0 Gardados para despois

23 mil animais son abandonados cada ano en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


É moi difícil dar cunha cifra precisa e confiable sobre o número de animais que cada ano se abandonan en Galicia. Recentemente a Asociación Libera ofreceu no Parlamento un número estimativo de 23 mil, a meirande parte gatos e cans, e entre eles unha parte non pequena de cans de caza que ao remate da tempada son deixados sen fogar polos seus donos. Na actualidade a cativa infraestrutura e os limitados recursos dos refuxios municipais non son quen de facer fronte a esta realidade, que en parte é paliada polo voluntarismo e a acción desinteresada dun feixe de entidades protectoras en toda Galicia.

Así, a escasa preocupación amosada pola Xunta na defensa dos dereitos dos animais deriva en que cada ano centos morran atropelados, ou teñan que ser sacrificados nos propios refuxios municipais. No ano 2011, por exemplo, o refuxio municipal de Bando, en Compostela, fíxose cargo de máis de 1.300 animais e tivo que practicar 234 eutanasias.

Entre 2009 e 2012 tan só houbo 18 sancións por infraccións graves ou moi graves da Lei 1/93 de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade, denuncia Libera, un número moi inferior ás sancións impostas pola presunta peligrosidade de certas razas de cans. Este dato, reflexiona a entidade, "amosa unha realidade que ten dúas vertentes, por unha banda a falta de medios públicos para atallar problemáticas como o abandono ou o propio maltrato cara os animais, e por outra a nula actividade das entidades protectoras e dos colectivos animalistas na denuncia activa dos casos que chegan as súas mans e tamén que pululan nas redes sociais, moi activas na denuncia pasiva, prácticamente inútiles segundo vemos".

A Protectora Arco da Vella (Ferrol), a Asociación Abeiro (Compostela), O Gato Pirata (A Mariña), Asociación Protectora de Animales Domésticos Abandonados del Noroeste (A Coruña), Vigomascotas (Vigo), Sociedade Protectora de Animales y Plantas (Lugo), Progape (Ourense) ou a Protectora de animais Os palleiros (Pontevedra) realizan un labor fundamental e desinteresado, acollendo temporalmente animais abandonados, buscándolles fogares, servindo de punto de encontro e información sobre cans e gatos desaparecidos ou maltratados e, ademais, completando un traballo pedagóxico que aínda é máis que necesario.

Agora que se achega o nadal, enuméranse unha vez máis as recomendacións de non usar os animais como agasallo pouco reflexionado, así como as peticións para que as camadas caninas non se convirtan nun negocio (de feito é ilegal poñer a criar un animal para vender os seu cachorros) e as demandas xerais para que, como alternativa, se adopten os centos de cans que enchen os refuxios. A mensaxe, en definitiva, é que os animais son seres con dereitos, e non poden ser tratados como un xoguete máis ou como unha mercadoría.

"A complicidade da administración é evidente", xa que, conclúen, "delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo"

A seguir, falamos con algúns dos responsables da Protectora Arco da Vella (Ferrol), a Asociación Abeiro (Compostela) e do Gato Pirata (A Mariña), sobre a súa actividade, o apoio que contan por parte das administracións, a concienciación da sociedade ou das formas nas que unha persoa interesada podería axudar. Salientan que o máis duro do seu labor é "ser consciente da imposibilidade de salvalos a todos" e sinalan que "a responsabilidade da durísima realidade de milleiros de animais no noso país é, evidentemente, das persoas que levaron a ese can, a ese gato, ou a calquer outro animal a esa situación, pero a complicidade da administración é evidente", xa que, conclúen, "delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo, e non castiga aos infractores e maltratadores, en parte porque a lexislación é practicamente inexistente, pero en maior parte porque tampouco actúa dentro do actual marco legal contra eles".

"Hai que dotalas do orzamento necesario, elaborando proxectos realistas que fomenten a adopción responsábel, a esterilización como prevención dos nacementos non desexados, e as campañas formativas e educativas"

Dende Abeiro engaden que "o primeiro que ten que facer a administración é facer que se cumpra a lexislación. A lei 1/1993 é claremente insuficiente, pero ainda así  é incumprida sistematicamente sen que se tomen medidas contra os infractores". E conclúen que "os refuxios e protectoras son un mal necesario. O ideal sería que un día desaparecesen por innecesarias. Pero mentras existen, hai que dotalas do orzamento necesario, elaborando proxectos realistas que fomenten a adopción responsábel, a esterilización como prevención dos nacementos non desexados, e as campañas formativas e educativas en todos os ámbitos, empezando polo escolar. En definitiva dar unha solución integral, xa que afecta a toda a sociedade".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Credes que a xente se vai concienciando máis do terrible que é maltratar ou abandonar un ser vivo? Ou dos problemas e responsabilidades que acarrea 'regalar' un animal?

