"Estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura..."

Placas instaladas en Amoeiro © Concello de Amoeiro

Cumprir a lei, tan só iso. E tamén coa dignidade. O Concello de Amoeiro anunciou que, seguindo a Lei de Memoria Histórica, presentou ante a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Ourense unha solicitude de autorización para instalar placas explicativas de Memoria Histórica en lugares públicos rotulados con simboloxía fascista. Trátase de 13 fontes públicas e da antiga escola pública de Parada de Amoeiro, espazos todos eles nos que se poden ver os escudos co xugo e as frechas, e outros elementos de exaltación do fascismo. Nas placa poderase ler que "estas imaxes pertencen á propaganda dunha ditadura que ocupou cos seus símbolos os espazos públicos máis emblemáticos. Permanecen aquí como denuncia histórica daquel réxime opresor". 

“É unha idea que tiñamos dende hai bastante tempo", comenta o alcalde Rafael Rodríguez (PSdeG-PSOE), "tiñamos claro que non nos iamos a poñer a desfacer as fontes, porque o problema é que son instalacións feitas sobre a propia fonte, non se poden retirar sen máis, sen afectar á estrutura”. "Esta é, ademais" -continúa- "pensamos que esta é, ademais, unha solución máis útil socialmente”.

“Para que imos amputar unha parte da historia cando o que temos que facer é contala?", pregúntase o rexedor

“Para que imos amputar unha parte da historia cando o que temos que facer é contala?", pregúntase o rexedor, que defende que coa colocación destas placas infórmase mellor do que foi a ditadura e réndese unha mellor homenaxe á vítimas e á súa dignidade que coa retirada da simboloxía fascista. “A mellor proba témola noutros países. Non é o mesmo que che conten o que foi o nazismo, que ir a un campo de concentración, estar alí, ver o que foi. Esa é a forma que contar a historia, ver como foi a realidade”. E engade que a visión dos xugos e frechas nas fontes do concello, coa explicación do que isto significou durante corenta ano permite amosarlle á xente "como foi a apropiación simbólica dos lugares públicos, como con esas imaxes se conseguía unha sensación de dominio e imposición, como se infundía temor na xente”. "Conservar a memoria forma parte do patrimonio dun pobo. O esquecemento é algo que nos divide. Hoxe hai moita xente que non sabe que é iso. É necesario que a xente saiba que é iso que está aí", conclúe.

"Conservar a memoria forma parte do patrimonio dun pobo. O esquecemento é algo que nos divide"

O Concello, sinala o alcalde, persegue catro obxectivos con esta medida. Un "pedagóxico", ao "reflectir a finalidade propagandística e opresora da ocupación simbólica de lugares públicos". Tamén, "de reparación do sentir de repulsa, ao actuar como expresión de denuncia dos abusos acometidos". Ademais, busca concienciar "con respecto ás dramáticas consecuencias da ditadura e, en xeral, das ideoloxías que priman a imposición sobre o diálogo". E, finalmente, quere contribuír a "crear concordia", ao declarar "a supremacía da paz e a democracia sobre os totalitarismos e a violencia". Xa en 2009 Amoeiro homenaxeou os mestres represaliados pola ditadura. E, máis recentemente, este pequeno concello ourensán foi noticia por ser un dos primeiros que tentou cobrarlle ás propiedades da Igrexa o IBI.

Xa en 2009 Amoeiro homenaxeou os mestres represaliados pola ditadura

A medida está a xerar unha gran repercusión, mesmo fóra de Galicia. “O que é sorprendente é a sorpresa que está a xerar esta decisión", salienta o alcalde, que lamenta que "esteamos tan acostumados a non tocar as cousas, a deixar que todo siga igual". "Estamos afeitos a ser pasivos ou inactivos ante cousas coas que deberiamos ser moito máis activos”, di. 

Afirma que a decisión foi ben recibida polos veciños: "Si que lin algúns comentarios en Internet que facían referencia a que isto non servía para loitar contra a crise económica". "Que terá que ver a crise nisto? Parece que só se pode falar do que algúns queren en cada momento" -di- “Esta medida non é onerosa, en absoluto, e de feito estamos valorando utilizar resinas, materiais que sexan baratos, porque non se trata diso, trátase de informar”.

"Estamos afeitos a ser pasivos ou inactivos ante cousas coas que deberiamos ser moito máis activos”, di

"Neste momento estamos poñendo en marcha o primeiro polígono virtual de Galicia. Esa si é unha medida tendente á crear emprego e a loitar contra a crise. Queremos converter Amoeiro nun concello que aúne tradición e tecnoloxía, queremos ser o primeiro concello 2.0 de Galicia. Calquera concello, por pequeno que sexa, pode ter iniciativas", conclúe.

Placas instaladas en Amoeiro © Concello de Amoeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.