Xunta "rescate este contrato e o devolva á situación anterior”.
A privatización continúa
Trátase dun concurso moi importante, tanto no económico (88,3 millóns de euros), coma no que implica: "a supresión definitiva da idea de que unha empresa pública sexa a encargada de definir as necesidades tecnolóxicas do SERGAS"
O pasado 11 de outubro rematou o prazo de presentación de ofertas ao SERGAS para a contratación dunha solución global da tecnoloxía de diagnóstico por imaxe, intervencionismo, medicina nuclear e radioterapia para a sanidade pública galega. Trátase dun concurso moi importante, tanto no económico (88,3 millóns de euros, incluíndo IVE), coma no que implica: "a supresión definitiva da idea de que unha empresa pública sexa a encargada de definir as necesidades tecnolóxicas do SERGAS, para que o faga directamente a empresa privada", como denunciaba Ana Luísa Bouza nun artigo publicado en Praza.
A ex deputada do BNG sinalaba que este concurso constitúe "un novo chanzo no proceso de privatización da sanidade, que agora afecta non só á prestación dos servizos, tamén, e sobre todo, á planificación estratéxica, que se abandona nas mans das multinacionais da tecnoloxía sanitaria". A adxudicación foi tamén criticada no parlamento pola deputada Eva Solla (AGE), que advertiu de que siginificará que "se impoñan os intereses económicos" sobre os científicos. Solla alertou de que en centros hospitalarios nos que a alta tecnoloxía xa está "semiprivatizada" se constata "un exceso" no número de probas necesarias para o paciente. A deputada asegurou que a renovación da maquinaria lle custaría ao Sergas uns 50 millóns de euros, e os aparatos "serían da súa propiedade".
"Nuñez Feijóo e a conselleira Mosquera asumen, ao adoptar esta fórmula, que non hai no SERGAS profesionais con capacidade para definir a tecnoloxía necesaria"
Este concurso, do que nas vindeiras semanas se coñecerán os seus beneficiarios, inclúe unha sopresa. A fórmula escollida para a licitación chámase diálogo competitivo, un método que se reserva para situacións en que a Administración contratante, pola complexidade do obxecto do contrato, non está obxectivamente capacitada para definir os medios técnicos para satisfacer as súas necesidades. Bouza sinalaba que "Nuñez Feijóo e a conselleira Mosquera asumen, ao adoptar esta fórmula, que non hai no SERGAS profesionais con capacidade para definir a tecnoloxía necesaria para atender as necesidades de presente e futuro da sanidade galega" e concluía dicindo que é "coma se unha farmacéutica definira as compras de medicamentos dun hospital coa escusa de que o departamento de farmacia non ten competencia para decidilo".
O diálogo competitivo, lembra Ana Luísa Bouza, "ten algunha outra sorpresa". Como se trata dun proceso de debate, "mesmo as condicións mínimas de partida que son publicadas e transparentes, poden resultar modificadas sen que iso invalide o contrato".