O Gato Pirata: Si, pero con peros: non cremos que haxa un descenso notable de tales actividades, pero si que aqueles que o "vían mal" agora están máis concienciados, as súas críticas e demandas teñen máis peso que antes, o movemento animalista é emerxente, xa poucas persoas quedan ás que conceptos como especismo ou veganismo lle sexan descoñecidos. Os individuos que reciben as críticas quedan perplexos porque non entenden que fan mal se o fixeron "toda a vida" e antes ninguén lles dicía nada. Por todo isto as campañas de divulgación son moi importantes. Xa houbo varias condenas por malos tratos animais en España, o que polo menos aínda que só sexa por non meterse en problemas e non por conciencia xa o pensan dúas veces antes de ter un animal ao seu cargo aqueles que non están dispostos a tratalo como se debe, como un individuo con dereitos.

Arco da Vella: Todo o labor da protectora e de xente voluntaria que acode de forma altruista e cada día vemos a xente máis concienciada co abandono e o maltrato.

"Vivimos nunha sociedade onde a violencia é algo habitual no noso día a día. Os animais non humanos non son alleos a esta realidade"

Abeiro: Vivimos nunha sociedade onde a violencia é algo habitual no noso día a día. Os animais non humanos non son alleos a esta realidade. A violencia exercida ao considerado “inferior” ou “diferente” cébase especialmente con eles. Son considerados seres sen dereitos, e por iso poden ser cousificados sen que a case ninguén lle chame a atención. Así vemos animais utilizados como defensa e alarma (é moi normal ver cans permanentemente, ou a maior parte do tempo, amarrados, e isto tamén é maltrato), como raticidas (gatos que se teñen para “os ratos”), e se nos metemos xa nos animais considerados exclusivamente como alimento ou goce (animais usados para consumo humano, touros, circos, etc) a violencia é moi superior. Pode ser que haxa unha maior sensibilidade cara o maltrato, pero só cara a determinadas especies (felina e canina basicamente), e ainda así queda moito camiño por andar.

Efectivamente un ser vivo non debe ser considerado nunca como un agasallo, por iso tamén pensamos que non debe ter prezo, e de aí que non esteamos dacordo coa súa venda. Entendemos que debe ser considerado un membro máis da familia, e a súa pertenza á mesma ten que ser un acto asumido por todas as persoas que forman parte da mesma. A adopción ten que ser un acto responsábel, e debe ser un camiño só de ida, nunca de retorno. A cría de animais por particulares é algo que debería ser controlado pola lexislación. A única alternativa ao sacrificio de centos de cans e gatos diariamente no noso país é a súa esterilización. Non hai outra. Non ten sentido que sigan nacendo máis cando non somos quen de atoparlles familias aos milleiros de animais que precisan un fogar. Son a nosa responsabilidade, e a administración debería comezar a prantexarse a necesidade de comezar a regular esta cuestión.

Hai algunha anécdota, boa ou mala, que pensedes que reflicte ben o que é a vosa protectora?

O Gato Pirata: Hai momentos difíciles, e momentos moi agradables, é o caso de Frida, unha perrita extraviada durante meses e que atopamos, o reencontro coa súa familia foi moi gratificante.  Momentos desagradables? uff tantos.. ter que eutanasiar un gato encerellado na correa de distribución dun coche, terrible, non tiña posibilidades de sobrevivir, os seus traumatismos eran moi graves, o propietario do coche estaba disposto a cortar a correa, pero nin así, e tívose que tomar a decisión difícil de eutanasiar no sitio.

Arco da Vella: Coma en todo, hai casos extremos e pasan cousas arrepiantes, coma o caso dos cans de San Sadurniño que os deixaron pechados un mes sen auga nin comida e coméronse uns a outros. Ou os boxers que apareceron moi delgadiños abandonados nun monte e un deles morreu, cans aforcados e acoitelados, cachorros nun contedor, deixados para morrer polo monte...etc. Pero tamén momentos incribles, coma a de Pelua, que vivía cerca dun campamento de venda de droga e cando a rescatamos con dous cachorros, botábanos a boca e gruñía, e agora e a primeira en vir a recibirnos e darnos bicos. Ou a Magui que perdeu a patiña nun cepo no monte; xa leva un ano con nosoutros e estaba sempre morta de medo nunha esquiniña e agora ven saudar correndo e mesmo xa pasea.

