23 mil animais son abandonados cada ano en Galicia

Instalacións da Protectora Arco da Vella, en Ferrol © Ángeles Martínez

É moi difícil dar cunha cifra precisa e confiable sobre o número de animais que cada ano se abandonan en Galicia. Recentemente a Asociación Libera ofreceu no Parlamento un número estimativo de 23 mil, a meirande parte gatos e cans, e entre eles unha parte non pequena de cans de caza que ao remate da tempada son deixados sen fogar polos seus donos. Na actualidade a cativa infraestrutura e os limitados recursos dos refuxios municipais non son quen de facer fronte a esta realidade, que en parte é paliada polo voluntarismo e a acción desinteresada dun feixe de entidades protectoras en toda Galicia.

Así, a escasa preocupación amosada pola Xunta na defensa dos dereitos dos animais deriva en que cada ano centos morran atropelados, ou teñan que ser sacrificados nos propios refuxios municipais. No ano 2011, por exemplo, o refuxio municipal de Bando, en Compostela, fíxose cargo de máis de 1.300 animais e tivo que practicar 234 eutanasias.

Entre 2009 e 2012 tan só houbo 18 sancións por infraccións graves ou moi graves da Lei 1/93 de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, denuncia Libera, un número moi inferior ás sancións impostas pola presunta peligrosidade de certas razas de cans. Este dato, reflexiona a entidade, "amosa unha realidade que ten dúas vertentes, por unha banda a falta de medios públicos para atallar problemáticas como o abandono ou o propio maltrato cara os animais, e por outra a nula actividade das entidades protectoras e dos colectivos animalistas na denuncia activa dos casos que chegan as súas mans e tamén que pululan nas redes sociais, moi activas na denuncia pasiva, prácticamente inútiles segundo vemos".

A Protectora Arco da Vella (Ferrol), a Asociación Abeiro (Compostela), O Gato Pirata (A Mariña), Asociación Protectora de Animales Domésticos Abandonados del Noroeste (A Coruña), Vigomascotas (Vigo), Sociedade Protectora de Animales y Plantas (Lugo), Progape (Ourense) ou a Protectora de animais Os palleiros (Pontevedra) realizan un labor fundamental e desinteresado, acollendo temporalmente animais abandonados, buscándolles fogares, servindo de punto de encontro e información sobre cans e gatos desaparecidos ou maltratados e, ademais, completando un traballo pedagóxico que aínda é máis que necesario.

Agora que se achega o nadal, enuméranse unha vez máis as recomendacións de non usar os animais como agasallo pouco reflexionado, así como as peticións para que as camadas caninas non se convirtan nun negocio (de feito é ilegal poñer a criar un animal para vender os seu cachorros) e as demandas xerais para que, como alternativa, se adopten os centos de cans que enchen os refuxios. A mensaxe, en definitiva, é que os animais son seres con dereitos, e non poden ser tratados como un xoguete máis ou como unha mercadoría.

"A complicidade da administración é evidente", xa que, conclúen, "delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo"

A seguir, falamos con algúns dos responsables da Protectora Arco da Vella (Ferrol), a Asociación Abeiro (Compostela) e do Gato Pirata (A Mariña), sobre a súa actividade, o apoio que contan por parte das administracións, a concienciación da sociedade ou das formas nas que unha persoa interesada podería axudar. Salientan que o máis duro do seu labor é "ser consciente da imposibilidade de salvalos a todos" e sinalan que "a responsabilidade da durísima realidade de milleiros de animais no noso país é, evidentemente, das persoas que levaron a ese can, a ese gato, ou a calquer outro animal a esa situación, pero a complicidade da administración é evidente", xa que, conclúen, "delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo, e non castiga aos infractores e maltratadores, en parte porque a lexislación é practicamente inexistente, pero en maior parte porque tampouco actúa dentro do actual marco legal contra eles".

"Hai que dotalas do orzamento necesario, elaborando proxectos realistas que fomenten a adopción responsábel, a esterilización como prevención dos nacementos non desexados, e as campañas formativas e educativas"

Dende Abeiro engaden que "o primeiro que ten que facer a administración é facer que se cumpra a lexislación. A lei 1/1993 é claremente insuficiente, pero ainda así  é incumprida sistematicamente sen que se tomen medidas contra os infractores". E conclúen que "os refuxios e protectoras son un mal necesario. O ideal sería que un día desaparecesen por innecesarias. Pero mentras existen, hai que dotalas do orzamento necesario, elaborando proxectos realistas que fomenten a adopción responsábel, a esterilización como prevención dos nacementos non desexados, e as campañas formativas e educativas en todos os ámbitos, empezando polo escolar. En definitiva dar unha solución integral, xa que afecta a toda a sociedade".

Voluntarias na Protectora Arco da Vella © Ángeles Martínez
Paseo dado por un voluntario da protectora Os Palleiros © Protectora Os Palleiros
Instalacións de Apadán © Apadán

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.