"A complicidade da administración é evidente, xa que delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo"

Abeiro: O máis duro é ser consciente da imposibilidade de salvalos a todos. A responsabilidade da durísima realidade de milleiros de animais no noso país é, evidentemente, das persoas que levaron a ese can, a ese gato, ou a calquer outro animal a esa situación, pero a complicidade da administración é evidente, xa que delega covardemente a súa responsabilidade en asociacións como a nosa, que facemos ese traballo porque non hai quen se ocupe do mesmo, e non castiga aos infractores e maltratadores, en parte porque a lexislación é practicamente inexistente, pero en maior parte porque tampouco actúa dentro do actual marco legal contra eles.

Os mellores momentos son ver a animais recollidos practicamente mortos, vivindo hoxe felices e queridos, integrados totalmente nas súas familias. O que cremos reflicte mellor o que é Abeiro é este pequeno conto: o mar deixara milleiros de estrelas de mar na area dunha praia, estrelas condeadas a morrer baixo o sol. Alguén se dedicaba a coller estrelas e lanzalas de novo ao mar para evitar que morresen.  Un home que ve o que fai, diríxese a esa persoa para dicirlle “por que fas iso? Non ves que é imposíbel salvalas a todas? Non ten sentido”. Quen as salvaba respostou mentras arroxaba unha nova estreliña ao mar: “para esta si ten sentido”.  Para nós calquera vida ten sentido, e salvar unha única vida é motivo suficiente para continuar.

Como vos financiades? Como se pode colaborar con vós, tanto economicamente como con traballo voluntario?

Gato Pirata: Financiámonos con fondos privados basicamente, pola achega dos socios. Pódese colaborar connosco facéndose socio, o cal inclúe algunhas vantaxes como descontos en veterinarias ou nalgunhas entidades colaboradoras que se poden ver na nosa web; pódese colaborar co banco de alimentos ou como casa de acollida. Ser socio da organización animalista, protectora máis próxima, ademais de supor unha axuda, é unha gran vantaxe para todos os particulares, na maioría dos casos todas as organizacións dispoñen de descontos veterinarios para os seus socios, así que por unha pequena achega os particulares poden aforrar moito diñeiro en gastos veterinarios. O diñeiro que achegaron recupérano con fartura, é moi recomendable ser socio dunha protectora, polo que convidamos os veciños da nosa comarca na Mariña, o noso ámbito de actuación a ser socios e gozar dos descontos veterinarios que ofrecen as clínicas colaboradoras da asociación.

"Na maioría dos casos todas as organizacións dispoñen de descontos veterinarios para os seus socios, así que por unha pequena achega os particulares poden aforrar moito diñeiro en gastos veterinarios"

Arco da Vella: Financiámonos coas doazóns da xente, mercadiños benéficos e concursos e cursiños que facemos. Sempre temos escaseza de medios económicos, pero a xente axuda e sobre todo os voluntarios que veñen a pasear e axudar cos cans.

Abeiro: Non temos ningún tipo de subvención ou axuda institucional. Algo vergoñento, mentras se siguen subvencionando espectáculos que torturan animais, como por exemplo as touradas. Iso mostra moito que tipo de sensibilidade atopamos. Financiámonos exclusivamente coas achegas económicas dos nosos socios e socias, e diferentes actividades como mercadiños, venda de lotaría de nadal, sorteos, etc. Calquera persoa que queira colaborar e axudar será moi benvida, sempre precisamos axuda no noso traballo: casas de acollida, persoas para recoller gatos e gatas de colonias e levalas a esterilizar ás nosas clínicas colaboradoras, para actualizar a nosa páxina de facebook ou a nosa conta de correo, organizar actividades para financiarnos, facer preseguimentos e seguimentos das nosas adopcións, etc.

Que podería facer a administración para mellorar o funcionamento das protectoras e refuxios?

Abeiro: O primeiro que ten que facer a administración é facer que se cumpra a lexislación. A lei 1/1993 é claremente insuficiente, pero ainda así  é incumprida sistematicamente sen que se tomen medidas contra os infractores. Por exemplo, a citada lei di que son os Concellos os reponsábeis de velar polos animais abandonados  no seu municipio e da súa recollida. Cantos concellos de Galiza cumpren con esta obriga? A maioría non ten nin refuxio propio, nin convenio con ningunha asociación para levar adiante esta función, nin coa consellaría responsábel, que son as tres opcións que contempla a lei, e non pasa nada. Dificilmente se pode exixir aos cidadáns que cumpran a lei cando os principais infractores son as institucións.

"O primeiro que ten que facer a administración é facer que se cumpra a lexislación. A lei 1/1993 é claremente insuficiente, pero ainda así  é incumprida sistematicamente sen que se tomen medidas contra os infractores"

Os refuxios e protectoras son un mal necesario. Existen porque os seres humanos creamos esta necesidade. O ideal sería que un día desaparecesen por innecesarias. Ningún ser vivo debería vivir engaiolado. Pero mentras existen, hai que dotalas do orzamento necesario, elaborando proxectos realistas que fomenten a adopción responsábel, a esterilización como prevención dos nacementos non desexados, e as campañas formativas e educativas en todos os ámbitos, empezando polo escolar. En definitiva dar unha solución integral, xa que afecta a toda a sociedade.

Gato Pirata: Moi simple, só debe facer unha cousa, cumprir coa Lei 1/1993 do 13 de Abril de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (publicada o 22/04/1993). Moitas protectoras descoñecen que están a suplir esta obrigatoriedade por lei dos municipios, descoñecen que están a pagar con fondos privados algo que ten que ser un servizo público, que están obrigados a facer desde hai 20 anos e non fan, cada protectora que se atope nun municipio que careza de plan asistencial, debe denunciar. Hai que ter claro dúas cousas, que exista unha protectora non suple a obriga dun municipio de asistir a un animal extraviado, debe ter as instalacións axeitadas para a custodia o tempo que asigna a lei antes de enviar os animais a un refuxio, e os gastos ocasionados por esa custodia débeos pagar o municipio, só unha vez pasado o prazo é cando o municipio debe moverse para buscar refuxio, para o que debe incentivar a creación deles e facer convenios como marca a lei , e doutra banda saber que a práctica habitual de moitos municipios de sacrificar a diario unha vez acabado o prazo legal de custodia tamén é ilegal.

A cidadanía debe esixirlle ás administracións o cumprimento desa lei, pois non só afecta a animais abandonados, póñanse no caso de que a alguén se lle extravíe o seu propio can, imaxinemos unha situación moi habitual: o can asústase por pirotecnia, escapa, desoriéntase e pérdese; ese animal ten dereitos, ten dereito a ser asistido e estar en custodia ata que apareza o seu coidador, pero na maioría dos casos, o animal deambula só, ningunha autoridade mira para el, nin protección civil, nin policía, nin nada. Nin sequera paran para comprobar se ten chip. Por que? Pois porque aínda que quixesen axudalo non posúen nin as instalacións mínimas para telo en custodia porque no municipio no que traballan non hai plan asistencial. Neses casos os particulares deben denunciar. As leis que existen até agora son deficientes, pero se nin sequera nos preocupamos de que se cumpran eses mínimos, se non facemos cumprir os nosos dereitos mínimos, pouco se pode facer, e pouca credibilidade podemos ter se solicitamos estender os nosos dereitos cando non defendemos os mínimos.

Como é un día normal na protectora?

Abeiro: A asociación pola protección animal Abeiro é unha asociación pequena, sen refuxio propio, funcionamos con casas de acollida, persoas que acollen temporalmente algún dos nosos animais rescatados da rúa, ata que lles atopamos un fogar definitivo. Este modus operandi define o noso traballo diario, non temos un día igual a outro. Hai días nos que auxiliamos a animais feridos, outros nos que atopamos camadas abandonadas, noutras ocasións temos que lidiar con denuncias por maltrato, outras veces organizamos charlas formativas… O noso obxectivo fundamental é tratar de mellorar a vida ao maior número de animais que poidamos.

"Hai días nos que auxiliamos a animais feridos, outros nos que atopamos camadas abandonadas, noutras ocasións temos que lidiar con denuncias por maltrato, outras veces organizamos charlas formativas…"

Arco da Vella: Un dia na protectora ocúpase en limpar, dar comidas, pasear todos s dias os cans...etc. Un dia dedícase ao baño dos cans, outro a desparasitar, visítanos unha veterianria polo centro dous dias á semana e os outros dias hai dúas rapazas axudantes de veterinaria que veñen voluntarias.

O Gato Pirata: A axenda dun día normal e tranquilo sen sobresaltos é a seguinte: Limpeza da colonia de gatos urbanos que xestionamos, alimentar os gatos, limpar as gateiras e facer reconto da poboación. Estamos a deseñar un sistema de casas de acollida en conxunto coa administración local para o plan de asistencia a animais que esperamos poder presentar no tempo máis breve posible á comunidade. E a xestión da colonia felina urbana está xa totalmente consolidada co municipio, o cal nos prové de material para as gateiras e servizos de limpeza e intercede en caso de conflitos con veciños que aínda pensan que a presenza das gateiras é 'maligna'. Somos de nova creación e todo este proceso, aínda que lento pero queda feito, parécenos importante antes da captación de colaboradores, para ter claro un plan de acción.